Por Ángela Precedo | VIGO | 22/10/2024 | Actualizada ás 22:00
Na esfera da saúde sexual e reprodutiva das mulleres no noso país, hai catro momentos especiais de cambios. O primeiro, no ano 1975, onde se comezará a definir o que posteriormente serán os Centros de Planificación Familiar (COF) dende o Ministerio de Sanidade e Consumo. Dende a súa Subdirección Xeral de Programas e Promoción da Saúde prevese, na transición política de España, que nestes centros se realice a contracepción e o control da interrupción da xestación. É dicir, xa se estaba plantexando a posibilidade do aborto hai máis de 40 anos. Xa no 1985, apróbase a Lei de despenalización do aborto, só nuns determinados supostos legais, algo que xa supón un importante avance, conquistado polo feminismo español. Un ano despois, esténdese por lei a atención sanitaria pública e gratuíta (pagada cos impostos de todos os cidadáns) a todos en España. E, finalmente, no 2010 publícase a Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo (IVE).
Así, dende o ano 2010 España e, en consecuencia, Galicia, conta cunha lei específica que regula o aborto (Lei Orgánica 2/2010). Nela, recóllese que o aborto é unha decisión libre da muller e que, dentro das 14 primeiras semanas de xestación a muller non ten que alegar motivo algún polo que decide abortar, só manifestar a súa decisión de querer facelo. Iso si, previamente debe ser informada sobre os dereitos, prestacións e axudas públicas que ten a maternidade. Despois das 14 semanas, a lei tamén recolle que se pode ampliar o prazo para abortar ata a semana 22 de xestación por causas médicas, sempre e cando concurran algunha das seguintes circunstancias: que exista un grave risco para a vida ou a saúde da embarazada, que existan anomalías graves no feto, que exista presenza de anomalías fetais incompatibles coa vida ou cando se detecte no feto unha enfermidade extremadamente grave e incurable no intre do diagnóstico.
Deste xeito, a lei do aborto garante a interrupción voluntaria do embarazo sempre e cando sexa realizada por un médico especialista, xa sexa nun centro sanitario público ou privado acreditado. E é que existe unha rede de clínicas privadas acreditadas que están en coordinación cos servizos públicos de saúde que garanten o exercicio desta prestación. De tal maneira que, como se recolle no texto, ata as 14 semanas de embarazo todas as mulleres maiores de 18 anos e menores de 16 e 17 anos poden elixir abortar pola súa propia vontade, sexa cal sexa a causa. Dende fai un tempo xa non é preciso agardar os 3 días de reflexión que antes si era preciso agardar, por se a muller se arrepentía do decidido. E tamén deixou de ser obrigatorio que sexan informadas sobre as prestacións, axudas e obrigacións ás que teñen dereito se deciden continuar co seu embarazo. Polo tanto, a idea era ir simplificando os trámites burocráticos que dificultaban ás mulleres a execución do libre dereito ao aborto. Sen embargo, na práctica, hai varios aspectos da lei do aborto que non se están a cumprir, ou, alo menos, non en toda a súa extensión.
"O PRINCIPAL PROBLEMA QUE TEMOS ACTUALMENTE É A VARIEDADE DE FORMAS DE ACTUAR ARREDOR DESTE TEMA"
Dende o Galicia Confidencial falamos co xinecólogo do Centro de Planificación Familiar de Vigo e presidente da Sociedade Galega de Contracepción (SOGAC), Javier Valdés-Pons, que nos explica por que "a lei do aborto non se está a cumprir en Galicia actualmente", a pesares de que "tivemos 48 anos para preparar os nosos servizos de xinecoloxía para a chegada do aborto voluntario antes do 2010". "Catro décadas nas que as direccións do Sergas seleccionaron colexiadamente xefas e xefes de servizo e de sección de xinecoloxía, e nas que se prestou ensino a centos de especialistas galegos sobre o tema", apunta o profesional, que engade que "todo este tempo debía ter servido para normalizar o aborto e conformar equipos médicos de acordo coa lei". Sen embargo, lamenta que, "hoxe por hoxe, na realidade galega, o resultado destas catro décadas foi ben distinto: non se realizan abortos en todos os centros públicos, habendo servizos de xinecoloxía nos que non se asume o aborto, outros nos que si se asume en función das circunstancias, e só uns poucos nos que se realiza todo o proceso do aborto voluntario".
Así, para este doutor, "o principal problema é a variedade de formas de actuar arredor deste tema", o que fai que "moitas mulleres non poidan abortar preto da casa, dentro da sanidade pública e elixindo a técnica máis adecuada en cada caso". E é que asegura que mesmo hai centros na comunidade nos que os profesionais se negan a realizar o servizo, deixando ás mulleres desamparadas e tendo que desprazarse ata outros lugares nos que si lle practiquen o aborto. E pregúntase: "Como se permite que un servizo de saúde xinecolóxica integral se poida desenvolver sen realizar o aborto? Como, nun hospital comarcal ou xeral, onde se opera xinecoloxicamente, non se fan abortos? Como pode ser que centros privados concerten co Sergas ligaduras de trompas e non realicen abortos?". Deste xeito, advirte de que "a propia lei do aborto, como coñece que este tipo de situacións se dán, recolle a opción de que, se unha muller se atopa nesa situación de que ninguén lle quere practicar o aborto dentro da Seguridade Social da súa comunidade autónoma, a mesma Seguridade Social ten a obriga de facilitarlle que outra comunidade llo faga, sempre dentro dos criterios que estipula a lei".
"HAI PROFESIONAIS QUE SE ACOLLEN Á OBXECCIÓN DE CONCIENCIA PARA NEGARSE A EXECUTAR PRÁCTICAS ABORTIVAS"
A pregunta é: se abortar é legal e así o recoñece unha lei, como é posible que haxa profesionais que se neguen a practicar a interrupción do embarazo? Valdés-Pons apunta, como explicación, á existencia diso que deron en chamar "obxección de conciencia", e que permite que os profesionais se poidan negar a executar prácticas abortivas ou a cooperar, directa ou indirectamente, na súa realización, negativa motivada, principalmente, por motivos ideolóxicos. Desta maneira, "moitos profesionais únense a esa obxección de conciencia para poñer trabas á hora de que en determinadas áreas sanitarias de Galicia se oferte todo o que se ten que ofertar no relativo a métodos abortivos, e ante todos os casos". Así, a día de hoxe os abortos en casos excepcionais por enriba das 22 semanas de xestación centralízanse na área sanitaria de Vigo, "sen que esta reciba ningunha contrapartida nin axuda a cambio por parte da Administración por prestar este servizo", lamenta o doutor.
"Aquí en Vigo nós realizamos todos os abortos e por todas as técnicas permitidas", asegura o doutor, que lamenta que, segundo saben, "haxa áreas sanitarias en Galicia, como pode ser o caso da do Salnés ou da de Cee, nas que non se fan interrupcións voluntarias do embarazo de ningún tipo, obrigando ás mulleres destas zonas a desprazarse a Pontevedra, Vigo ou A Coruña". Valdés-Pons apunta tamén a situacións particulares que se teñen dado na área sanitaria de Santiago, nas que se dificultou o acceso ao aborto a certas mulleres. Así as cousas, lamenta que "unha muller que chega a estes centros e se atopa con esta situación, sinte que na sanidade pública lle están facendo un favor ou que é unha molestia tratala". Para evitar que isto aconteza, asegura que "dende a Sociedade Galega de Contracepción estamos facendo forza para que o sistema sanitario público asuma as súas obrigas, obrigas que lle veñen pautadas na lei do aborto, e que non son obrigas políticas, senón de sentido común e de dereito a que unha muller poida facer co seu corpo o que lle dea a gana, sen que ningún médico nin profesional decida por ela".
"O QUE FAN É DERIVAR ÁS MULLERES AOS DOUS CENTROS PRIVADOS QUE HAI EN GALICIA: NA CORUÑA E VIGO, TENDO ALGUNHAS QUE DESPRAZARSE CENTOS DE QUILÓMETROS"
O doutor lamenta así que a día de hoxe aínda haxa xefes de servizo nalgunhas áreas que se opoñan a practicar os abortos: "Ti non podes por impedimentos a esa muller, que ten que atoparse con total liberdade de escoller, e, se ti non o queres facer, pois abres un camiño dentro do teu propio servizo para derivala". E é que na actualidade, ante casos de obxección de conciencia, o que están facendo de xeito reiterado nalgunhas destas áreas citadas é "derivar ás mulleres aos dous centros privados que hai en Galicia nos que se practican as interrupcións voluntarias do embarazo: a Clínica Arce da Coruña e a Clínica Castrelos de Vigo", de tal maneira que "unha muller de Lugo ten que desprazarse ata a Coruña, e unha de Ourense ata Vigo, por exemplo, tendo que percorrer entre 70 e 100 quilómetros para facer o aborto no mesmo día e retornar á casa, ao mellor sangrando ou con molestias, durante outro longo traxecto de volta", lamenta o xinecólogo. Valdés-Pons denuncia que "isto no século XXI non se pode permitir, especialmente cando contamos cunha lei do aborto que apoia as interrupcións voluntarias do embarazo realizadas con total liberdade de elección por parte da muller xestante".
Para o doutor, todo acontece por un mesmo motivo: "o deixamento político no asunto". E é que, como exemplifica, "dende a política esíxese aos hospitais que teñan a tecnoloxía máis punteira, pedíndolle a moitas áreas sanitarias que fagan control de citoloxías, mamografías, que non superen un determinado período de demora nas resonancias magnéticas... mentres que, neses mesmos hospitais, non se esixe que se practiquen as interrupcións voluntarias do embarazo". "É algo ilóxico", asevera. Agora ben, como resalta Valdés-Pons, ben é certo que "eses mesmos centros e hospitais sempre teñen aberta esa posibilidade de mandar á muller a un centro privado", o cal evidencia, dende o seu punto de vista, "una desigualdade moi evidente na forma de acceder ao aborto entre os diferentes puntos de Galicia".
"SEMPRE EXISTIU UNHA TENDENCIA A DEIXAR MORRER POR SI MESMOS OS CENTROS DE PLANIFICACIÓN FAMILIAR, REDUCINDO O SEU PERSOAL, MEDIOS E FUNCIÓNS"
Ademais, o doutor tamén chama a atención sobre outro asunto vinculado co mesmo: "Sempre existiu, e é unha tendencia que non cambiou nos últimos anos, unha tendencia a deixar morrer por si mesmos os Centros de Planificación Familiar (COF); centros que, aínda que aínda non morreron, quedaron moi reducidos de persoal, de medios e de funcións". E pon como exemplo o propio centro no que el traballa en Vigo, no que "desempeñamos as nosas funcións no soto dun centro de saúde, un soto amplo, iso si, pero nun soto á fin e ao cabo, situado ao mesmo nivel do garaxe, como se nos tivesen agochados". Ademais, afirma que, "os medios que temos, témolos porque pelexamos moito por eles, porque ninguén quere levar as interrupcións do embarazo e temos que levalas nós". De feito, amósase convencido de que, "de non ser por iso, non existiríamos".
De feito, tamén asegura que nese mesmo centro "levamos tamén casos de agresións sexuais, de disforia de xénero, de sexualidade...". E lamenta que, agora mesmo, el teña que atender en exclusiva, como xinecólogo, a unha poboación de 580.000 persoas, homes e mulleres, de calquera idade, porque, "para estes temas, atópome só, son unha soa persoa, algo que resulta completamente ilóxico". Por que? Segundo apunta, principalmente, "o que acontece é que se trata dun problema herdado, dalgo que, por ser tan habitual, case nos teñen acostumados a ser os últimos en todo, e a que non sintamos como un orgullo o ser un Centro de Saúde Sexual e Reprodutiva eficaz (e non só un Centro de Planificación Familiar, como se lle deu en chamar, xenericamente), con mulleres satisfeitas dentro da área sanitaria grazas á atención de calidade que reciben", expón Valdés-Pons.
Nos seus máis de 30 anos como xinecólogo, asegura que a súa é "das poucas unidades multidisciplinares que hai na sanidade pública que funciona ben, con persoal administrativo, auxiliares clínicos, enfermeiros, xinecólogo, psicólogo, traballadora social... Todos traballando en equipo, algo moi difícil de atopar no sistema actual". E é que lamenta que "noutras partes de Galicia as consultas de xinecoloxía son compartidas, e o mesmo profesional que se atopa tratando o caso dun cancro de ovario dunha muller, atópase, horas máis tarde, co caso doutra muller que quere abortar e, seguidamente, co doutra muller que quere un método anticonceptivo". "Non podes atender de maneira adecuada estes temas cando tes que adicarte a outro tipo de problemas e, iso, ao final, as mulleres nótano, sendo o principal motivo polo cal tantas acaban na sanidade privada, algo que non é xusto, porque non permite un acceso igualitario a un dereito como é a interrupción do embarazo a todas as persoas", conclúe Valdés-Pons.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.