Galicia, unha terra con oportunidades para o emprendemento

O Goberno galego impulsa unha Rede de polos de emprendemento que xa conta con 14 oficinas, nas que se asesora gratuítamente a calquera persoa que queira poñer en marcha un negocio, e que tamén conta co novo Centro de Orientación ao Emprendemento

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/10/2024 | Actualizada ás 06:30

Comparte esta noticia

Galicia aposta polo emprendemento como un motor de crecemento, competitividade e xeración de emprego e riqueza. O Goberno galego marcouse como unha das súas prioridades estratéxicas poñer ao servizo do tecido emprendedor todos os recursos e apoios necesarios para favorecer que aquelas persoas que queren poñer en marcha un proxecto ou negocio atopen na rexión o acompañamento necesario para facelo realidade. 

Imaxe do polo de emprendemento en Silleda
Imaxe do polo de emprendemento en Silleda | Fonte: Xunta

Neste contexto, unha das grandes apostas da Xunta foi a creación da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa pública nada en xullo de 2022 que presta, de maneira gratuíta, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender na Comunidade como a quen xa o fixeron, pero queren consolidarse. A Rede ten, ademais, un gran foco no rural, co obxectivo de dinamizar a economía local, fixar poboación e combater o reto demográfico.

Actualmente, conta con 14 oficinas activas, situadas en diferentes localizacións do territorio galego: tres na provincia da Coruña (Ferrol, Coristanco e Melide), cinco na provincia de Lugo (Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos); catro na provincia de Ourense (O Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín); e dous na provincia de Pontevedra (Silleda e O Porriño). Ademais, o proxecto segue crecendo e ampliarase en vindeiras datas cun novo laboratorio en Vilanova de Arousa, ademais de contar xa co novo Centro de Orientación ao Emprendemento. 

Desde a apertura desta rede, no total de Galicia xa se atenderon máis de 2.600 experiencias de emprendemento -un 20% delas lideradas por persoas de fóra da Comunidade- entre as que predomina o sector servizos, seguido da hostalería e das actividades de comercio. Ademais, no conxunto das catro provincias, realizáronse máis de 7.200 titorías e preto de 1.000 actividades, como reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos.

REMUDA XERACIONAL E ATRACCIÓN DE TALENTO FORÁNEO

Emprendedoras e emprendedores no polo de emprendemento de Sarria
Emprendedoras e emprendedores no polo de emprendemento de Sarria | Fonte: Xunta

Dentro da propia Rede de polos, Galicia tamén ten en marcha un plan específico de remuda xeracional, ofrecendo acompañamento para asesorar, axilizar e facilitar os procesos de transmisión de negocios en funcionamento establecidos no territorio galego para garantir a súa continuidade e evitar o peche por falta de persoas emprendedoras que os manteñan. O programa, dotado este ano con 1,5 millóns de euros, pon en contacto a aqueles que pechan a súa empresa por atoparse próximos á súa xubilación con persoas interesadas en facerse cargo dela, apostando así por un proxecto empresarial consolidado e viable e reducindo os riscos da posta en marcha dun novo negocio.

Outra das súas funcións – esta vez no marco da Estratexia Galicia Retorna- é favorecer a integración sociolaboral dos emigrantes galegos e os seus descendentes que, estando en orixe, contemplen o autoemprego como vía para o retorno. Trátase dunha medida que, ademais de combater o reto demográfico, permite seguir sumando talento e capacidades ao tecido produtivo da Comunidade. Este colectivo tamén conta co apoio do programa de mentoría Merlo para emprendedores retornados.

ATRACIÓN DE NÓMADES DIXITAIS AO RURAL

Outra iniciativa destacada no ámbito do emprendemento en Galicia está orientada a atraer a un novo perfil profesional nacido co auxe das novas tecnoloxías: son os chamados nómades dixitais ou profesionais en remoto. Este novo estilo de vida potenciou o crecemento dos colivings: vivendas compartidas con espazos comúns nas que as persoas residentes conviven e colaboran nos seus proxectos. 

A aposta de Galicia neste ámbito materializouse a través do convenio Fixar, no que se integran os coliving de Lobeira (Ourense), Anceu (Ponte Caldelas, Pontevedra) e iSlow (O Piñeiro, Laxe). O proxecto piloto conta con 60 participantes, entre eles atopamos profesionais internacionais dos videoxogos, o cinema, a tecnoloxía ou as editoriais, demostrando que é posible emprender no rural galego.

REXIÓN EMPRENDEDORA EUROPEA

Tanto a Rede de polos de emprendemento como os proxectos de coliving foron clave para facer a Galicia merecedora recentemente do premio á Rexión Emprendedora Europea 2025

Este galardón recoñece o esforzo da Xunta para desenvolver o potencial das catro provincias a través de iniciativas empresariais que dinamicen a economía, atraian a traballadores de alta cualificación e impulsen novos negocios ligados ao territorio, contribuíndo así a fixar poboación no rural. 

Outras medidas innovadoras neste campo son tamén o Mapa do Emprendemento virtual -que ten xa 190 entidades adheridas e que integrará todos os axentes, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia. Ou a publicacion dunha serie de microguías de utilidade para poñer en marcha e xestionar un negocio, que ademais de estar dispoñibles en liña distribúense de forma física entre os colectivos de interese, así como nas oficinas dos Polos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta