Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2024 | Actualizada ás 13:01
O outono será "máis cálido e seco do normal" en Galicia, segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), cuxo delegado en Galicia, Francisco Infante, avanzou tamén un "tempo estable e asollado" ata o xoves. Todo iso tras un verán que ocupa o quinto lugar na serie histórica, empatado con outros tres, en canto a altas temperaturas.
Sobre o tempo ata este xoves, día 19, Infante asegurou que será "estable e asollado" debido á influencia dun anticiclón. Para o venres e o sábado prognosticou "inestabilidade, con chuvascos e treboadas". O domingo empeza o outono sobre as 14.45 horas e o tempo estabilizarase "un pouquiño".
Respecto da próxima semana, sinalou que será "normal" en canto a precipitacións e temperaturas. Para o mércores prevese a "entrada da primeira fronte do outono", aínda que, precisou Infante, "non será moi activa".
En canto ao verán, o delegado da Aemet en Galicia explicou que foi "moi cálido" en Galicia, con "diferenzas importantes entre o norte e sur". "Ocupa o quinto lugar da serie histórica desde 1961, empatado con outra tres", concretou. As temperaturas máis altas, apuntou tamén, alcanzáronse os días 23 e 24 xullo no sur da comunidade, en concreto, a máxima de 41,9 graos, no municipio ourensán de Ribadavia.
PRECIPITACIÓNS
Das choivas, cualificounas de "normais e irregulares, con contrastes impresionantes entre unhas zonas e outras" debido a que houbo "bastantes treboadas". Así, xuño e xullo foron "húmidos e chuviosos" pero "compensáronse cun mes de agosto moi seco" no que choveu "un terzo do que é habitual, que adoita ser moi pouco".
Respecto da primeira quincena setembro, Infante destacou que foi "máis seca do normal" e con temperaturas durante o primeiros dez días "por baixo do normal". "Nos últimos subiron de forma importante" cunha máxima o día 15 de 34,7 en Ribadavia, explicou tamén. Por outra banda, no balance do verán e as predicións para os próximos días e meses, incidiu en que Galicia ten "unha situación moi boa en canto a precipitación acumulada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.