Faise viral ao facer unha campaña ficticia para enxalzar a súa vila, A Guarda: "Nin de broma me imaxinara tal repercusión"

Xulia Vicente é estudante de cuarto ano de Publicidade e Relacións Públicas e nun verán algo libre decidiu desterrar o prexuízo de que neste concello "non hai nada".

Por Amanda Fernández | Lugo | 20/09/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

"O que nada ten, nada lle falta" mencionaba Xulia Vicente no seu vídeo que xa leva 126.000 reproducións en Instagram e 149.400 en Tik Tok no que amosa a campaña ficticia que levou a cabo este verán. É estudante de cuarto curso do grao en Publicidade e Relacións Públicas da Universidade de Vigo e considérase do máis inquieta. "Sempre ando pensando en ideas e cousas e estou acostumada a verlle a practicamente todo o lado publicitario", confesa Xulia. Foi un día mentres estaba correndo cando se lle ocorreu facer algo "de proveito neste verán máis libre" e así gozar da súa paixón. O cliente da campaña sería a súa vila, A Guarda, e púxose mans a obra. 

Xulia Vicente
Xulia Vicente | Fonte: Cedida

Comenta que seguiu os dous pasos habituais, por un lado, pensar a idea e concretala e, polo outro, xuntar materiais e maquetalo. A necesidade para atopar a idea era "desterrar o prexuízo que tiñan os veciños ao pensar que na vila non hai nada". Así, comezou a unir conceptos para conseguir dar unha mensaxe que se entendese, xa que un dos principios da publicidade é que "se hai que explicar é porque non está ben explicado". O seguinte xa foi maquetar e realizar un vídeo, o cal lle levou pouco máis dunha semana, xa tendo os conceptos estruturados. Todo isto fíxoo ela soa, pero precisou dunha cámara para realizar as fotografías dos carteis. Fixo un chamamento por Instagram e foi un amigo da vila o que lla deixou desinteresadamente e sen saber para que sería. 

De feito, o único gasto ao que fixo fronte foi nos carteis, nos que recoñece que gastou uns 15 euros nunha imprenta da Guarda. O resto foi editado co teléfono e cun programa de vídeo de balde, polo que non invertiu case nada. Quixo afrontar este reto con tempo para desfrutalo sen o estrés das entregas en tempo límite que hai durante o curso. "Levoume pensar a idea tranquilamente mes e medio e logo facer a campaña como tal pouco máis dunha semana. Quixen aproveitar e vivir cada paso do proceso creativo", expón. 

"NIN DE BROMA ME IMAXINARA TAL REPERCUSIÓN"

A súa campaña ficticia chegou a moitas persoas, xa que tiña bastante claro que, cun presuposto baixo, os principais motores ían ser Instagram e Tik Tok: "Sabía que tiñan potencial de viralidade e fixen o vídeo de maneira que conseguise enganchar e chegar". Máis aló das visualizacións e dos 'likes', Xulia quédase, en especial, con esa xente da vila que compartiu o vídeo porque era a quen ía dirixida a mensaxe.

Os carteis da campaña ficticia
Os carteis da campaña ficticia | Fonte: Cedido

Tamén foron moitos os profesionais do sector da publicidade os que lle comentaron para darlle os parabéns: "Agardaba unha boa acollida, pero nin de broma me imaxinara tal repercusión, tanto de Galicia como de España. Cheguei a grandes marcas como Heura, ou a persoas que traballan en grandes empresas, ás que non pensei que ía chegar nin en soños. Encheume ver que os que traballan nisto recoñecesen o meu traballo". Non faltaron tampouco as felicitacións na súa volta á aula de compañeiros e tamén dos profesores, aos que lles sorprendeu que fixera iso soa e en tan pouco tempo. 

Xulia é unha apaixonada do que fai e chámanlle a atención todas as saídas que ten a publicidade, pero enfocará o seu futuro profesional cara á publicidade orgánica. É dicir, o mundo das axencias porque lle gustaría ser creativa publicitaria, en especial encargarse de redactar os textos das campañas. Porén, vendo todo isto poderiamos dicir que é algo co que sempre soñou, pero non foi así. Comezou a carreira pensando en que lle gustaría máis a parte de Relacións Públicas porque non se consideraba unha persoa hipercreativa. "Foi unha barreira que me puxen, pero xa no segundo ano me din conta de que era máis creativa do que pensaba. Tiña que desterrar esa concepción e darme unha oportunidade para ver o potencial. Agora teño claro que seguirei polo camiño da creatividade", manifesta. 

REIVINDICAR O LUGAR DAS MULLERES E O TALENTO DE GALICIA PARA FÓRA

Que consello lle daría a aquelas persoas que coma ela teñen esa barreira? "Diríalles que se quiten os prexuízos, en canto a elas mesmas, que confíen porque todo o mundo pode chegar a ter o potencial. Hai que darse a oportunidade de recoñecer o valor propio e ser quen de explotalo. Non hai que compararse coa mellor persoa do mundo, senón seguir o teu instinto e se cres que tes algo que ofrecer, que ninguén che diga que non es suficiente. En resumo, que confie en si mesma e que tire para adiante porque o resto vai vir só". 

No que atinxe á confianza tamén destaca que, neste eido, hai unha liña a seguir que se ensina na carreira: "Semella que hai un só camiño, formaste aquí, logo vas para Madrid, traballas nunha axencia e o teu éxito pasa por facer cousas enormes e chegar a un nivel internacional". En contraposición, sostén que está ben apostar polo grande, pero sen esquecer que hai que facer valer o talento da nosa comunidade, das creativas galegas. "Vexo a outras compañeiras e confirmo que aquí hai talento, pese a que o habitual sexa idolatrar o que hai fóra", expresa. 

Nos últimos anos ve moito auxe de axencias galegas, así como un aumento no nacemento de escolas de creatividade, pero aínda faltan. Existe un crecemento exponencial, moi pouco a pouco, pero considera que aínda hai moitas barreiras en comparación co tecido publicitario doutras comunidades, como Madrid ou Barcelona. Nun futuro gustaríalle facer o esforzo de demostrar que non fai falta marchar fóra para demostrar o talento que hai aquí: "Pódese chegar lonxe estando en Galicia, xa hai axencias galegas que chegaron a premios internacionais. Así, o maior prexuízo é pensar que necesariamente temos que marchar porque temos o talento e hai que potencialo máis". 

Neste momento de reflexión sobre o sector, quixo facer fincapé en que as mulleres teñen que facer un esforzo dobre para desterrar barreiras. "En varios artigos visibilizase que moitas das mulleres que traballan en axencias, só o 22% están en cargos directivos e a diferencia salarial é notable cubrindo os mesmos postos ca os homes", sinala. Nesta liña, reivindica que as mulleres creativas "somos parte do sector e o sector tamén é grazas a nós". 

Os carteis da campaña ficticia
Os carteis da campaña ficticia | Fonte: Cedido
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta