IRIBARNE, a obra que programa o FIOT para este 12 de outubro

É unha das grandes montaxes do teatro galego desta tempada e ademais está de xira por toda España. Poderase ver no Auditorio do Pazo da Cultura ás 20:00 h.

Por Galicia Confidencial | Carballo | 12/10/2024 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

A aclamada obra Iribarne será unha das propostas de sala máis esperadas da 33ª edición do FIOT e poderase ver este 12 de outubro. “Sen pretender ser un biopic de Manuel Fraga, esta é unha investigación escénica sobre unha desas figuras imprescindibles do noso pasado recente”, din dende a organización, engadindo ademais que “a ritmo de comedia satírica e musical percorre os momentos máis significativos da súa existencia, explorando a relevancia do poder como motor persoal, as súas implicacións e os seus mecanismos de supervivencia”.

Escena da obra Iribarne. Foto cedida por ButacaZero.
Escena da obra Iribarne. Foto cedida por ButacaZero.

A autora é Esther Carrodeguas, unha das figuras máis relevantes destes últimos anos no panorama actual da dramaturxia galega. Esta obra de gran formato coproducida co Centro Dramático Nacional e a MIT é froito dun longo traballo de documentación aberto á participación do público. Trátase dunha das grandes montaxes do teatro galego desta tempada, montaxe que está de xira por todo o Estado e coa que a compañía ButacaZero segue a apostar por un teatro comprometido que dialoga coa actualidade desde unha mirada crítica e irónica.

Pola súa banda, o certame de Micro-Escenas M2 --a iniciativa de teatro de proximidade do FIOT, a primeira do seu xénero creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes, e pode verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo-- dá o seu pistoletazo de saída este sábado, 12 de outubro, coas súas primeiras propostas: Respira, de Sempre Arriba; e Cronopios a escena, de Carmen Domech.

De cara ao domingo 13 de outubro, é a quenda do FIOT en Ruta, neste caso coa representación de Molto Barroco no Centro Social de Cances, ás 18.30h. Mentres. Ademais, o OTNI achegará ao Salón de Actos do Pazo da Cultura, contra ás 20.30h, a proposta Teatro de papel, un espectáculo de circo contemporáneo que, a través dunha bagaxe de monicreques extraordinarios, o clown e o teatro físico, reivindica o poder da imaxinación. A peza é obra de Rauxa Cía., unha interesante formación creada por dous artistas circenses especializados en manipulación de obxectos, acrobacia e danza, que apostan por novos horizontes onde o circo contemporáneo se atopa con novas temáticas e realidades, buscando o que aínda non foi creado. A compañía xera un universo propio, onde plasma a súa visión traxicómica e poética da vida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta