Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 06/10/2024 | Actualizada ás 12:00
Unha das locucións que en castelán fornecen o significado de “en abundancia, abundantemente” é a de a raudales, nomeadamente se se aplica a algo que flúe.
En galego dispomos tamén de locucións e expresións abondas para dar conta dese mesmo significado, como imos ver neste e mais no vindeiro artigo (o cal dividiremos en varias entregas, debido á gran cantidade de locucións e expresións existentes neste sentido).
A raudales
{= Abundantemente, en abundancia, nomeadamente aplicado a algo que flúe ou que corre libremente, sen obstáculos, en gran cantidade.}
A cachón
A embute
A eito
Ex.: La luz entraba a raudales por el hueco de la ventana.
A luz entraba a cachón ‡ a embute ‡ a eito polo oco da xanela.
Ex.: En aquellos tiempos el dinero procedente de la burbuja inmobiliaria les entraba a raudales.
Naqueles tempos o diñeiro procedente da burbulla inmobiliaria entráballes a cachón ‡ a embute ‡ a eito.
● Tamén:
A esgalla
NOTAS:
1. Visto que parece que en castelán existe unha certa tendencia a empregar a locución a raudales en contextos bastante marcados ou delimitados, optamos por priorizar estas catro expresións galegas como equivalentes dela. Non obstante, téñase en conta que, dependendo do contexto, en principio tamén poden dar conta das súas ocorrencias moitas das expresións galegas que reflectiremos no vindeiro artigo, no cal imos plasmar locucións galegas que se corresponderían coa castelá a mansalva.
2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.