Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2024 | Actualizada ás 10:58
O presidente do Partido Animalista Co Medio Ambiente (Pacma), Javier Luna, mostrou a súa oposición á decisión da Xunta de Galicia de implementar unha caza "sen límite" de xabarís en 260 municipios, o que supón case o 85% do territorio galego, ao velo como un método "macabro, ineficaz e contraproducente".
"É unha agresión brutal e desproporcionada cara a unha especie que leva anos sendo perseguida sen que se logre unha solución efectiva ao problema", lamentou Luna nun comunicado. Segundo el, a propia Xunta recoñeceu que, a pesar de abater uns 40.000 exemplares nos últimos dous anos, "o problema non se resolveu".
"Isto débese a que a caza, ao alterar as estruturas sociais dos grupos de xabarís e reducir temporalmente a competencia polos recursos, provoca un aumento da taxa reprodutiva da especie", engadiu o presidente de Pacma.
Por iso, este partido propuxo unha serie de solucións "éticas e efectivas", como a implementación de medidas de control de natalidade mediante a esterilización, a mellora da xestión dos hábitats naturais e o desenvolvemento de campañadas de educación que fomenten a convivencia pacífica coa fauna silvestre.
Ademais, consideran "imprescindible" unha maior implicación na prevención de accidentes de tráfico, a través da sinalización e a creación de pasos de fauna, en lugar de apostar pola eliminación indiscriminada de animais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.