Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2024 | Actualizada ás 13:15
O presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que ten "tranquilidade absoluta" ante a comisión de investigación impulsada polo BNG no Parlamento de Galicia sobre o sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro, en relación aos contratos da Xunta con Eulen e aos da pandemia.
Así o asegurou nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, na que tirou de "retranca galega" para asegurar que "moi ben" o ten que facer o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que a oposición "sígalle facendo oposición" a Feijóo. "Os galegos coñécenme e a tranquilidade é absoluta", asegurou.
"O PSOE pretende, para tapar os problemas de corrupción do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, da súa familia, do seu partido e do seu goberno, manchar o resto de partidos", criticou o líder dos populares.
Neste sentido, incidiu en que "moi mal" ten que estar o BNG para "facer de palmeiro" dos socialistas que, continuou, con nove escanos é o "peor" PSOE "da historia da autonomía de Galicia".
"Supoño que calquera socialista que estivo durante os meus anos de presidente ou os anos que estiven na oposición está avergoñado de ter un PSOE minoritario, máis minoritario da historia democrática do país", esgrimiu Feijóo.
O que foi presidente da Xunta tamén apuntou que o BNG "non defende os intereses de Galicia" senón os de "o seu socio", o Partido Socialista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.