Tomiño, Crecente, Oroso e Lugo, declaradas zonas afectadas gravemente por unha emerxencia de protección civil

A declaración por parte do Goberno corresponde a sucesos relacionados con fenómenos meteorolóxicos adversos, incendios forestais ou catástrofes de todo tipo entre o 27 de febreiro e o pasado 14 de setembro para poder beneficiarse das axudas previstas na Lei 17/2015 do Sistema Nacional de Protección Civil.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 01/10/2024 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros declarou como zonas afectadas gravemente por unha emerxencia de protección civil a 176 territorios de 14 comunidades autónomas, entre eles, en Galicia, os municipios de Tomiño, Crecente, Oroso e Lugo. A declaración corresponde a sucesos relacionados con fenómenos meteorolóxicos adversos, incendios forestais ou catástrofes de todo tipo entre o 27 de febreiro e o pasado 14 de setembro para poder beneficiarse das axudas previstas na Lei 17/2015 do Sistema Nacional de Protección Civil.

Un incendio forestal en Lugo
Un incendio forestal en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

En concreto, o caso de Tomiño débese ao incendio declarado o pasado 11 de maio nunha empresa de produtos hortícolas que obrigou a activar o plan de emerxencias ao arder produtos químicos. O de Crecente fai referencia ao gran incendio forestal que a comezos de setembro afectou a 300 hectáreas e motivou o desaloxo provisional dunha vintena de veciños pola proximidade das chamas a núcleos habitados.

Ademais, tamén declaran zona afectada gravemente por unha emerxencia o municipio coruñés de Oroso polo accidente o 22 de marzo na AP-9 dun camión que transportaba gasoil e que derramou a carga pola estrada. Por último, o polígono do Ceao, no municipio de Lugo, viviu o pasado 26 de marzo un incendio industrial declarado na nave dunha empresa de despezamentos que deixou dous traballadores feridos.

176 EN TODA ESPAÑA

"(Estes sucesos) provocaron danos persoais en infraestruturas e en bens públicos e privados que xustifican sen ningunha dúbida a intervención da administración", sinalou o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros. En concreto, os territorios aos que lles afecta esta declaración pertencen a distintas zonas e comarcas de Andalucía, Aragón, Canarias, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade de Madrid, Comunidade Foral de Navarra, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Illes Balears, A Rioxa e Rexión de Murcia.

Nun comunicado posterior, Interior lembrou que as axudas que competen a Interior son as de falecemento ou por incapacidade absoluta e permanente (18.000 euros) e as destinadas a particulares por destrución ou danos en aveños de primeira necesidade (o custo cun límite de 2.580 euros). Ademais, tamén son competencia do Ministerio as axudas por destrución total da vivenda habitual (o custo dos danos, cun máximo de 15.120 euros); as enfocadas a emendar os danos á estrutura da vivenda habitual (o 50 %, cun máximo de 10.320 euros) e as utilizadas para os danos na vivenda habitual en xeral (o 50 %, cun máximo de 5.160 euros).

No texto, Interior tamén detallou que son da súa competencia as axudas por danos a elementos comúns dunha comunidade de propietarios (o 50%, cun máximo de 9.224 euros); e as destinadas a persoas físicas ou xurídicas que levasen a cabo prestacións persoais e de bens (o importe total dos gastos). Así mesmo, tamén compete ao Ministerio as axudas aos titulares de establecementos industriais, mercantís e de servizos, incluídos os agrarios, marítimo-pesqueiros e turísticos (ata 9.224 euros); e as enfocadas a corporacións locais por gastos derivados de actuacións inaprazables (entre o 50 e o 100 % segundo os casos).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta