Un novo produto 'made in' Galicia chega aos estancos para rematar coas cabichas das rúas: a cabicheira

Dende o Galicia Confidencial falamos con Sonia, a creadora do invento xunto á súa parella, que asegura que, agora, a idea é ir un paso máis alá: "Estamos a ver se atopamos a maneira de que os concellos nos apoien un pouquiño e nos poñan papeleiras nas que baleirar posteriormente as cabicheiras e, acto seguido, que as cabichas poidan ser levadas a un lugar para a súa reciclaxe".

Por Ángela Precedo | VIGO | 19/09/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As cabichas son un serio problema medioambiental do que non se fala tanto como dos plásticos ou dos combustibles fósiles. Ao tratarse dun residuo aparentemente pequeno, semella que as administracións e a sociedade en xeral non lle dan toda a importancia que merecen, pero, realmente, unha soa cabicha é quen de contaminar ata 1.000 litros de auga e, en consecuencia, a todos os organismos que habitan nela. Dende o Galicia Confidencial, despois de ter falado en anteriores ocasións desta problemática con asociacións ecoloxistas como Noia Limpa, fomos coñecedores da existencia dun produto 'made in' Galicia que pretende evitar que as rúas, praias e parques da nosa terra se sigan enchendo de cabichas que os fumadores tiran ao non atopar un lugar no que botalas. Trátase da chamada 'cabicheira', un pequeniño contedor que levar no peto ou colgado do pescozo no que ir botando as cabichas mentres se fuma. Non existía nada semellante no mercado ata o de agora, así que falamos con Sonia, creadora do mesmo xunto á súa parella, para que nos conte como xurdiu esta idea.

Cabicheira
Cabicheira | Fonte: @cabicheira en Instagram

"A idea como tal nace durante a pandemia, cando sacaron os cinceiros das mesas das cafeterías e bares", conta Sonia, que se define como fumadora social. A súa parella non fuma e confesa que "cando non eres fumador tendes a fixarte máis en todas esas cabichas que hai tiradas polas rúas". E, se xa antes había milleiros de cabichas polo chan, durante a crise da covid, tras retirar os cinceiros dos locais de restauración, a cousa foi moi a peor: "Alucinabamos coa acumulación de cabichas que se daba nalgúns lugares, pois a xente, como tiña que saír fóra fumar, xuntábase dun recuncho no que tamén se relacionaba con outros fumadores, e arroxaba as cabichas na mesma esquina onde xa había máis", explica Sonia. Tampouco é que atopasen unha solución moito mellor pois, a opción, pasaba por estar arrimado a unha papeleira na que ir botando os residuos do tabaco. E é que, como denuncia esta emprendedora, "ao contrario do que acontece en grandes cidades como é o caso de Madrid, a maioría das papeleiras galegas non levan cinceiro incorporado".

Ante este desolador panorama medioambiental, xurdiulles a idea de buscar por Internet se había algún produto que puxese remedio á situación, pero Sonia asegura que "non atopamos nada en Amazon nin en ZeroWaste ou lugares de venda semellantes, ningún recipiente pequeno no que poder desbotar as cabichas", o que había eran "cousas moi básicas e pouco eficientes". Así foi como pensaron en crear eles mesmos o produto. Nun primeiro intre "tiramos de imaxinación", confesa. E, unha vez co deseño plantexado, "contratamos un deseñador de produto, un enxeñeiro ao que lle demos as pautas a seguir para que as puidese facer realidade na práctica". Quedaron moi satisfeitos co resultado, algo que non foi rápido, pois dende que comezaron a xestar a idea e deseñar o produto, ata a súa comercialización, tardaron catro anos: foi o pasado mes de agosto cando chegou a estancos e bares.

DESEÑO SINXELO, BONITO E PRÁCTICO

A cabicheira conta cun deseño moi sinxelo, á vez que bonito e práctico. Trátase de tres pezas: unha tapadeira, unha parte superior e a base, e incorpora unha rosquiña para que, cando se precise maior capacidade, se prensen as cabichas que xa hai no seu interior e, cando se queiran incorporar máis cabichas, poida desenroscarse novamente e agrandar o espazo. Para baleirala, habería que desenroscar de todo. Mide apenas 5 centímetros, pero grazas a este sistema conta con capacidade para acoller ata 22 cabichas. "Consideramos que esta capacidade dá marxe a todo o mundo para un día ou mesmo varios, dependendo de canto fume a persoa que a use", plantexa Sonia, que a ve un elemento perfecto para "saír a facer sendeirismo, acudir a festivais ou eventos ou mesmo saír pasear o can fumando sen tirar os residuos ao chan". Ademais, a cabicheira é un produto 100 % galego, deseñado por estes mozos tudenses e fabricado en Tomiño: "Todo o que empregamos procede da zona do Baixo Miño, mércase aquí na casa".

Tanto Sonia como a súa parella atópanse moi satisfeitos coa boa acollida da súa proposta, porque "tiñamos medo de que os locais se animasen a mercar pero o produto logo non fose ben acollido polo consumidor final". E nada máis lonxe da realidade, "mesmo están repetindo pedidos xa nalgúns sitios". Sonia considera que "é algo moi útil para todas aquelas persoas que, aínda sendo fumadoras, están concienciadas co medio ambiente e, ata o de agora, apañábanas como podían para non botar as cabichas ao chan, mesmo facendo paquetiños con papeis que logo gardaban e que remataban por manchar todo ao abrirse". Sobre o segredo do seu éxito, aparte da súa parte ecolóxica, a súa creadora destaca que "ao ser un produto que facemos aquí en Galicia, da terriña, e moi útil, á xente estalle flipando". Ademais, mesmo están a ser mercadas por non fumadores, "como agasallo bonito para aqueles amigos ou familiares que fuman e tiran as cabichas no chan, para que deixen de facelo".

Sonia confesa que o seguinte paso irá máis aló da venda das cabicheiras, e pasará por "conseguir que esas cabichas se limpen e se reutilicen, que se reciclen dalgunha maneira". Asegura que falaron con Ecoembes e "dixéronnos que se trata dun residuo que, ao non acumularse, non se pode reciclar". Agora que as cabicheiras si permiten acumulalo, "estamos a ver se atopamos a maneira de que os concellos nos apoien un pouquiño e nos poñan papeleiras nas que baleirar posteriormente as cabicheiras e, acto seguido, que as cabichas poidan ser levadas a un lugar para a súa reciclaxe". Sonia amósase convencida de que "se pode conseguir, non é ningunha tolería, pois cousas máis complexas se teñen logrado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta