O Ourense Film Festival proxectará 60 longametraxes e documentais en seis salas da cidade

Comeza este venres cun documental sobre Adolfo Domínguez, nunha edición que premia ao director Rodrigo Cortés.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 23/09/2024 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

O Ourense Film Festival OUFF) comeza este venres e continuará ata o 6 de outubro coa proxección de 60 películas, das que dez compiten na sección oficial Panorama Galicia, co documental como formato predominante. Así se fixo saber este luns na presentación do festival, nun acto onde estiveron presentes o director da Axencia galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luís Menor; a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, e o director do festival, Miguel Ángel Fernández, así como representantes do resto de entidades colaboradoras.

O representante da Consellería de Cultura, Jacobo Sutil, felicitou á organización polo programa deste ano facendo especial fincapé nas seccións dedicadas á cinematografía galega, como Panorama Galicia, con dez títulos en competición, co documental como formato predominante. Subliña que a Xunta apoia economicamente a organización a través dun convenio coa fundación Carlos Velo para manter "o certame internacional de cinema, de carácter competitivo, máis lonxevo" da comunidade".

Presentación do OUFF 2024
Presentación do OUFF 2024 | Fonte: XUNTA

Ródanse seis películas e series cofinanciadas polo Goberno galego, mentres se preparan 21 novos títulos "subvencionados con 3 millóns de euros a través dunha convocatoria anual para produción ou coprodución de proxectos de cinema e televisión". "Trátase da liña de axudas con maior dotación do nove que destinamos neste ano ao audiovisual galego. Suman un investimento de case 6,7 millóns de euros en distintas fases que van desde o inicio do proceso creativo ata a chegada ás pantallas", remarcou o director de Agadic. Neste sentido puxo de relevo o papel que xogan os festivais como primeiro escenario.

FESTIVAL "CONSOLIDADO"

Pola súa banda, o presidente da Deputación Provincial, Luís Menor, indicou que este venres empeza "a semana máis importante, desde o ámbito cultural, de Ourense" cun festival "plenamente consolidado". "A quen non cren na cultura porque a consideran cara", dixo Luís Menor, "vale a pena apostar por un evento que sempre ten retorno e no caso da provincia diversos estudos falan de 13 euros por cada euro investido". Deste xeito referiuse ao retorno económico, pero tamén ao turístico analizando a importancia da marca OUFF pola "súa transcendencia máis aló das fronteiras", xa que chegaron 350 películas de 54 países para participar nas seccións oficiais, segundo os cálculos da organización, á que agradeceu "o seu intenso traballo ben feito e dinámico, apostando por Ourense, buscando superarse edición tras edición".

PROGRAMACIÓN

En total proxéctanse 60 películas de ficción e documentais repartidas en 101 sesións por seis salas da cidade. A sección oficial internacional proxectará películas con ata 19 países representados. Tanto de mozos directores como de gran traxectoria, xa que esta edición, a número 29, recoñece a traxectoria de profesionais con longas carreiras no cinema, en diversos ámbitos.

Así, o guionista e produtor Alejandro Hernández recibirá a Calpurnia de honra Internacional; o director Rodrigo Cortés, a Calpurnia de honra; a deseñadora de vestiario e directora Clara Bilbao, Premio Especial OUFF; e o guionista Carlos Montero, o Premio Especial Ourense, entre outros. A cita arrinca o venres cunha gala inaugural na que se estrea 'Adolfo Domínguez: o eco doutras voces', un documental sobre o deseñador galego dirixido pola súa propia filla, Adriana Domínguez.

Trátase dunha das películas da sección Panorama Galicia, dentro da que tamén poden verse outras obras como 'Paisaxe épica', de Valeria Roig; 'Salvaxe, Salvaxe', de Emilio Fonseca; 'Abrente, do ermo á rebeldía', de Xan Leira; 'Buscando a Santa Compaña', de Fernando Cortizo, ou 'Hybris', de David Rubira, entre moitas outras. A programación de películas a concurso, dentro da que se inclúe tamén a sección oficial internacional, compleméntase con tres ciclos especiais.

No ciclo 'Inédito: Autoras', o público poderá gozar de películas asinadas por mulleres que aínda non se proxectaron na cidade, en concreto 'Mamífera', de Liliana Torres; 'Os pequenos amores', de Celia Rico; 'Nina', de Andrea Jaurrieta; 'Politicamente incorrectos', de Arantxa Echevarría; 'Sica', de Carla Subirana; e 'Un sol radiant', de Mónica Cambra e Adriana Fortuny. No ciclo 'Cinema e auga' explorarán historias que teñen a auga como elemento protagonista con proxeccións como 'A forma da auga', 'Augas escuras' e 'Acción civil'.

Por último, no Ouffemerides, este ano réndese homenaxe ao director Carlos Velo coa estrea dunha versión restaurada de 'Raíces' (1954) e o recordo da rodaxe en Ourense de 'Monsingnor Quixote' (1987). Entre as actividades paralelas destacan diferentes encontros profesionais, rutas pola provincia para coñecer lugares onde se rodaron distintas películas, encontros literarios e os certames Fas Muvis, Fas Curtas e Game Awards, así como o concerto da Xove Orquestra Ourensanía, que interpretará temas da banda sonora de Star wars.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta