A Lei de Cultura Inclusiva, entre mellorar a "vida da cidadanía" a "deixala á marxe"

O conselleiro defende que o texto "blinda o acceso á cultura", mentres PSOE e BNG afirman que sostén "vaguedades" e é "incoherente".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 24/09/2024 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O proxecto de lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia continuará o seu trámite tras ser rexeitadas no Parlamento as emendas presentadas polo PSOE e o BNG, que critican que o texto "deixa ao sector á marxe" e consideran que é "incoherente e irrelevante".

No debate de totalidade deste proxecto de lei celebrado este martes no Pazo do Hórreo, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, defendeu que esta norma "blinda o acceso á cultura" e aspira a ser unha lei "pioneira en Europa". Así, asegurou que un dos obxectivos é "actualizar o ordenamento xurídico para dar resposta ás necesidades da Galicia de hoxe e á Galicia de mañá".

Deste xeito, considerou que, tras compartir o documento con "máis de 55 entidades", trátase dun texto "maduro e consensuado", así como "froito do diálogo co sector", para tratar de fixar un marco normativo "que garanta unha cultura universal e de calidade". Na súa intervención, insistiu en que este proxecto aspira a "eliminar os obstáculos que impiden o acceso e a participación na vida cultural" e detallou o seu seis aspectos "máis importantes": facilitar a creación de produtos culturais desde todas as vertentes e garantir a participación daquelas persoas que puidesen ter máis dificultade; apostar polo impulso da cultura no rural; conciliar a cultura coa actividade e os colectivos en risco de exclusión social; reducir a fenda dixital; fomentar a participación e o consumo dixital; e ser unha lei pioneira en Europa no ámbito dos dereitos culturais.

Tras lembrar algunhas das medidas impulsadas desde a Consellería que dirixe, como as Furgotecas ou a rede Adival, que avanzou que será constituída antes de finalizar este 2024, López Campos reivindicou que "o obxectivo único" desta lei é "mellorar a calidade de vida da cidadanía a través da cultura, por suposto, eliminando barreiras, que aínda existen, promovendo a participación, impulsando a creación e o acceso".

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Por parte da oposición, a primeira en intervir foi a deputada socialista Silvia Longueira, que criticou que este proxecto de lei "nin sequera foi presentado á Federación Galega de Veciños". "A esta lei pásalle como aos produtos culturais, téñena de música de fondo, mentres se escurren polas mans fondos europeos ou non son capaces de executar o propio orzamento", censurou antes de demandar unha lei "deste tempo".Así mesmo, reprochou a falta de "calendarización" e opinou que o documento presentado é "un estado de ánimo" e non "un corpus para unha lei".

Mentres, a encargada de defender a posición do BNG, a deputada Mercedes Queixas, que tachou de "incoherente, irrelevante, intranscendente e ineficaz" o proxecto de lei, reprochou ao actual conselleiro que comece a lexislatura "do mesmo xeito que a anterior", do mesmo xeito que o anterior responsable da área, Román Rodríguez, coa lei de museos que "nacía baleira de contido e condenábaa á prehistoria museística antes de nacer". "O mesmo conselleiro despediu a lexislatura co debate á totalidade deste proxecto de lei de cultura accesible que hoxe volve traer a esta cámara. Será que é tan pouco pioneiro que xa corre o risco de caducar?", cuestionou Queixas,.

Así mesmo, o deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea, avanzou a súa abstención na votación, xa que, tal e como explicou, aínda que "sempre se pode mellorar", o feito de que haxa unha lei "xa é un primeiro paso para o recoñecemento desas persoas e facilitarlles o consumo de cultura e empezar a poder valorar o seu traballo".

O conselleiro de Cultura, José López Campos, nunha intervención no Parlamento de Galicia.. XUNTA
O conselleiro de Cultura, José López Campos, nunha intervención no Parlamento de Galicia.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta