Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2024 | Actualizada ás 15:11
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou que ensino e I+D+i soben un 2,2 % nos orzamentos da Xunta para o ano que vén, cifra que cualificou de "marca histórica". Rodríguez avanzou este venres as grandes cifras das contas do seu departamento. A dotación de novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas e a construción dun novo edificio do Cesga son algunhas das "grandes actuacións" que se porán en marcha en Santiago, segundo destacou.
O incremento do 2,2 % co que se alcanza unha "marca histórica" tradúcese en 66 millóns de euros máis "a disposición do ensino e do I+D+i" de Galicia. "Estes orzamentos van permitir facer fronte a moitos retos e moitos desafíos; impulsarán unha das maiores modernizacións e cambios estruturais do sistema educativo nos últimos anos", asegurou. Respecto da educación, afirmou que as contas farán posible "ter unha dos mellores cocientes", con máis profesores e con maior atención ao alumnado con necesidades especiais, así como un reforzo ao ensino no rural, e a mellora da carreira profesional docente, entre outros aspectos. No ámbito da ciencia e da investigación, sinalou que os orzamentos posibilitarán o impulso da ivestigación e o apoio ao talento, ademais de reforzar centros tecnolóxicos e de investigacion universitaria.
"GRANDES ACTUACIÓNS" EN SANTIAGO
Deste xeito, sinalou que a dotación de novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas e a construción dun novo edificio do Cesga son algunhas das "grandes actuacións" que en 2025 porá en marcha a consellería na capital galega. A estas medidas sumaráselle a construción da nova facultade de farmacia, o apoio a centros de investigación e a "reforma e modernización" de centros educativos. No caso concreto da facultade, o conselleiro detallou que apoiarán con "12 millóns de euros ata 2026" á Universidade de Santiago de Compostela (USC) para construír estas instalacións.
De feito, explicou que a propia USC "será tamén beneficiaria de boa parte dos 17 millóns para centros de investigación". En concreto, entre 2024 e 2027 recibirán 2,8 millóns o Centro de Investigación en Medicina Molecular (CIMUS), 3 millóns o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), 2,4 o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), 3 o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías compartido entre a USC e a Xunta (IGFAE) e, finalmente, 1,6 millóns o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS).
Así mesmo, Rodríguez esgrimiu que a Xunta apoia a creación dun novo centro de investigación empresarial, de Mestrelab, que abrirá as súas portas "moi pronto". "Especializado en software científico para os sectores farmacéutico e biotecnológixo, está a recibir 4,2 millóns da Xunta, a última parte está incluída nos orzamentos de 2025", detallou. Tamén avanzou unha segunda fase que "superará os 6 millóns de euros", para a "reforma, ampliación e modernización" de 13 centros educativos composteláns a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.
VIVENDA E PLANIFICACIÓN DE INFRAESTRUTURAS PASA DE 476 A 514 MILLÓNS
Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou as liñas xerais dos orzamentos do seu departamento para 2025, cunha partida "marca" que aumentará un 8 %, pasando de 476 a 513,8 millóns de euros. Nunha visita ás obras da ampliación do barrio vigués de Navia, Martínez Allegue adiantou tamén a cualificación indefinida e permanente das Vivendas de Promoción Pública e Vivendas de Promoción Autonómica construídas en chan desenvolvido por promotor público. "Estes orzamentos son a proba do pacto que adquirimos cos galegos. Avalan o compromiso da Xunta e non escatimaremos nin en esforzo nin en traballo", subliñou, segundo recolle o Goberno galego nun comunicado.
Ela apuntou que a evolución de Navia "sintetiza moi ben o modelo de crecemento" que se pretende en toda Galicia, con "construción de calidade, espazos verdes e servizos". "Para iso é necesario investir", engadiu. Así, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) contará con 221 millóns, o orzamento máis alto da súa historia con 55 millóns máis que o ano pasado. En concreto, o orzamento de 2025 prevé 100 millóns para construír novas vivendas públicas en Galicia; outros 20 millóns para a xestión de novos chans residenciais e case 7 millóns para o programa Rexurbe de rehabilitación de inmobles adquiridos en centros históricos. No marco do compromiso da Xunta para duplicar nesta lexislatura a vivenda pública, ata as 8.000, a conselleira lembrou que en seis meses xa están en marcha preto de 1.500 en diferentes fases de execución, das cales 656 están en Navia.
No caso de Vigo, o orzamento do IGVS alcanza os 60 millóns, un 243 % máis respecto ao exercicio anterior, dos que máis de 42 millóns destinaranse á construción de vivenda de promoción pública e 15,5 millóns ás obras de urbanización de chan residencial en Navia. Para a provincia de Pontevedra, a Consellería destinará 180 millóns, 48 máis, o que supón 190 euros por habitante. A partida con maior volume será a de construción de nova vivenda para aluguer social, con máis de 54 millóns.
CUALIFICACIÓN DE VIVENDAS
Martínez Allegue avanzou que o esforzo en investimento irá acompañado de medidas legais, entre elas a modificación do artigo 60 da Lei Galega de Vivenda, relativo á duración do réxime de protección das vivendas protexidas. Así, establecerase unha duración indefinida e permanente do réxime de vivendas protexidas de promoción pública e das protexidas de protección autonómica construídas en chan desenvolvido por promotor público, como é o caso de Navia. A Xunta lembrou que prestará especial atención ás demandas de mozas e á súa necesidade de emancipación, polo que o 40 % das novas vivendas que se constrúan para alugar e o 25 % para a venda irá para mozas de ata 36 anos.
INFRAESTRUTURAS
Pola súa banda, a Axencia Xeral de Infraestruturas contará cun orzamento de máis de 265 millóns, asumindo compromisos con Vigo e a súa área como o desenvolvemento dos ámbitos autonómicos da ETEA e a colaboración co Concello de Vigo para a prolongación do túnel de Porta do Sol, segundo indicou a conselleira, entre outras obras. Martínez Allegue pediu ao Goberno central que "escoite ás comunidades autónomas", tanto na súa petición de máis fondos, lembrando que "son de Europa", como á hora de elaborar un Plan Estatal de Vivenda. "Deixen de pedir máis implicación ás comunidades e póñanse á altura do gran problema que temos en todo o país, que é o acceso á vivenda. Unha vivenda que debe ser digna e accesible. Antepoñan os intereses dos cidadáns aos intereses partidistas", sentenciou.
INCREMENTO DO 10 % PARA PRESIDENCIA
Por outra banda, os orzamentos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para 2025 recollen un incremento do 10 % para o Plan anual da Cooperación Galega, de modo que a partida chega ata os 9,9 millóns de euros. Así o destacou este venres o conselleiro do ramo, Diego Calvo, quen reivindicou ademais o apoio da Xunta aos concellos con máis de 600 millóns entre o Fondo de Cooperación Local e as distintas liñas de axudas. En concreto, esta contía sobe ata os 641 millóns de euros, segundo resalta a Xunta, "o maior esforzo da historia da autonomía" coas entidades locais.
No que se refire ao investimento no ámbito local, destaca outra subida "histórica" na orde de axudas a asociacións de veciños e mulleres rurais e de comunidades de usuarios de augas do Plan de Acción Comunitaria. O próximo ano, segundo avanzou Diego Calvo, estes colectivos recibirán 4 millóns de euros, un 33 % máis, o que supón "un recoñecemento ao seu labor indispensable".
"INNOVADORA SOLUCIÓN"
As contas de Presidencia destinan 721.300 euros a unha "innovadora solución tecnolóxica" coa que pretende reducir os tempos de busca de persoas desaparecidas (o proxecto 'Dronefinder'). O conselleiro, Diego Calvo, asistiu este venres á simulación da busca dunha persoa desaparecida cun dos vehículos non tripulados da unidade operativa de drones do GALI. Durante esta visita, acompañado do xerente da Axega, Marcos Araújo, destacou que para o éxito destas operacións as primeiras 48 horas son vitais.
220 MILLÓNS PARA DESENVOLVER POLÍTICAS PESQUEIRAS
A Consellería do Mar destinará 220 millóns de euros ao desenvolvemento de políticas pesqueiras e apoio ao sector en 2025, un 2,9 % máis que en 2024. Esta cifra elévase a 247 millóns cos recursos de Portos de Galicia e do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar. Diso informou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, nunha visita ao porto de Sanxenxo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e polo alcalde, Telmo Martín, para presentar as previsións de investimento do seu departamento durante o próximo ano.
As contas do Executivo autonómico contemplan un investimento total de 17,7 millóns para os portos de titularidade autonómica no próximo exercicio. Esta partida compromete actuacións cuxo importe total ascende a 108 millóns de euros para as tres provincias costeiras. A provincia de Pontevedra é a que recibe unha consignación maior para obras portuarias, con 3,3 millóns en 2025 para actuacións plurianuais que ascenden en total a 32,7 millóns de euros. Para os portos da provincia da Coruña consígnanse en 2025 case 2,7 millóns de euros destinados a investimentos plurianuais cuxo orzamento ascende a 34,6 millóns. Finalmente, para a provincia de Lugo destínanse 850.000 euros en 2025 e comprométense actuacións plurianuais por case 13 millóns de euros.
Ademais destas partidas para obras, os orzamentos recollen investimentos xerais que abarcan a varios portos. É o caso da dotación de luminarias LED en 26 peiraos, cun orzamento de 3,6 millóns; as novas capas de pavimentos e firmes nos portos, que contarán con 1,8 millóns; ou a mellora das instalacións náuticas para a que se consigna 1,2 millóns de euros. Noutras partidas, para o porto de Sanxenxo consígnanse 550.000 euros (construirá 12), mentres que para os departamentos de usuarios de Combarro destinaranse máis de 1,1 millóns de euros e para o dragado do Lérez, 3,6 millóns de euros.
En canto á planificación orzamentaria, o conselleiro destacou que para Sanxenxo se contempla unha única anualidade de investimento para a execución das obras ao longo do próximo exercicio, mentres que para os departamentos de usuarios de Combarro e o dragado do Lérez contémplanse partidas plurianuais que responden os tempos de tramitación preceptivos, que neste último caso veñen condicionados pola necesaria autorización por parte do Goberno central dun punto de depósito para os áridos que se extraian do dragado.
MEDIO RURAL INCREMENTA AS SÚAS CONTAS NUN 3,5 %
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural contará cun orzamento de 701 millóns de euros en 2025, un 3,5 % máis que os 677 millóns de 2024, un punto por enriba do avance da media de crecemento das contas galegas. Diso informou a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, nunha visita a Ribadeo, onde avanzou que este departamento destinará case 20 millóns de euros de fondos propios a un plan plurianual para mellorar os camiños rurais. O Plan Camiña Rural ten como obxectivo mellorar as vías rurais galegas para vertebrar os traballos agrícolas, diminuír custos de produción e conectar á veciñanza. Desde o ano 2016, actuouse en máis de 6.000 camiños municipais e en máis de 4.700 quilómetros de vías ao amparo do plan marco.
Por outra banda, a conselleira anunciou que haberá un investimento de case 3,7 millóns de euros para levar a cabo 24 pasteiros en toda Galicia, que buscan ampliar a base territorial das explotacións e ser barreira natural contra os lumes forestais. Tamén se investirán 15 millóns de euros en axudas para as plantacións de coníferas e frondosas, con atención á silvicultura produtiva para axudar a mellorar a xestión forestal, o que repercutirá na "madeira de calidade que demanda o sector e facernos máis profesionais". Lembra que, con base nos acordos de estabilización, os traballadores temporais de prevención de incendios (ao redor dun terzo do servizo) traballarán ao longo de oito meses, un máis que en 2024, o que implica un esforzo orzamentario total, entre persoal funcionario e laboral, de 8,8 millóns de euros.
EMPREGO DESTINA 497 MILLÓNS Á POTENCIACIÓN DO EMPREGO DE CALIDADE
Tamén o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, trasladou este venres en Ourense que o Goberno galego destinará 497 millóns de euros do orzamento de 2025 á súa Consellería, co obxectivo de, entre outras cousas, potenciar o emprego de calidade, rebaixar o desemprego e converter Galicia "nunha terra de oportunidades para reter talento". "Galicia leva facendo durante estes anos un gran traballo e é unha comunidade autónoma con pouca débeda pública. Unha comunidade que acredita unha xestión moi rigorosa e por tanto podemos facer estes orzamentos e estas apostas tan importantes", afirmou José González antes de profundar nas súas áreas.
Así, en emprego, destacou que apostarán por "seguir cara ao emprego de calidade" e "cara a rebaixar o desemprego ata chegar ao 9,1 % de paro en Galicia", algo que afirmou que "se conseguirá". Nesta mesma área, outro dos obxectivos é "converter Galicia nunha terra de oportunidades para reter talento, pero tamén para atraer talento". Neste sentido, lembrou que unha das liñas do Goberno neste mandato foi o Programa Retorna, "para render homenaxe a todos aqueles que tiveron que migrar traendo aos descendentes nas mellores condicións, para poder traballar aquí".
Outro dos campos nos que adiantou algunhas das apostas foi o de Comercio, onde "hai un reto moi importante que é non só manter, senón revitalizar o comercio". Para iso, dixo que será "importante escoitar a comerciantes, placeiros, cámaras de Comercio e federacións" para "poder tomar decisións". Tamén engadiu que apostarán por "potenciar o comercio non só nas cidades, senón tamén nos pobos". "Queremos avanzar cara á definición de mercados excelentes, que as prazas de abastos formen parte do ámbito comercial das cidades e sexan un elemento de referencia", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.