Henrique Monteagudo (RAG): "O problema do galego non é a perda de galegofalantes, senón a suba de castelanfalantes monolingües"

"A xente nova ve nas persoas que saen nas pantallas e nas redes sociais referentes dignos de imitar, molóns, persoas que marcan tendencia... E, entre eles, evidentemente, o peso do castelán é asoballante", expón o tamén investigador do ILG. "Urxe protexer aos mozos que falan galego; sen base de falantes, perdemos o futuro da lingua", advirte.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Despois de analizar a situación do galego a nivel social e cultural, é de recibo abordar tamén a problemática dende a perspectiva psicosocial, pois non se debe esquecer que a lingua é unha ferramenta moi poderosa na configuración de identidades, especialmente para os máis novos. Para tratar o impacto que pode ter sobre as persoas o feito de sentirse diferentes polo simple feito de empregar o galego como lingua vehicular, dende o Galicia Confidencial falamos co catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Henrique Monteagudo, vicesecretario da Real Academia Galega (RAG) e investigador no Instituto da Lingua Galega (ILG), que urxe "dotar de protección aos mozos e mozas que aínda falan en galego". "Se perdemos a base de falantes novos, perdemos o futuro da lingua galega, así de claro", sentenza.

Escolares, nenos e nenas, que van a clase nun centro de ensino galego
Escolares, nenos e nenas, que van a clase nun centro de ensino galego | Fonte: XUNTA - Arquivo

Monteagudo asegura que, actualmente, e tras coñecerse os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), "o problema do galego non está tanto na perda de galegofalantes como no incremento de castelanfalantes monolingües". Así mesmo, apunta a que "a perda do idioma estase a concentrar, sobre todo, nos sectores máis novos da poboación", como tamén pon de manifesto o traballo de dinamización lingüística que realizou a Real Academia Galega en colaboración co Concello de Ames neste municipio, 'Modo galego, actívao!', no que se puido comprobar que, "xa no contacto coa gardaría, no ensino preinfantil e infantil, hai unha importante porcentaxe de rapaces e rapazas que chegan falando galego da casa e, ao entrar no centro educativo, deixan de falalo". A partir de aí, tamén puideron comprobar "un claro incremento da perda de falantes cando os rapaces pasan á Educación Primaria e á Secundaria".

"O EFECTO MÁIS PERIGOSO QUE AFECTA AO GALEGO É A PRESIÓN QUE OS RAPACES SENTEN AO VER QUE PRECISAN O CASTELÁN PARA INTEGRARSE"

Para o catedrático da USC, un dos motivos polos que isto acontece é, sen lugar a dúbidas, "a presión que o propio medio exerce sobre eles". E é que "estes rapaces galegofalantes senten que falando en galego son rexeitados polos seus propios pares, e que lles custa integrarse nas redes de relacionamento, que funcionan, maioritariamente a día de hoxe, en castelán". Isto é algo que puideron comprobar tamén durante ese traballo, nas entrevistas mantidas cos seus proxenitores, que lles aseguraban que "os seus fillos e fillas lles confesaban sentirse raros falando en galego no colexio, que non querían sentirse raros ou quedar nun curruncho por non falar castelán". Por iso, Monteagudo afirma que "é aí onde realmente se está a producir o abandono o galego". Con todo, tamén concede que "na poboación xuvenil, especialmente en determinados contextos como pode ser o paso á universidade, tamén se está a dar unha recuperación do galego", é dicir, os rapaces volven falalo ao tomar máis conciencia lingüística.

Por outra banda, o galego tamén se atopa relegado a un segundo plano no ámbito laboral, xa que, como explica o vicesecretario da RAG, "hai moita xente que chega a un traballo falando galego e abandona o idioma non por decisión propia, senón porque na súa profesión lle esixen o uso do castelán". Así as cousas, Monteagudo lamenta que "todos estes, e moitos outros, suman unha multitude de factores que fan que o número de galegofalantes descenda". Aínda con todo, considera que "o efecto máis forte, grave e periogoso que afecta ao galego nestes momentos é esa presión que os rapaces e as rapazas galegofalantes senten na infancia dende os seus primeiros anos de escolarización ata que xa na adolescencia adoptan definitivamente o castelán como lingua de uso habitual para integrarse nun certo modelo de normalidade que lles obriga a deixar o galego ás portas do colexio ou do instituto".

Henrique Monteagudo, vicesecretario da RAG
Henrique Monteagudo, vicesecretario da RAG | Fonte: Academia.gal - Arquivo

"A XENTE NOVA VE NAS PERSOAS QUE SAEN NAS PANTALLAS REFERENTES A IMITAR E, ENTRE ELES, EVIDENTEMENTE, O PESO DO CASTELÁN É ASOBALLANTE"

Sobre estes rapaces e rapazas pesa unha carga psicolóxica moi grande, pois Monteagudo convida a non esquecer que "nesas idades os nenos están en pleno proceso de construción dunha imaxe pública" e "teñen unha percepción de que hai unha presión clarísima para mellorar a súa imaxe pública usando o castelán". Ademais, tamén experimentan esa dualidade de que "cando están na casa coa familia ou con xente da súa veciñanza falan en galego, pero cando entran no centro educativo, se queren crear novas relacións entre iguais, teñen que adoptar o castelán", porque "vendo que o resto dos rapaces o falan, teñen a sensación de que con xente distinta da que xa coñecían a regra e a norma de uso lingüístico axeitada é o castelán". E, deste xeito, "así estamos", lamenta o catedrático da USC, que concede que "hai un feito que non é masivo, pero si é frecuente, que é que a xente, canto máis maior, máis tende a falar en galego", mentres que os rapaces "interpretan todo o contrario: que falar en castelán é o guai, o que mola, o que teñen que facer para ser rapaces normais, para non apartarse desa norma social non escrita".

Tamén nesas idades, cada vez con menos anos, comezan a usar as novas tecnoloxías, as plataformas audiovisuais e as redes sociais, vendo como o galego é claramente un idioma relegado a un segundo plano ou case inexistente nas mesmas. Neste senso, Monteagudo apunta que "para un rapaz ou unha rapaza é moi importante ter referentes, porque creará a súa imaxe social fixándose neles", e eses referentes "poden ser próximos, estando entre a xente que teñen ao redor e nas redes de amizade nas que se integran, pero tamén poden ser referentes públicos, máis distantes e aos que conceden maior prestixio". Estes últimos, a día de hoxe, transmítense de xeito efectivo a través das redes sociais e da produción de produtos de lecer: televisión e plataformas audiovisuais nun sentido moi amplo e redes sociais ('youtubers' e 'influencers'), videoxogos... "A xente nova ve nesas persoas que saen nas pantallas referentes dignos de imitar, molóns, persoas que marcan tendencia... E, entre eles, evidentemente, o peso do castelán é asoballante", expón o investigador do ILG.

"NOS LUGARES DE GALICIA ONDE O GALEGO AÍNDA TEN UNHA PRESENZA MASIVA E 'MACIZA', A XENTE NOVA NON SENTE ESA PRESIÓN DO CASTELÁN"

Agora ben, a perda de falantes do galego non só afecta a nivel psicolóxico aos nenos, senón que tamén pode causar sensación de desasosego aos máis maiores, a esas persoas, especialmente do rural galego, que levan toda a vida falando en galego e que non se defenden ben en castelán. Sobre este asunto, o catedrático da USC considera que, "a xente máis vella, de 65 anos en adiante, que é a que agora mesmo é máis galegofalante, máis ben tende a relacionarse con xente do seu tempo e, moita dela, considera normal que os máis novos falen en castelán e mesmo, se se defenden, cambiar ao castelán para falar con eles". Como apunta, "estas persoas non adoitan ter unha concepción lingüística moi aguda, polo que non adoitan facerse preguntas do tipo: que está a suceder co galego?". Iso si, concede que "pode haber tamén casos de persoas galegofalantes que se atopen en contextos nos que non teñen con quen falar en galego e teñan unha sensación de illamento, de estar nun curruncho, fóra da súa zona de confort, pero non son os casos máis abundantes".

De feito, Monteagudo afirma que "naqueles lugares de Galicia onde o galego aínda ten unha presenza masiva e 'maciza', e que lamentablemente cada vez son menos, a xente tampouco sente esa presión do castelán que si se percibe noutros puntos do territorio". Como exemplo, asegura que "se vas á zona da Costa da Morte, o galego segue sendo practicamente o idioma maioritario, mesmo entre os máis novos", de tal maneira que "eses rapaces e rapazas non senten tanta presión por falar castelán, entre outras cousas, porque non teñen que falalo necesariamente para integrarse nunha rede social cos seus pares, máis ben ao contrario, moitas veces o que acontece é que xustamente a lingua dos seus pares é o galego e entón teñen que falar en galego para integrarse". Do mesmo xeito, asegura que a xente maior da Costa da Morte e zonas con características lingüísticas semellantes, tampouco ten esa percepción de que o castelán se está impoñendo no seu día a día.

"AS ZONAS MAIORITARIAMENTE GALEGOFALANTES A DÍA DE HOXE SON ZONAS DEPRIMIDAS QUE ESTÁN PERDENDO POBOACIÓN E PRECISAN REFORZOS"

Por outra banda, e falando desa xente nova comprometida co uso do galego que tamén quedou doída ao ver os datos do IGE, o investigador do ILG sostén que "a sensación de alarma sobre o uso do galego hai tempo que está amplamente estendida". "O que nos dicían os traballos que levamos publicando dende hai anos é que, en xeral, os rapaces e as rapazas galegofalantes eran máis optimistas con respecto ao uso do galego, mentres que os neofalantes eran os máis pesimistas, os máis preocupados e os máis alarmados", apunta Monteagudo. Con todo, "os traballos máis recentes amosan que isto xa non é así e que xa os propios rapaces galegofalantes estanse enchendo de pesimismo tamén". E é que, como confesa, "estes datos si convidan a un certo pesimismo, non axudan a levantar a moral da xente que fala en galego e menos aínda a da que pasou de falar castelán a falar galego (os neofalantes)", pero defende que "todos os que temos un pouco de conciencia lingüística sabemos que o galego está en risco e que estes datos o único que veñen é a confirmalo", de tal maneira que "a xente que ten compromiso co galego buscará reforzar aínda máis ese compromiso e buscar maneiras eficaces para recuperar o uso do galego".

E precisamente sobre esas accións que se poden implementar para recuperar o uso do galego, o catedrático chama a atención sobre unha que considera "fundamental" nestes momentos "dende o punto de vista estratéxico": "Reforzar a protección dos galegofalantes e dos galegofalantes máis novos, en particular", algo que ten que abordarse a través de "medidas no medio educativo, coa creación de recursos en galego no lecer e, en xeral, cunha política cuxa prioridade sexa fixar poboación no territorio". E é que, sobre este último punto, Monteagudo apunta que "as zonas a día de hoxe maioritariamente galegofalantes en Galicia son zonas deprimidas e que están perdendo poboación, zonas que precisan reforzos dende o punto de vista económico, social e cultural". Así as cousas, reafirma que "agora mesmo o futuro do galego pasa por unha protección á xente que o fala e, sobre todo, á xente nova". "Hai que concentrar os esforzos en protexer a esa xente, aínda que tampouco hai que deixar de esforzarse por atraer á xente nova que non o fala, porque, se perdemos a base de falantes novos, perdemos o futuro da lingua galega, así de claro", conclúe o vicesecretario da RAG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Manuelgt

Moi boa entrevista. Moi bo análise do entrevistado. Agora toca deseñar como protexer aos rapaces que falan galego para non perder a base d falantes.