Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2024 | Actualizada ás 17:54
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, esixiu ao Goberno central que "cumpra" coa transferencia da titularidade da AP-9 á Xunta e coa aplicación dos descontos nesta autoestrada e na AP-53, como comprometeu o PSOE no seu pacto co BNG para a investidura de Pedro Sánchez.
En resposta a unha pregunta do deputado do PP Roberto Rodríguez, no Parlamento galego, a conselleira cargou duramente non só contra Sánchez, senón tamén contra o ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente. De feito, Martínez Allegue avanzou que acudirá ao pleno do Congreso do próximo 16 de outubro, no que o ministro comparecerá para abordar a situación da AP-9.
Este incumprimento, asegurou a conselleira, demostra que o documento asinado entre o PSOE e o BNG é "papel mollado" e que o apoio dos nacionalistas á investidura do presidente estatal "foi a cambio de nada".
E todo é culpa, engadiu, de que "ao señor Pedro Sánchez non lle deu a gana de cumprir as súas obrigacións" respecto diso da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2024 e dixese que "non pasa nada por non telos".
Para a titular de Planificación de Infraestruturas e a Xunta, isto "si ten consecuencias", por exemplo "atrasos" na aplicación de bonificacións nas peaxes da AP-9 e a AP-53, así como na conservación das estradas estatais que transcorren por Galicia.
"Seguiremos esixindo e cumprindo os compromisos adquiridos con Galicia e cos galegos", engadiu Martínez Alleguez, quen proclamou que "xa abonda" de que o Goberno central sitúe a Galicia "na cola das súas prioridades".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.