O PP tras pactar co BNG en Muxía: "Quen ten que estar nervioso é o Bloque"

Alfonso Rueda di que os populares "non se fechan a nada" porque "o cordón sanitario é doutros".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/09/2024 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

Os tres partidos da oposición no Concello de Muxía rexistraban este luns a moción de censura contra o alcalde socialista deste municipio, Iago Toba, e propuxeron como candidato á Alcaldía ao portavoz de Independentes por Muxía (IxM), o expatrón maior da confraría de pescadores, Francisco Javier Sar. A moción, que está asinada polo PPdeG, IxM e a única concelleira do BNG, xa foi bendecida por Alfonso Rueda.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, saúdanse á súa chegada a unha reunión, a 6 de xuño de 2022, en Santiago de Compostela
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, saúdanse á súa chegada a unha reunión, a 6 de xuño de 2022, en Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

"Tres partidos moi diferentes deixamos de lado o que nos separa, para unirnos polo ben de Muxía", dicía a portavoz do PP, Sandra Vilela, mentres que a portavoz do BNG, Mercé Barrientos, recalcaba que o que ocorre en Muxía é "unha situación de excepcionalidade democrática", cun rexedor que incorre continuamente en "insultos".

"Quen terá que poñerse moi nervioso por este pacto é o BNG", dicía o presidente galego sobre este pacto contra natura entre nacionalistas e populares. "Son eles e o PSOE os que estableceron un cordón sanitario para que non goberne o PP", dicía en relación ao pacto entre PSdeG e BNG para evitar gobernos da dereita en Galicia.

O PP "NON SE PECHA A FALAR CON NINGUÉN"

Rueda lembrou que o PPdeG "non se pecha a falar con ninguén" porque "o cordón sanitario é doutros". Por iso, insistiu en que é o BNG o que debería poñerse "moi nervioso" por este acordo. 

A líder local do BNG de Muxía defendía que o acordo é para que goberne un independente e non o PP, a pesar de que xunte o seu voto co dos populares para cambiar ao actual alcalde socialista. "O BNG nunca dará unha Alcaldía ao PP, do que o diferencia unha ideoloxía diametralmente oposta", defendía.

Tras o pronunciamento de Rueda, fontes do PP provincial da Coruña consultadas por Europa Press ratificaron que a formación que dirixe Diego Calvo considera que a situación da localidade esixía un cambio na gobernabilidade e non desautoriza a moción de censura.

"RENUNCIA PERSOAL" DO EDIL DE RIBADAVIA

Por outra banda, evitou argumentar as razóns que sustentan a decisión do PP de recuperar para as súas filas ao edil Matías González Canón, condenado por un episodio de violencia machista, mentres que esta mesma semana renunciaba á súa acta e pedía a baixa do partido outro concelleiro, Juan Carlos Fernández, investigado por un suposto delito tamén de violencia de xénero.

Rueda tentou non profundar na polémica e alegou que non sabe con exactitude o grao de integración do edil da Illa, á vez que se refería en exclusiva ao caso "máis recente", o de Ribadavia. "Foi unha renuncia persoal, que aceptamos, baseada nun caso no que creo que procedía", limitouse a manifestar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta