Por Galicia Confidencial | Allariz | 02/10/2024 | Actualizada ás 09:00
As Xornadas de carne de boi de Allariz chegan este ano á XIII edición e fano contando con 23 establecementos participantes que ofrecerán ata o 13 de outubro menús e petiscos con este gustoso produto.
Un total de 19 tapas participan no concurso este 2024 esperando ser que o voto popular dos/das comensais as elixan como a “Mellor Tapa”. Atópanse tapas máis previsibles e clásicas como os callos de Bo, croquetasi ou albóndegas, pero tamén tapas orixinais e máis exóticas como 'Ssam de boi e chutney de mango' ou 'Cuscús salteado de migas de boi e verduras', ou 'Bocata de churrasco de boi con chimichurri caseiro'. O prezo da tapa será de 3€ e na modalidade de menús haberá para todos os petos.
O folleto co mapa de localización dos establecementos participantes, as tapas e os menús que se ofrecen pode descargarse dende a páxina web do concello.
'PAPANDO NO BOI' E OUTROS SORTEOS
Trátase dun premio local para recompensar a gran participación e fidelidade de todas as veciñas e veciños que ano tras ano participan nestas xornadas. O 'Papando no boi' será para a primeira persoa con tarxeta cidadá que consuma as 19 tapas que participan no concurso de 2024. A veciña ou veciño que gañe levará 100€ para gastar no comercio local.
O sorteo realizarse o sábado 19 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera ás 11:00h, no que se darán a coñecer os gañadores ou gañadoras dos premios así como a tapa máis votada nesta edición.
MERCADO DA RESERVA
Os sábados 5 e 12 de outubro haberá degustación no Mercado da Reserva de tapas elaboradas con carne de boi. O día 5 darase conta da 'Torrija salgada rechea de rabo de boi', e o 12 haberá para degustar 'Miniempanadilla de boi guisado'. As actividades do mercado serán de 12:30 h. a 13:30 h.
As Xornadas de Carne de Boi de Allariz son xa un evento gastronómico consolidado que parte dun proxecto de recuperación e posta en valor deste produto co coidado dos animais na contorna rural da vila e a comercialización da carne da man da empresa Briugu Allariz.
María López, concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo, lembra que a veciñanza alaricana é unha gran embaixadora da Carne de Boi e conta que participe nas xornadas como en edicións pasadas. Así mesmo, quixo agradecer a colaboración dun local de Allariz, Marmurio do Río. O establecemento prestouse para a elaboración dunha tapa para a imaxe destas xornadas, aínda que o seu establecemento non participa dentro das mesmas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.