Prisión provisional para o mozo detido nas Neves por matar á súa nai

O home, A.C.R. de 20 anos, acolleuse ao seu dereito a non prestar declaración.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/09/2024 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

O Xulgado número 2 de Ponteareas, en funcións de garda, decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para o mozo detido na localidade pontevedresa das Neves por supostamente matar á súa nai.

Segundo informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xuíz acordou esta medida ao estar investigado por un delito de homicidio ou asasinato, que se definirá ao longo da instrución.

O home, A.C.R. de 20 anos, acolleuse ao seu dereito a non prestar declaración, segundo explican as mesmas fontes. Os feitos ocorreron sobre as 21.20 horas deste pasado mércores nunha vivenda da parroquia de Rubiós, nas Neves. Alí, segundo fontes da Garda Civil, o mozo acoitelaría á súa nai na porta do domicilio, causándolle a morte, e logo encerrouse na súa habitación.

Cando se personaron os axentes da Garda Civil procederon á súa detención e posterior traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro, xa que o presunto autor do homicidio presentaba algunhas lesións. O mozo padecía problemas de saúde mental e estaba a tomar medicación, segundo diversas fontes consultadas por Europa Press.

A falecida, nai do investigado, tratábase de Irene R., coñecida nas Neves por ser carteira no pobo. Os seus veciños mostraron a súa dor nun minuto de silencio levado a cabo no pobo este pasado xoves, pondo o foco na amabilidade de Irene, que pedira unha excedencia no seu traballo para coidar á súa nai, duns 83 anos.

Segundo os seus achegados, a muller estaba solteira e tiña dous fillos, de 25 e 20 anos. Este último, con problemas de saúde mental, presuntamente acabaría coa súa vida este mércores. Este venres foi enviado a prisión.

Fachada da casa onde tivo lugar o crime.. Javier Vázquez - Europa Press
Fachada da casa onde tivo lugar o crime.. Javier Vázquez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta