O Consello de Contas analizará as contas das fundacións de investigación vinculadas ao Sergas

O pleno aproba á análise de fiscalización de Contas da Xunta en 2021 entre críticas da oposición. BNG e PSdeG consideran que o PP dilata os traballos de Contas no Parlamento para diluír o seu labor de fiscalización

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2024 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

O pleno do Parlamento de Galicia aprobou a análise do Consello de Contas sobre a actividade económica da Xunta no ano 2021 entre críticas da oposición, que considera que os traballos do órgano fiscalizador da administración autonómica "dilátanse" no tempo para reducir o impacto das súas recomendacións que, segundo BNG e PSdeG, "non" son tidas en conta pola Xunta.

A sesión plenaria que este martes botou a andar no Pazo do Hórreo tiña como segundo punto da orde do día o debate e votación do ditame e as propostas de resolución da Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións co Consello de Contas, que analizou a memoria de actividade do organismo de 2022, no que se puxo o foco sobre a conta xeral da Xunta do ano previo.

Así, ademais de recibir luz verde o ditame xeral sen votos en contra, o Parlamento tamén aprobou dúas recomendacións procedentes do Grupo Popular, que, por unha banda, insta á Xunta a "continuar dando cumprimento efectivo" ás recomendacións de Contas e, por outro, avoga por avanzar na dixitalización e presentación telemática das súas actividades.

Así mesmo, o grupo maioritario facilitou a incorporación ás conclusións de dúas achegas do PSdeG --ningunha do BNG foi aceptada--. Desta forma, saíron adiante --tamén sen votos en contra pero coa abstención do Bloque-- que sexan analizadas as contas das fundacións de investigación vinculadas ao Servizo Galego de Saúde e que a Xunta consensúe coas entidades locais un estudo sobre o custo das competencias impropias que asumen as corporacións municipais.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Durante o debate, no que declinou participar o deputado de Democracia Ourensá Armando Ojea, os grupos da oposición dirixiron as súas críticas ao que ven como unha forma de "diluír" o traballo de Contas por ser sometido a análise e aprobación a análise das contas de fai tres anos.

Así o manifestou a parlamentaria do BNG Noa Presas, que acusou ao PP de practicar un "filibusterismo parlamentario cutre" que provoca que os debates sobre a actividade de Contas "cheguen tarde e sexan opacados". En todo caso, cre que "con cada informe, pinga a pinga, apréciase máis a lameira" da xestión económica do PP desde a Xunta.

Pola súa banda, a viceportavoz dos socialistas na Cámara Elena Espinosa tamén dirixiu as súas críticas cara ao PP por ver Contas "como un estorbo" e rexeitar as peticións de "máis transparencia" porque lles resultan "incómodas" e concédenlles "cero valor".

Na súa quenda, a encargada de defender a postura do PP, a deputada Cristina Arias, asegurou que "a día de hoxe todos os informes de fiscalización de Contas e susceptibles de ser debatidos están tramitados", polo que acusou á oposición de "retorcer a realidade".

Sede do Consello de Contas de Galicia
Sede do Consello de Contas de Galicia | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ninguén propón fiscalizar as Fundacións Eclesiásticas en Galicia ? Ninguén ten interese en coñecer as contas da Fundación Catedral ? Pero se tal poden comezar por fiscalizar as contas de creada Fundación da Santa Cruz (Vigo - Barcelona) https://flic.kr/p/RboG8y Logo falamos de se imos ou non imos á Catedral o Día de Galicia, pero mirarlle as contas á Fundación Catedral nada de nada... Nin BNG nin PSdG nin siquera DO !