Segue activo o incendio da Gudiña mentres que Medio Rural dá por controlado o de Palas de Rei

Está extinguido o incendio declarado na tarde do martes en Cerdedo-Cotobade, na parroquia de Augasantas, e que afectou a algo menos de 14 hectáreas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2024 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Rural dá por controlado o incendio que afecta o municipio de Palas de Rei, que se iniciou a pasada medianoite e que afectou tamén á localidade de Toques, na provincia da Coruña.

Segundo Medio Rural, o lume afecta, nunha estimación provisional, a unhas 40 hectáreas, e sobre as 8,30 horas deste xoves deuse por estibilizado. Agora as chamas están controladas, pero os medios de extinción segue traballando na zona.

Por outra banda, permanece activo o incendio forestal no municipio ourensán da Gudiña, na parroquia de Pentes. Este lume iniciouse pasado o mediodía do luns e foi controlado na mañá do mércores, aínda que se reactivaba horas despois.

Segundo as estimacións provisionais, o incendio afecta a unha superficie dunhas 280 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata agora 23 axentes, 44 brigadas, 25 motobombas, 6 pas, 3 técnicos, 10 helicópteros e 10 avións. Tamén participaron medios portugueses, ao estar o lume preto da fronteira.

Con respecto ao resto de incendios rexistrados, polo momento non se rexistraron cambios significativos: segue estabilizado o lume que afecta á parroquia de Barxa, tamén na Gudiña, cunha superficie dunhas 90 hectáreas; dáse por controlado o da parroquia de Requeixo, en Chantada, iniciado o martes e que afectou a 40 hectáreas; e está extinguido o incendio declarado na tarde do martes en Cerdedo-Cotobade, na parroquia de Augasantas, e que afectou a algo menos de 14 hectáreas.

Medio Rural tamén confirmou a Europa Press a actuación de medios de extinción noutros municipios, para incendios forestais de menor calado, nos que as chamas non afectaron a unha superficie moi grande.

Así, está estabilizado un lume declarado ao mediodía en Melón, que afectou a menos de media hectárea de terreo; está controlado un incendio en Guitiriz que empezou á primeira hora da mañá, cunha superficie afectada de 3,5 hectáreas; igualmente, está controlado outro incendio en Vilalba cunha superficie afectada de 1,45 hectáreas; e tamén se controlou un lume en Xermade, cunha hectárea de terreo afectada.

Por outra banda, Medio Rural informou da extinción dun 'conato' de incendio en Fornelos de Montes, da extinción dun incendio nas Neves e dun en Carballeda de Avia. En todos os casos, a superficie afectada foi igual ou inferior a unha hectárea.

Incendio declarado en Palas de Rei (Lugo), a 19 de setembro de 2024.. GARDA CIVIL
Incendio declarado en Palas de Rei (Lugo), a 19 de setembro de 2024.. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta