O BNG cre que a reunión con Sánchez evidencia que Rueda "non ten o máis mínimo pudor en actuar contra os galegos"

Os nacionalistas rexistran a petición para que o presidente compareza na Cámara e explique "por que prefire pagar aos bancos que investir en sanidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2024 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

O BNG cre que a reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, do pasado venres evidencia que o xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, "non ten o máis mínimo pudor en actuar en contra dos galegos".

Así o manifestou a viceportavoz nacionalista na Cámara autonómica, Olalla Rodil, nunha rolda de prensa celebrada na mañá deste luns na Cámara galega, onde o Bloque rexistrou unha petición para que Rueda compareza e explique "por que prefire pagar aos bancos que investir en sanidade".

Rodil advertiu que un informe de Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea) apunta que Galicia pagará 120 millóns de euros máis pola súa débeda que os cálculos feitos pola Xunta nos seus orzamentos para 2024, co que a cifra total será "de 1.631 millóns".

"É escandaloso que Rueda poña por diante a estratexia partidista e electoralista do PP, antes que os intereses das galegas e os galegos", aseverou a deputada frontista, que subliñou a necesidade de que Rueda acuda á Cámara a "dar a cara" tras a súa reunión con Sánchez na que "se negou" a negociar unha quita da débeda que o Bloque "conseguiu" na súa negociación co Partido Socialista a comezo de lexislatura.

Rodil censurou o "servilismo" de Rueda coa "estratexia" marcada polo seu partido "desde Madrid" co líder do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, á cabeza; ao pechar a porta a abordar unha quita de débeda "coma se pagásea el do seu peto" ou a articular un financiamento "xusto" que atenda as necesidades e características de Galicia.

"O servilismo do PP sáelle carísimo ás galegas e os galegos", remarcou Rodil, que ve a Rueda nunha postura de "abandono de funcións", o que a levou a preguntarse "como pode ir" un presidente galego á Moncloa "cun papel asinado por sete comunidades autónomas coma se a realidade galega tivese algo que ver coa de Murcia".

Así as cousas, Rodil sentenciou que "tratar igual" a todas as comunidades con características e necesidades "distintas" xera "desigualdade e inxustiza", polo que reclamou a Rueda a deixar de "tratar a Galicia se fose igual que Madrid, Cataluña ou Andalucía" pois ese é o modelo do sistema de financiamento actual que fai "que Galicia perda cada ano 1.000 millóns de euros".

A viceportavoz parlamentaria do BNG Olalla Rodil. BNG
A viceportavoz parlamentaria do BNG Olalla Rodil. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta