Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2024 | Actualizada ás 19:17
O Goberno galego replica ao estudo elaborado pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais que sinala que Castela e León, Galicia e Aragón "fixeron caixa" co aumento de orzamento para dependencia no marco do Plan de Choque (2020-2023) aprobado polo Goberno tras a pandemia sanitaria. "A Xunta non só incrementa o orzamento destinado a dependencia, senón que tamén aumenta o número de persoas con dependencia recoñecida que reciben atención", sostén.
Segundo trasladan por parte da Consellería de Política Social a Europa Press, Galicia "destina cada ano máis fondos para a atención á dependencia" e no presente exercicio de 2024 o orzamento da Xunta para este ámbito é de 655 Meuro, un 24,2% máis que o ano anterior. "Desta contía, a maior parte é asumida pola Administración autonómica debido a que o Goberno central continúa incumprindo co cofinanciamento á que obriga a Lei de Dependencia", afirma.
O informe apunta que o Goberno de España aumentou entre 2020 e 2023 a súa achega para a dependencia nun 138 por cento fronte ao 9 por cento do incremento das comunidades autónomas. Así, de todas as comunidades autónomas, tres diminuíron durante o citado Plan de Choque o gasto na atención a persoas en situación de dependencia: Castela e León (-34,7) Galicia (-6,4) Aragón (-3,2). A asociación cualifica de "especialmente sanguentas os recortes" que se produciron en Galicia, a comunidade con menor porcentaxe de persoas atendidas sobre a poboación potencialmente dependente (16%) fronte ao 23% de media estatal.
O Goberno galego advirte de que hai un "déficit na achega do Goberno central" que "leva a que a débeda acumulada con Galicia só en materia de dependencia ascenda a 2.500 millóns de euros desde a aprobación da lei". "Por este motivo, non compartimos o emprego da expresión facer caixa, posto que a achega de fondos autonómicos segue sendo superior á que realiza o Goberno central, que ano tras ano segue ampliando a débeda", agrega.
"De feito, tendo en conta o período ao que se refire o informe (2020-2023) o número de persoas atendidas subiu en máis de 11.000, ata superar a decembro de 2023 os 73.000 dependentes atendidos. Unha cifra que a día de hoxe xa alcanza os 75.850, o que fai que Galicia presente una dos cocientes de atención máis elevadas de España superando o 98%, segundo datos do propio Ministerio de Dereitos Sociais", expón Política Social.
Por outra banda, apunta que a categorización de "dependente potencial" na que se basea a elaboración do informe: "Non é certeira porque non podemos compartir que todas as persoas maiores de 60 ou 65 anos entren nesta denominación, xa que cada vez hai máis xente que excede este limiar de idade cunha maior autonomía". "Ademais, ao tomar como criterio aos potenciais dependentes prexudícase ás comunidades máis envellecidas, como é o caso de Galicia", remarca.
"Tamén é relevante indicar que non hai ningún criterio do Goberno central que recolla a peculiaridade de potencialmente dependente á hora de fixar o financiamento. O Goberno central non achega financiamento por dependentes potenciais, senón que sufraga parte do custo que supón a atención a persoas que teñen a súa dependencia recoñecida e que están a recibir un servizo ou prestación pública", xustifica a Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.