Youtubers, instagrammers galeg@s: "Hoxe estamos tristes, pero seguimos traballando"

Algúns perfís como o de @pradorua, @konachadas, Rodri Miguez ou Gabi G realizaron vídeos tras os resultados da enquisa do IGE.

Por Amanda Fernández | Lugo | 17/10/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Se facemos a pescuda do cancelo #galego en Tik Tok figura a cifra de 410.8 millóns de visualizacións sendo a rede social de auxe entre a mocidade. Existen múltiples persoas que crean contido en galego con milleiros de seguidores. Segundo a última enquisa sobre o cñecemento e uso do galego do Instituto Galego de Estatística (IGE), nas redes sociais tan só o 4,75% empréganas sempre en galego; mentres que un 60,26% faino sempre en castelán; un 12,68% máis galego ca castelán; e un 22,31% máis en castelán ca galego.

De esquerda a dereita: @rodrimiguez, @pradorua, @konachadas e @gabiig8
De esquerda a dereita: @rodrimiguez, @pradorua, @konachadas e @gabiig8

Este é un dos parámetros que mediu, sendo outros datos máis significativos e ante isto, moitos empregaron redes sociais para pronunciarse. Algúns creadores de contido ou "influencers" aproveitaron os seus altofalantes para amosar o seu lamento, reflexionar e lanzar unha mensaxe reivindicativa. 

"QUE FACEMOS ANTE ISTO?"

María @pradorua é unha creadora de contido que divulga sobre a cultura galega dende un enfoque cultural e pedagóxico. Con motivo dos resultados, subiu un vídeo que acumula en Instagram máis de 142.000 visualizacións no que se comeza preguntando: "Que facemos ante isto?" Sinala que era un día para felicitar ao "Partido Popular polas políticas lingüísticas que levan implementando nos seus gobernos". Considera que queren acabar coa lingua "por máis que disimulen" e que "saben como actuar, non son parvos". 

Fai fincapé en preguntarse: "Que pasa na escola? en Educación Infantil? Pois queda totalmente na decisión dos docentes e familias en que linguas se vai falar. A educación, a arma poderosa para cambiar ao mundo". Xa no ensino superior, fai referencia ao "decretazo, ese decreto promulgado polo PP foi un navallazo á lingua galega". Así o explica: "Ponlle que se antes era metade galego, metade castelán, introduciron o tema do plurilingüismo, enton quedou dividido en terzos, diminuindo así a presenza e importancia do galego, a partir de aí moitas materias non se poden dar en galego".

Continúa expoñendo que, ademais da falta de uso do galego na escola, "non se contribúe para nada a construír un sentimento de pertenza a este territorio". Comenta: "Cando chegabamos as duas páxinas que falaban do tema de historia de Galicia, isto non da tempo. Grao de Educación Infantil e Pedagoxia, cantas veces nos falaron da importancia de falarlles en galego ás crianzas? Podo contalas cunha man e sóbranme dedos". Conclúe preguntándose, de novo, "que facemos?" ou "cal é a solución?" e reivindica: "Co galego, comprometida ata o día da miña morte, será unha loita que virá conmigo ata a tumba, hoxe estamos tristes, pero seguiremos traballando". 

"DEIXADE A LINGUA PACER"

No caso de GabiG ou @gabiig8 realizou un vídeo en Tik Tok no que acumula 51.800 visualizacións para comentar esta cuestión. "Por primeira vez en trece séculos, o castelán supera ao galego en idioma máis falado en toda Galicia", comezaba. É educador infantil e está nunha escola rural, na que predomina bastante o galego. Porén, recoñece que estivo noutras nas que os pais e nais sendo galegofalantes lles falaban castelán aos seus fillos. "Teñen moito contido en castelán, faládelle galego, se o falades vós, faládello tamén aos vosos fillos", manifesta. 

Fai fincapé nos creadores de contido en galego: "Somos poucos, pero facemos unha gran labor e chegamos a milleiros de persoas". Menciona a @pradorua e a súa divulgación da cultura galega; a retranca de Leti da Taberna; Luís do Río, divulga a nosa artesanía; ou @VimanStyle sobre moda. "E eu pintando a mona, sumamos milleiros de persoas e son galego. As barreiras poñémolas nós, o idioma non ten fronteiras, deixade a lingua pacer, que a nosa cultura está a morrer", expresa. 

"A SENSACIÓN DE QUE O GALEGO ESTÁ ACADANDO IMPORTANTES FITOS, SÓ NA BURBULLA CULTURAL, NON TRASPASA Á SOCIEDADE"

O xornalista musical e creador de contido, Rodri Miguez, tamén se quixo pronunciar: "Que está pasando co galego? Creo que todos vimos o informe, o estado da lingua galega na xente máis nova e todos somos conscientes de que a lingua galega está nunha situación moi complexa". Resúltalle irónico, "terriblemente irónico", que posiblemente esteamos ante un dos "mellores momentos da historia da música en galego". Temos bastantes grupos en galego, que poden vivir do seu traballo, cousa que ata "fai ben pouco non pasaba", grupos que moven masas, concertos, xiras internacionais... "E aínda así non está calando na xente nova", lamenta e reflexiona: "Onde está o fallo? Quere isto dicir que a influencia da música en galego na xente nova é nula? Que a pesar de escoitar e de ter como referentes artistas en galego que promulgan o galego e defenden a lingua galega, a situación é tan crítica que non se reverte nin por esas?". 

Tamén destaca á xeración boomer, a que viviu "o boom do Xabarín Club, como referencia cultural de influencia". Porén, é a xeración que "máis inculcou aos seus fillos que non aprenderan galego, xeralizando". Pregúntase se está incidindo a música en galego nun grupo de xa post-adolescentes. Así, por outro, están os concertos de Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra cheos de crianzas, que se apuntan a pandeiretas ou baile galego. "Esa sensación de que o galego está acadando importantes fitos, parece que só se queda na burbulla culural, non traspasa á sociedade. Non sei, é duro de ver. Estamos nos peores datos da historia da lingua galega, hai culpables, pero que facemos?",  expón. 

"A SITUACIÓN E NEFASTA E SÚPER PREOCUPANTE"

O perfil @konachadas tamén se fixo eco dos datos da enquisa do IGE e difundiu un vídeo en Instagram e en Tik tok: "Necesito comentala, a xente nova, menor de 14 anos, é súper preocupante, nada de galego". De igual modo, destaca que no ámbito social para falar con médicas ou mestras hai moita diferenza no uso da lingua, preferindo o castelán. "Chámame un pouco a atención, que cos cargos de poder fálase maiormente castelán e coas compañeiras de traballo, moito máis equilibrado", comenta. 

"En xeral nos medios de comunicación en internet, o galego brilla pola súa ausencia, ren redes sociais un 4,75% en galego", apunta e fai fincapé en que a cifra que lle parece "máis desgarradora" é a tendencia da baixa de número de falantes en galego. E reflexiona: "E onde acontece isto para sorpresa de ninguén? Nas grandes cidades, onde nin o 5% fala galego. En resumo, a situación é nefasta e súper preocupante, a tendencia da baixada é esaxerada". Lanza para rematar unha mensaxe clara: "Como persoas individuais podemos cambiar un pouco esta tendencia, se ti estabas pensando en falar galego, se tiñas a mínima dúbida, toma isto como a túa sinal porque a situación é de urxencia. A perda da lingua é a nosa perda de identidade como pobo". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario (1 pend. aprobación)