Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/10/2024 | Actualizada ás 14:36
Alba Chao Vázquez recolleu esta mañá na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia o IV Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo propio Colexio en colaboración con Gadis, reivindicando o xornalismo local e a importancia da educación en igualdade. No mesmo acto, Carolina Sertal Souto, finalista, cualificou esta edición do certame como un "premio da sororidade".
Alba Chao, xornalista de Faro de Vigo, foi a gañadora pola reportaxe "Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia", mentres que Carolina Sertal resultou finalista co traballo "Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade", publicado en Luzes. A gañadora reivindicou a reportaxe como un traballo colectivo no que colaborou moita xente dun medio e unha sección na que "o rigor e o servizo á cidadanía segue primando por riba do espectáculo".
"Se hai un xornalismo verdadeiramente útil é o xornalismo local, afirmou. A xornalista deu tamén as grazas pola existencia dunha iniciativa "que premia un área temática que non goza do prestixio doutras" e salientou a importancia da educación en igualdade, algo no que "as familias temos parte da responsabilidade. pero a sociedade como conxunto tamén". Neste sentido, Chao quixo reivindicar tamén a súa propia traxectoria: "Son unha muller rural, galegofalante, filla e neta de agricultores, que aprendeu a ler nunha unitaria, que estudou sempre na pública e que fai xornalismo local".
Carolina Sertal, pola súa banda, asegurou que para ela é "unha honra" recibir o recoñecemento a un traballo en profundidade que supuxo un mes e medio de investigación no que non resultou doado atopar testemuñas. A finalista asegurou que este é un "premio da sororidade" e manifestou que é "un pracer compartilo con Alba porque é compañeira de traballo".
O xurado do cuarto Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' estivo composto por Vanessa Casteleiro Martínez, Lara Dopazo Ruibal, María Eimil Méndez, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Gemma Malvido Otero, Belén Regueira Leal, Ana Isabel Rodriguez Vazquez e Cristina de la Vega Jiménez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.