A Eurocámara rexeita debater de urxencia as denuncias contra a planta de Altri

A tramitación de urxencia, apoiada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, rexeitouse con 18 votos en contra fronte a 11 a favor na reunión da comisión este luns, polo que a petición incluirase na axenda dunha futura reunión aínda por determinar.

Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 30/09/2024 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

A comisión de Peticións do Parlamento Europeo rexeitou aplicar o procedemento de urxencia para debater este xoves as denuncias das plataformas e colectivos que se opoñen á instalación da planta de celulosa da multinacional portuguesa Altri no municipio lucense de Palas de Rei debido ao seu impacto ambiental. A tramitación de urxencia, apoiada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, rexeitouse con 18 votos en contra fronte a 11 a favor na reunión da comisión este luns, polo que a petición incluirase na axenda dunha futura reunión aínda por determinar.

Altri, que se marcou ata final de ano para tomar unha decisión sobre a localización da súa nova planta, espera obter 250 millóns de euros de fondos europeos a través do programa do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) de descarbonización industrial, ligado ao plan de recuperación e resiliencia de España. A Comisión Europea xa avisou ás autoridades españolas de que son responsables de garantir as condicións para evitar a deterioración do encoro de Portodemouros, situado na conca do río Ulla entre as provincias da Coruña e Pontevedra, que abastecerá á planta de fibras téxtiles.

Ademais, as autoridades españolas deberán tomar medidas se se produce algunha desviación do previsto nos permisos, segundo indicou en xuño o entón comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, en resposta a unha pregunta parlamentaria da eurodeputada de Podemos Eugenia Rodríguez Palop, que advirte de que a empresa pretende instalar un sistema de captación de auga cun caudal de 46.000 metros cúbicos ao día. Polo seu lado, os representantes do PP galego xa subliñaron o seu apoio á implantación da factoría de Altri na Ulloa e acusaron a PSdeG e BNG de actuar como "sucursais" en Galicia do Goberno central ao que afea querer "castigar" á Comunidade galega.

Dúas persoas durante unha nova protesta contra a empresa de celulosa Altri, na porta principal da Xunta de Galicia, a 30 de xuño de 2024, en Santiago de Compostela
Dúas persoas durante unha nova protesta contra a empresa de celulosa Altri, na porta principal da Xunta de Galicia, a 30 de xuño de 2024, en Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Arquivo

ULLOA VIVA E O BNG ACUSAN AO PP DE IMPEDIR O DEBATE NA EUROCÁMARA

Así as cousas, a Plataforma Ulloa Viva e o BNG acusaron este luns ao PP de impedir o debate na Eurocámara sobre o proxecto que Altri quere situar no municipio lucense de Palas de Rei. O colectivo veciñal mostrou o seu "descontento" porque "unha vez máis o PP votou en contra dos veciños" e considerou este rexeitamento como "un novo ataque" cara a eles. Para Ulloa Viva, "non se entende esta actitude do PP" que, na súa opinión, "defende un ataque mortal contra o corazón de Galicia, en contra mesmo de informes técnicos e científicos".

Ao mesmo tempo, censurou que cando "hai que expor e debater o que defenden en Bruxelas, escóndense detrás dos seus votos en contra para que non se trate o tema" nas institucións comunitarias. Neste contexto, Ulloa Viva sinalou que espera que cando a súa denuncia chegue á orde do día desta comisión, o PP teña "a valentía de deixar que se debata" este asunto. Tamén instou aos populares a "abandonar a súa actitude de tentar silenciar un conflito e unha preocupación" que, engadiu, "é xa un clamor social contra Altri".

O BNG AFIRMA QUE O PP SE "ALÍA COA EXTREMA DEREITA"

Pola súa banda, a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, a quen a Plataforma Ulloa Viva agradeceu que presentase unha proposta para incluír na orde do día da Comisión de Peticións este debate, denunciou que os populares, con esta decisión, "aliáronse coa extrema dereita". Nunha nota de prensa, a parlamentaria do Bloque tachou de "inaceptable" que os populares "volvan impedir que a cidadanía galega compareza nunha comisión do Parlamento Europeo", sobre todo, engadiu, "despois de ter un acordo con catro grupos parlamentarios". Neste sentido, Miranda acusou aos eurodeputados do PP de acudir "en procesión" para "romper o cordón sanitario á extrema dereita" e votar "contra Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta