Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2024 | Actualizada ás 10:28
A Garda Civil investiga un incendio que afectou de forma simultánea a dous autobuses da empresa Alsa que estaban estacionados a varios metros de distancia no municipio de Cerdeda (A Coruña). Segundo informaron o CIAE 112 Galicia e o Consorcio contra Incendios e de Salvamento da Coruña, os feitos ocorreron a pasada medianoite, cando varias chamadas a Emerxencias alertaron dun lume que afectaba a dous autocares estacionados na Avenida da Coruña.
O 112 alertou aos Bombeiros de Ordes e a Protección Civil e Policía Local de Cerceda pero, a pesar dos esforzos para extinguir as chamas, un dos autobuses quedou completamente calcinado, mentres que o segundo rexistrou danos materiais no interior e na parte traseira. Ningunha persoa resultou ferida.
Polo momento descoñécese a orixe do lume, aínda que os bombeiros descartan que puidese propagarse dun bus a outro, porque ambos os autocares estaban esacionados a ambos os dous lados da vía e a varios metros de distancia. A Garda Civil investiga as circunstancias deste suceso, aínda que "non se descarta ningunha hipótese", segundo sinalaron fontes do Concello de Cerceda.
Os vehículos estaban aparcados nunha zona afastada de vivendas e de elementos de mobiliario urbano. Mentres, fontes da empresa consultadas por Europa Press confirmaron que se interpuxo a correspondente denuncia sobre este suceso, "que aparentemente é de natureza intencionada", e atópase á espera da peritaxe para coñecer o custo económico dos danos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.