Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 04/10/2024 | Actualizada ás 16:35
A maxistrada do Xulgado de Instrución número 4 de Cambados acordou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza de catro dos detidos no operativo contra o narcotráfico desenvolvido no Salnés, A Coruña e Portugal. Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), na mañá deste venres pasaron a disposición nove dos detidos (o resto quedaron en liberdade en sede policial). Desta forma, os cinco restantes que se sentaron durante esta xornada ante o xuíz quedaron en liberdade con comparencias mensuais.
Na causa investíganse delitos de tráfico de drogas, contrabando e pertenza a organización criminal. A operación, denominada 'Ceira', tivo lugar na madrugada do mércores e saldouse con 20 detidos. No marco dese operativo conxunto entre Policía Nacional, Garda Civil e Vixilancia Aduaneira producíronse varios rexistros en zonas do Salnés, como A Illa de Arousa, Noalla e Vilanova, aínda que tamén na Coruña e en Portugal. Durante o operativo os axentes comisaron máis de 20 quilos de heroína, segundo fontes consultadas por Europa Press, unha plantación de marihuana, diñeiro en efectivo e vehículos de alta gama. A organización criminal dedicábase ao narcotráfico e ten unha ramificación destinada á construción de 'narcolanchas'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.