Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2024 | Actualizada ás 17:59
O xuíz decano de Santiago de Compostela e instrutor da causa do accidente do Alvia en Angrois, Andrés Lago Louro, apostou por que o Consello Consultivo deixe de ser un órgano "pasivo" ao cal as administracións poden consultar a súa postura e, por contra, adopte unha actitude "máis proactiva".
Na súa comparecencia ante a Comisión Institucional do Parlamento galego para presentar a súa candidatura a unha vacante no Consello Consultivo, a proposta do PP, o maxistrado sinalou que este órgano debe "anticiparse" e "non limitarse a esperar" a que lle pidan un ditame por parte da Administración autonómica, local ou universitaria. Nesta liña, instou a desenvolver unha actitude proactiva para que, no caso de que entren en conflito ou se vexan afectados os intereses xerais, este órgano poida propor unha redacción normativa "distinta" da proposta por un ente administrativo e que podería ser "máis adecuada".
Deste xeito, Lago Louro defendeu, durante a súa comparecencia, que é "apto" para o cargo e que a súa vocación de servizo público é "incuestionable", amparado por "máis de 5.000 resolucións" que ditou ao longo da súa vida profesional. Neste sentido, resaltou a súa "vocación de servizo público" e agregou que iso supón "defender" os intereses xerais "con obxectividade e con imparcialidade", así como "buscar a xustiza de cada caso concreto".
DEFENSA DO ESTADO DE DEREITO
Por outra banda, Lago asegurou que se considera "fanático" da defensa do Estado de Dereito, xa que lembrou que é unha "conquista" que hai que protexer día a día. Nesta liña, subliñou que a vocación de servizo público, a defensa dos intereses xerais con imparcialidade e obxectividade, así como a defensa "sen concesións" do Estado de Dereito, son as consignas que marcaron a súa vida profesional. Con todo, o maxistrado agradeceu a todos os grupos políticos a súa presenza e pediu o apoio á súa candidatura, ademais, agradeceu ao Grupo Popular por propolo a el para ocupar esta vacante.
APOIO DOS GRUPOS PARLAMENTARIOS
Pola súa banda, tanto o PSOE como o deputado de Demoracia Ourensana felicitaron a Andrés Lago pola súa candidatura e desexáronlle sorte nesta andaina. Ademais, a socialista Paloma Castro lembroulle que terá un reto por diante no Consello Consultivo, que é "lograr" que este órgano sexa "transparente e imparcial".
Así mesmo, o nacionalista Iago Tabarés felicitou ao maxistrado pola súa proposta e pola súa exposición, pero tamén falou durante a súa intervención da "instrumentalización perniciosa" do Consello Xeral do Poder Xudicial. Finalmente, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, defendeu a candidatura de Andrés Lago por ser un "xuíz próximo, humano e capaz de escoitar". Ademais, asegurou que é un home capaz de "xerar consenso".
EXPERIENCIA PROFESIONAL
En canto á súa experiencia profesional, Lago Louro ingresou na carreira xudicial en 2004, pasando a desempeñar o seu primeiro destino no Tribunal de Xustiza de Galicia (TSXG). Por concurso de traslados, foi destinado ao Xulgado de Primeira Instancia e Intrucción número 1 de Cistierna, en León. Despois regresaría a Galicia para exercer en Corcurbión, onde permaneceu ata 2014, cando tomou posesión como titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago. En 2018 foi elixido por primeira vez decano de Santiago, aínda que hai dous anos foi reelixido, e en 2020 asumiu a titularidade do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Santiago. Entre as súas actuacións xudiciais destaca a 'Operación Orquestra' e o caso 'Alvia'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.