De Galicia a Irlanda, da gaita galega á uilleann pipes e das foliadas ás sessions

Sara Coello é profesora deste instrumento galego nunha escola e xa desde os 14 tiña claro que esta sería a súa vocación profesional.

Por Amanda Fernández | Lugo | 28/09/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

"A gaita forma parte de min", confesa Sara Coello, esta moza de Outeiro de Rei é profesora deste instrumento e de percusión tradicional nunha escola de música. Xa dende nena tiña claro que se quería dedicar a isto de maior e fixo por conseguilo. O seu camiño ata o momento actual estivo marcado en especial por unha persoa que foi inspiración e pola súa experiencia en Irlanda. Imos comezar polo principio porque resulta que o primeiro instrumento que tocou : "Sempre tiven moito gusto pola música en xeral porque na miña casa tanto o meu pai como a miña nai poñían música tradicional, rock... Comecei con oito anos nunha banda de Outeiro co clarinete". Se ben é certo que o seu pai tiña unha gaita na casa e tocaba de vez en cando, xa que antes de que nacera Sara fora a clases, pero acabou deixándoo. 

Sara coa gaita galega
Sara coa gaita galega | Fonte: Cedida

Desde a infancia tivo referencias da música tradicional e, aínda que comezou co clariente, confesa que seguía tendo afán, especialmente, pola gaita: "Chegou un día no que lle dixen aos meus pais que quería ir a gaita, pero claro consideraron que non levaba aínda moito co clarinete e era mellor agardar". O tempo foi pasando, pero foi con 14 anos cando sara entrou na asociación Cántigas e Frores para ter clases de gaita con Daniel Fernández. "Foi a miña inspiración porque naquel momento era un rapaz de cinco anos máis ca min e estaba no conservatorio en Vilalba estudando gaita e daba clases", conta Sara que xa nese momento tivo claro que quería seguir os seus pasos, conservatorio e formación superior en Vigo, para acabar sendo profesora. 

UN ERASMUS QUE SE ALONGOU EN IRLANDA

"Dixen quero estudar todo o conservatorio de gaita, o grao profesional e superior, con 14 anos decidín que quería ser profe de gaita", afirma Sara. E así foi, primeiro comezou no conservatorio con Bruno Villamor en Vilalba e seguiu e segue en Cántigas e Frores. Posteriormente, despois de facer os anos do grao profesional, marchou para Vigo para cursar os catro anos do Superior. Foi en terceiro cando decidiu pedir o Erasmus e marchou para Irlanda, Dublín, coa fin de aprender a tocar a gaita irlandesa. 

"Sabía que era distinta ca nosa, pero nunca a tocara nin tiña moita idea", manifesta sobre a uilleann pipes, nome da gaita nacional de Irlanda: "O termo pipe en inglés significa tubo e uilleann vén do gaélico e significa cóbado. É bastante distinta porque non se asubía para que soe, senón que ten como un fuelle, o mítico que empregas para avivar o lume con aire para que prenda máis. Vai con ese fuelle, lévala enganchada a ti no cóbado cun cinto e nos". Ao igual ca o acordeón, ten un mecanismo que cando o moves entra o aire. Así, co cóbado moves ese fuelle que colle aire e ao apretar viaxa polo tubo cara o fol e xa soa, "igualita ca nosa nese sentido". 

Sara coa gaita tradicional irlandesa
Sara coa gaita tradicional irlandesa | Fonte: Cedida

"Teñen as súas propias foliadas denominadas sessions"

Marchou para aló e por suposto levou a gaita galega con ela e conta unha anécdota coa uilleann pipes: "Lembro que ao principio cando practicaba soa, cando me correspondería asubiar na galega, que é cando na irlandesa tes que apretar, eu asubiaba. Quería ser quen de sincronizar e apretaba e asubiaba". Tanto lle gustou a cultura irlandesa que unha vez rematou o Erasmus, Sara decidiu que ía rematar o seu grao en Dublín e solicitou o traslado de expediente desde Vigo. Isto foi no curso 2022/23, polo que se gradou en gaita aló e xa en setembro do 2023 atopou o seu traballo actual como profesora na escola Músico-Crisanto. 

AS FOLIADAS IRLANDESAS, AS SESSIONS

Durante eses dous anos en Irlanda apreciou moitas semellanzas con Galicia, por exemplo, evidentes, como o "verdor da paisaxe". Reflexiona que aprendeu que "os galegos sempre nos damos de menos e temos unha cultura xeral máis ampla". Di que cando un irlandés lle preguntaba de onde era, dicía que de España e concretamente do norte, de Galicia, e rápido asociaban con Andalucía, calor, sur, praia, Mediterráneo... Ela reiteraba que a única diferencia de Galicia con Irlanda en clima é que ten verán, pero non o crían e quedaban con ese estereotipo. Máis aló disto pensa que teñen un humor similar ao galego, que non tería un británico, que existen dúas realidades, o sur e o norte: "É algo que me chocou moito, como se colleras o cacho de Lugo e fose outro país, é un conflicto latente para eles e que co Brexit tamén se incrementou. Teñen unha identidade que tamén temos nós". 

"En Galicia hai maior diversidade para acudir a clases de gaita"

No relativo á música tradicional, afirma que a viven e que é moi común que alguén da familia toque algún instrumento irlandés. Así, teñen as súas propias foliadas denominadas "sessions" e con notables diferencias. Fanse nun pub, que vén sendo os bares de aquí "só hai alcohol ou cocacola", todas as tardes a partir das 18:00 horas. Primeiro toca o grupo de xente amateur, logo o nivel intermedio e xa ao final "os pro". A Sara o que non lle gustou é que, ao contrario das foliadas, as sessions son pechadas, de maneira que se sitúan nun círculo pechado e de costas ao público: "Marcan moito a diferenza entre músicos e públicos, mentres que aquí acollemos a todo o mundo, nese sentido é máis elitista". 

Outra diferencia que apreciou con Galicia é que hai aquí hai maior "diversidade para acudir a clases de gaita". Estivo en Dublín, na capital, e destaca unha asociación de gaiteiros, que ademáis de ensinar, permiten alugar unha gaita. Ela comezou alugando por cen euros para todo o ano e coñecía xente de Madrid que as pedía para dar clases. "Nese sentido en Dublín téñeno ben montado, pero só imparten gaita irlanesa e non outros instrumentos como o bodhran ou a concertina", expón e sinala que en Irlanda do norte si que había unha asociación onde se impartían todos. 

"A gaita non está tan de moda como antes, ten máis peso o cante ou bail

"ESTAMOS NUN MOMENTO MOI BO"

Un camiño cheo de experiencias novas e moito aprendizaxe no que contou co apoio incondicional dos seus pais. "Eu tiven moita sorte porque teño amizades que non tiraron para adiante coa música por presións familiares, que os levaron a unha enxeñería", lamenta, pero considera que se está superando ese estereotipo aínda vixente. Nun momento no que a música tradicional vive un "boom enorme" con expoñentes como As Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra. Empregan elementos da música tradicional para crear un estilo propio e fomentan disciplinas como o canto, a pendeireta e o baile, que fixeron medrar moito o alumnado en Galicia. 

"A gaita non está tan de moda como antes, cando fora o boom de Milladoiro, Fuxan os ventos, Budiño ou Susana Seivane, ten máis peso o cante ou baile. Porén, isto beneficia á toda a música tradicional en xeral", reivindica Sara que pasa moitas horas na escola e ten un alumnado moi diverso "desde crianzas de seis anos ata persoas xa xubiladas". Isto resúltalle moi enriquecedor ao ver como a gaita sendo un instrumento tan tradicional abarca "todos os campos" polo que recoñece: "Estamos nun moi bo momento e nunha época na que hai moitísimas persoas formadas". Neste punto fai fincapé en que existe unha titulación de gaita nos conservatorios, pero non de percusión tradicional ou de formación en torno ao baile, e que cree que "debera estar aí". 

Cal sería o teu soño ou próxima meta que acadar? "Se cadra isto decepciona, pero tamén estudo Historia da Arte pola UNED e o meu soño é traballar nun museo dentro duns anos", confesa. Obviamente tamén ten aspiracións relacionadas coa música i é que lle gustaría ter un grupo onde tocar: "De vez en cando varios amigos quedamos e sempre falamos de conformar un grupo, pero nunca o facemos". E xa para rematar quixemos coñecer unha peza que tocara Sara e fose especial: "Pois unha que compuxo Daniel Fernández, esa persoa inspiración para min, o Soño da moza meiga. Cando tiven que dar o concerto de fin de estudos en Dublín, toqueina coa gaita galega, para min foi moi especial tocar peza súa noutro país, ademáis para un exame, e que gustou moito ao público". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta