Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2024 | Actualizada ás 13:13
A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez, acusou aos gobernos da Xunta e do Estado de "abandonar" á frota do cerco e artesanal ante a "dramática situación que vive, cun "número importante" de barcos atados a porto como consecuencia das "raquíticas cotas" en varias especies.
En comunicado, a deputada do BNG criticou a "nefasta xestión" do Ministerio e da Consellería do Mar, á que acusou de "non mover un dedo" para frear a crise do sector, de "non denunciar e non tentar cambiar" un sistema de cotas "perverso que o Goberno do Estado promove e consente".
"Deixen de sacrificar sempre aos mesmos", reclamou Pérez, nun chamamento ás dúas administracións, que levan "décadas aplicando políticas que permiten e promoven a paulatina desaparición da frota galega".
Tras os "brutais recortes" do xurelo do Cantábrico e Noroeste e o descenso nas capturas da caballa, e coa campaña do boquerón xa pechada, a dependencia que a frota galega ten da sardiña é "moito maior" tanto no caso do cerco como das artes menores.
Por iso, a deputada emprazou ao Executivo autonómico a despregar "todas as accións necesarias" para "evitar" que continúe o amarre da frota, tendo en conta que a cota da sardiña xa se esgotou en agosto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.