Por Europa Press / Redacción | VIGO | 26/09/2024 | Actualizada ás 16:29
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra acolleu este xoves unha vista de conformidade na que Francisco G.L., responsable dun almacén pirotécnico ilegal que explotou en maio de 2018 causando dous mortos, decenas de feridos e cuantiosos danos, recoñeceu os feitos dos que se lle acusa e aceptou 4 anos de prisión, antes de dirixirse ao tribunal para pedir "perdón".
Na vista deste xoves, o acusado fixo uso do seu dereito a pronunciar a última palabra e proclamou: "Sinto moito o ocorrido, os danos causados, e pido perdón. Outra cousa non podo facer". O xuízo resolveuse mediante un acordo de conformidade polo que o acusado recoñeceu a autoría dos feitos; a cambio, a Fiscalía rebaixou a súa petición inicial de penas que sumaba 14 anos de cárcere ata deixala en 4 anos de prisión efectiva, a pena mínima dentro do legalmente permitido.
Francisco G.L. admitiu os feitos que se lle imputan e declinou responder á pregunta que lle quixo formular o letrado dunha das acusacións. O Ministerio Público imputa ao dono da pirotecnia dous delitos de homicidio imprudente e 28 de lesións por imprudencia. Ademais de 3 de delitos por dedicarse á pirotecnia contravindo as normas de seguridade establecidas e pór en concreto perigo a vida, a integridade física ou a saúde das persoas ou o medio ambiente.
RESPONSABILIDADE CIVIL
A discrepancia agora atópase en se está ou non cuberta a responsabilidade civil por parte de Mapfre e se se suxeita ao límite da cantidade pactada con esta aseguradora contratada polo acusado, que era dun millón e medio de euros. Todas as demais aseguradoras mostráronse conformes coas cantidades reclamadas polo Ministerio Fiscal e non formulan oposición en canto á responsabilidade penal.
A explosión supuxo o falecemento de dúas persoas, un matrimonio que tiñan dous fillos menores. Outras 36 persoas sufriron menoscabos físicos como consecuencia da explosión, e tamén houbo 430 titulares de vivendas afectadas e 76 propietarios de vehículos. Durante a vista oral interviñeron o fiscal e os 25 avogados personados na causa que tiveron un tempo taxado de 20 minutos para expor os seus argumentos, coincidentes á hora de sinalar que non había exclusión de ningunha actividade na póliza subscrita polo acusado con Mapfre.
Con todo, o avogado desta compañía, defendeu que a causa da explosión foi "unha actividade particular allea á actividade mercantil" polo que "había clandestinidade e intención de quedar á marxe da lei, algo que lle saca do contrato de seguro". Ademais, entende este letrado, que quedan excluídos "os sinistros derivados de actuacións non suxeitas á normativa".
O acusado dispuña de ata tres puntos de almacenamento ilegal de elementos explosivos coa finalidade de eludir os controis administrativos preceptivos. O procesado, que estivo en prisión provisional entre o 29 de maio de 2018 e o 11 de marzo de 2019, era propietario, administrador e representante legal da pirotecnia La Gallega, que dirixía de forma exclusiva tanto nos aspectos técnicos como os relacionados coa actividade industrial.
"PASAR PÁXINA"
O presidente da Asociación de Afectados de Paramos, Salvador García, sinalou que a vista deste xoves é "o final dun período moi triste para os veciños" e expresou a súa satisfacción polo feito de que, aínda que sexa condenado a penas rebaixadas, o acusado tivese que comparecer ante o tribunal. "O que non queriamos era que entrase en prisión pola porta de atrás", engadiu.
Segundo insistiu, ao termo da vista, "os veciños o que queren é pasar páxina e esquecer todo". "O acusado manifestou un perdón que os veciños agradecemos, sen dúbida, aínda que chega tarde", lamentou. "Este suceso non o imos a esquecer nunca porque o que vivimos foi indescritible", destacou, por iso queren pechar xa todo o proceso xudicial para "non ter que lembralo constantemente, non ter que vivir aínda pendentes deste xuízo".
A día de hoxe, explicou, as vivendas do barrio de Paramos xa foron restauradas e, o próximo paso para normalizar as vidas dos afectados, é resolver o pago das compensacións que faltan e dar por disolta a asociación. Mentres, o avogado da asociación, Calixto Escariz, explicou que a Audiencia determinará na sentenza o alcance da responsabilidade civil. Nese sentido, lembrou que, ademais das vítimas, a Administración tamén reclama porque adiantou unha parte moi importante dos danos cuantificados (uns 9 dos 12 millóns estimados).
Finalmente, o avogado do acusado, Ricardo Valencia, sinalou que entende que a aseguradora debe asumir todos os danos, pois neste caso había "seguro obrigatorio que debería cubrir ás vítimas sen os límites pactados na póliza", porque "evidentemente cos límites pactados non alcanzaría para cubrir a indemnización".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.