Sanidade pretende protexer a máis de 72.000 nenos de 6 a 59 meses coa vacina fronte a gripe

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2024 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade iniciou este luns a vacinación infantil fronte á gripe, unha campaña que se ofrece a 72.561 nenos de 6 a 59 meses de idade. Segundo explican nun comunicado, a Xunta cita por SMS ás familias para que acudan á vacinación organizada nos centros de saúde de referencia de toda Galicia.

Como novidade, nenos de 24 a 59 meses recibirán este ano por primeira vez a vacina intranasal, coa que se pretende mellorar a adherencia á campaña ao ser de máis fácil administración. Nesta franxa de idade de 2 a 5 anos, a poboación diana é aproximadamente de 49.480 nenos.

Destacan que na vacinación antigripal, Galicia foi pioneira en 2022 ao introducir por primeira vez en España a vacinación de nenos de entre 6 e 59 meses. Os resultados conseguidos constatan a aceptación desta medida, cun incremento en 2023 con respecto á campaña inicial, alcanzándose un 55,78% de cobertura. Este dato sitúa a Galicia á cabeza das coberturas de vacinación infantil en España e case 20 puntos por encima da media nacional, que o ano pasado foi do 36,16%.

Tamén este luns arrinca a campaña galega de vacinación fronte á gripe para menores con patoloxías de risco e para persoas inmobilizadas en casa de calquera idade e á súa coidadora principal. Segundo o último balance desde a posta en marcha da campaña por parte da Xunta o pasado 23 de setembro ata o 3 de outubro, son case 25.000 as persoas vacinadas en Galicia fronte á gripe. Delas, un total de 3.276 son persoal socio-sanitario e 21.353 residentes.

Vacinación dun menor. XUNTA DE GALICIA
Vacinación dun menor. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta