O Xallas, o río galego que podería estar "secuestrado" ata o 2099

É o máis densamente explotado da bacía de Galicia-Costa, con 4 encoros. Se prosperan os proxectos de centrais de bombeo, o caudal deste río estaría case 190 anos "regulado".

Por Galicia Confidencial | Carnota | 11/09/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Dous proxectos de centrais de bombeo no río Xallas presentados por Feroe Ventures & Investments, S.L.U. e Portodemouros Solar SL, ameazan a riqueza ecolóxica e o caudal deste río. O primeiro, de case 400 MW, usa unha balsa superior de 2,5 hm3 para bombear a auga do encoro de Santa Uxía, no Xallas, e logo turbinar. O segundo, de 80 MW, usa dúas balsas de 1 hm3 cada unha, para turbinar/bombear en bucle, ao usar tamén como fonte de auga inicial o encoro de Santa Uxía.

Afectación das centrais de bombeo proxectadas no río Xallas
Afectación das centrais de bombeo proxectadas no río Xallas | Fonte: Adega

Os proxectos presentados atópanse moi próximos ao espazo da Rede Natura 2000 ZEC “Carnota-Monte Pindo”, situado inmediatamente ao Oeste e contiguo ao encoro de Santa Uxía. A este respecto, no vixente Plano Hidrolóxico para o río Xallas, que atravesa a ZEC ES1110008 augas abaixo do encoro de Santa Uxía, aínda non se determinaron todas as compoñentes dos caudais ambientais, quer os requerimentos hídricos das zonas protexidas da Rede Natura 2000.

 

As empresas peticionarias pretenden un prazo concesional de 75 anos para os seus aproveitamentos. No encoro Santa Uxía, que necesariamente funcionaría como depósito inferior para o proxecto de “Feroe Ventures & Investments, S.L.U.” e fornecedor do caudal inicial para o de “Portodemouros Solar SL”, hai vixente unha concesión para usos hidroeléctricos (98,1 MW) que se estende até o ano 2063. Tendo en conta isto, a autorización de novos aproveitamentos para centrais reversíbeis ou de bombeo alongaría de facto a permanencia do encoro de Santa Uxía moito máis aló do prazo máximo concesional.

 

Deste xeito o río Xallas, o máis densamente explotado da bacía de Galicia-Costa, con 4 encoros en 15 km de río (Fervenza, Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía) e 7 e Santa Uxía (98,1 MW); podería ficar até 189 anos regulado (dende 1910, data do primeiro aproveitamento no río, até o ano 2099).

Explotación hidráulica do río Xallas
Explotación hidráulica do río Xallas | Fonte: Adega

 

EN PERIGO O PATRIMONIO NATURAL DO RÍO

 

O Encoro de Santa Uxía figura no Inventario de Zonas Húmidas de Galiza e foi considerado a teor da Directiva 91/271/EEC “zona sensible”, así como a súa área de captación, na última actualización da declaración de “zonas sensibles” no ámbito de Galicia-Costa. Contrariamente ao requirido para as zonas sensibles, na documentación dos dous proxectos non se valoran as afeccións derivadas do desvío de caudais e das continuas variacións no nivel do encoro na mobilización de contaminantes.

 

A construción destas infraestruturas eliminará tamén unha superficie significativa de áreas hidromorfas con hábitats higrófilos (matogueira húmida e turbeiras), particularmente nas zonas altas. Os hábitats prioritarios tipo 4020* (breixeiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de E. ciliaris e E. tetralix); 7110* (turberas altas activas), así como o de interese comunitario 7120 (turbeiras altas degradadas que poden rexenerarse de xeito natural), están presentes na área afectada.

 

"SECUESTRO" DO RÍO

Autorizar estas concesións suporía fosilizar até o ano 2099 o secuestro do Xallas, o río máis sobreexplotado da bacía de Galicia-Costa, con 4 encoros e 7 aproveitamentos hidroeléctricos en 15 km de río, denuncian desde a organización ecoloxista Adega, que xa presentou alegacións a un proxecto. "Lonxe de impulsar as renovábeis e dar estabilidade ao sistema, non pretenden outra cousa que lucrarse ao especular co prezo da electricidade a costa dun brutal impacto paisaxístico e ambiental", indica a entidade nun comunicado. Asi, di que as demandas hídricas dos aproveitamentos solicitados provocarán modificacións substanciais do balanzo hídrico das bacías afectadas tanto augas abaixo como tamén augas arriba, o que afecta negativamente as captacións de abastecemento tanto en caudal como nos parámetros de calidade físico-química da auga.

Adega destaca que, nin as concesións solicitadas nin os proxectos que pretenden beneficialas teñen sido valorados no Plano Hidrolóxico da bacía, e poderían comprometer a consecución dos obxectivos medio-ambientais, cuxo cumprimento foi xa por tres veces prorrogado pola Xunta para o Encoro Santa Uxía. "No vixente Plano Hidrolóxico, os usos ambientais prevalecen sobre os hidroeléctricos. Unha eventual nova prórroga debida ás distorsións e alteracións introducidas por novas concesións como as solicitadas para esta masa de auga resulta inaceptábel e apuntaría a unha grave irresponsabilidade e mesmo neglixencia por parte da administración hidráulica", critica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta