Ana María Iglesias Álvarez, sociolingüista: "Non se está a facer unha política proactiva de dinamización do galego, todo o contrario"

Para a tamén investigadora e profesora de futuros mestres de Infantil e Primaria na facultade e Educación e Traballo Social de Ourense (UVigo), "é alarmante o labor desgaleguizador que está exercendo o ensino dende hai uns anos", concretamente, dende a entrada en vigor do Decreto do Plurilingüismo.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Que o galego está en horas baixas, tristemente, non é ningunha sorpresa, pero os datos publicados recentemente polo Instituto Galego de Estatística (IGE) expoñen unha realidade aínda máis preocupante do que se agardaba: o galego xa non é a lingua máis empregada en Galicia, pero, ademais, un terzo dos nenos de 5 a 14 anos saben 'pouco ou nada' de galego e o castelán é o idioma máis usado nas sete grandes cidades. Ante esta crúa e pouco alentadora situación para a nosa lingua, dende o Galicia Confidencial falamos cunha sociolingüista, investigadora e docente de futuros mestres de Infantil e Primaria na facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo (UVigo) que coñece de primeira man a realidade que se vive nas aulas e que nos dá a súa visión sobre o asunto: Ana María Iglesias Álvarez.

Rapaces nunha aula do colexio Paraixal do barrio de Teis, en Vigo, onde se lles ensina a valorar o galego
Rapaces nunha aula do colexio Paraixal do barrio de Teis, en Vigo, onde se lles ensina a valorar o galego | Fonte: Miguel Núñez - Arquivo

"A nivel macro, dende as institucións e o propio Goberno, a política lingüística que se está a facer non é unha política a favor do idioma galego, non é unha política proactiva de dinamización da lingua, senón máis ben todo o contrario", asegura Iglesias Álvarez, que engade que "isto é algo que levamos vendo dende hai anos". A diferenza que observa é que, actualmente, a este feito súmase que "hai unha desmobilización da sociedade, hai un silenciamento e mesmo unha ocultación do problema da lingua, non se recoñece que realmente estamos ante un problema". E cal é o verdadeiro problema? Como expón, que "ante unha situación de minorización do galego non se fai nada por tentar reverter esa situación".

"O QUE MARCA UN ANTES E UN DESPOIS É A APROBACIÓN DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO NO 2010"

Para a investigadora, isto é algo ao que mesmo se lle pode poñer data: "O que marca un antes e un despois é a aprobación do decreto do plurilingüismo, o decreto 79/2010, que vai en contra do establecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega". Despois da súa entrada en vigor e ata o de agora, "temos vixente un decreto de distribución das linguas no sistema educativo que vai en contra do aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia no Plan Xeral do 2004". Para Iglesias Álvarez, está claro que, "partindo dunha base así, que pode ir ben?". Pregunta para a que ten unha clara resposta: "Nada, porque o decreto non incide nun dos ámbitos nos que máis se pode incidir na infancia e na xuventude: o ámbito educativo". Con todo, asegura que "tampouco se pode delegar toda a responsabilidade no ámbito educativo, pois tamén entran en xogo moitos outros factores".

Entre outros factores, está tamén o feito de que "a xuventude a día de hoxe non conta con referentes en galego" ou que "a música en galego existe, pero non ten unha visibilización entre a xuventude suficiente", entre outras cuestións. Por poñer un exemplo, Iglesias Álvarez expón que na Radio Galega, un medio que debería emitir cancións en lingua galega porque ten nos seus estatutos a defensa do idioma, a presenza da música galega é minoritaria, con horas e horas de temas en castelán. E é que, incide en que "dende o Goberno, a política lingüística no ámbito educativo susténtase nun decreto que vai en contra do plan xeral, co argumento de que ese plan non era vinculante, porque evidentemente non se trataba dunha lei, pero si fora aprobado por unanimidade por todos os partidos políticos na súa época, realizado baixo a solicitude do Goberno de Manuel Fraga Iribarne".

Un grupo de estudantes entra a unha aula
Un grupo de estudantes entra a unha aula | Fonte: Glòria Sánchez - Arquivo

"NON SE ESTÁ RECOÑECENDO QUE O GALEGO SE ATOPA EN INFERIORIDADE E, POLO TANTO, NON SE CONSIDERA PRECISO APLICAR MEDIDAS COMPENSATORIAS"

Para Iglesias Álvarez é evidente como, "dende o momento en que temos unha política lingüística que está igualando nas leis ao galego co castelán e mesmo co inglés, hai algo oculto detrás". E que é o que hai? Como expón, que "non se está recoñecendo que o galego se atopa nunha posición de inferioridade, de menor prestixio e con menor presenza social e, polo tanto, non se considera que sexa preciso aplicar políticas e medidas compensatorias que o protexan e que intenten compensar a desigualdade social". De tal maneira que, como argumenta esta investigadora, "se ti desde o Goberno lle estás dando o mesmo tratamento ás tres linguas que teñen tan diferente presenza social e tan diferente valor identitario, a partir de aí todo vai mal, porque nin sequera estás recoñecendo que os diferentes idiomas que se falan en Galicia non se atopan no mesmo punto". E iso é algo que acontece dende a entrada en vigor do decreto do plurilingüismo 79/2010, momento dende o cal "o galego non conta cunha especial protección".

Deste xeito, para a profesora e para os sociolingüistas do seu ámbito de traballo, estes resultados eran totalmente esperables. De feito, apunta que, aínda que como investigadores non contan no centro cos recursos humanos e económicos suficientes como para facer enquisas ao nivel das que elabora o IGE, si fan algunhas a pequena escala e "antes do Nadal publiquei un artigo na Revista Galega de Filoloxía que publica a Universidade da Coruña (UDC), centrado nos cursos de Infantil e Primaria de centros da provincia de Ourense, nos que os resultados amosaban que había nenos que entraban con dous ou tres anos falando galego nos centros urbanos e semiurbanos da provincia, pertencentes tamén a familias galegofalantes, que duraban unicamente meses falando en galego", antes de pasarse ao castelán. Por iso, para Iglesias Álvarez "é alarmante o labor desgaleguizador que está exercendo o ensino dende hai uns anos".

"HAI UNHA RUPTURA NA TRANSMISIÓN XERACIONAL: MESMO FAMILIAS QUE SI FALAN EN GALEGO AOS SEUS FILLOS VEN QUE ISTO NON É SUFICIENTE"

"É brutal, este é o resultado de máis de 10 anos de política lingüística totalmente equivocada ou que mesmo persegue o obxectivo contrario ao que se supón que debe ser o proceso de normalización do galego", admite, e explica que "estes resultados xa os viamos vir, sen poder tampouco facer nada por evitalos, cunha impotencia moi grande". Entre os motivos polos que se chegou a este punto, a investigadora concede unha importancia fundamental á redución do número de galegofalantes, especialmente entre a mocidade, á "ruptura da transmisión xeracional". Termo co que tamén fai un chamamento a ter coidado, porque "parece que son as familias as que deixan de falar aos seus fillos en galego e, aínda que tamén hai casos destes, tamén ocorre que mesmo as familias que si transmiten o galego en determinados contextos aos seus fillos ven como cada vez máis non é suficiente para transmitir efectivamente a lingua", confesa.

Así as cousas, "xa non é só que haxa proxenitores galegofalantes que falan aos seus fillos en castelán, senón que tamén hai unha parte moi importante de familias galegofalantes que non teñen éxito na súa política lingüística familiar, na súa escolla do galego para educar aos nenos", afirma Iglesias Álvarez, que convida a escoitar nos parques e noutros espazos infantís onde realmente hai moitos pais e nais que lle falan en galego ao neno e este lles resposta en castelán. É por iso que chancea con que o termo de 'lingua materna' igual está caduco, pois "levamos anos detectando como hai nenos que falan en castelán a pesar de que a súa nai (de aí o termo) fala en galego". Deste xeito, afirma que "hai que buscar as causas que nos achegaron a esta situación noutros axentes que non sexan exclusivamente a familia, por exemplo, a escola, onde os nenos pasan gran parte do seu tempo, cada vez máis, por esa outra problemática da sociedade actual que é a conciliación familiar".

"PROGRAMACIÓN COMO O XABARÍN XOGOU UN PAPEL MOI IMPORTANTE NA TRANSMISIÓN DO GALEGO, CONSEGUINDO CONECTAR COA XUVENTUDE"

Por outra banda, tamén xogan un papel destacado na educación dos nenos os medios audiovisuais como a televisión, pero, cada vez máis, as redes sociais. Ao respecto, Iglesias Álvarez trae a colación un titular de prensa de hai un tempo no que se dicía que 'os fillos de Son Goku xa non falan galego', pois "tivemos unha Xeración Xabarín que xa rematou, ata hai pouco chegaban aínda alumnos á facultade desa xeración, pero os que chegan agora xa non o son". "Ese tipo de programación por parte da TVG funcionou moi ben no apoio á transmisión de galego, e con el realmente conseguiuse conectar coa xuventude", afirma a investigadora, lamentando que "iso xa é algo que agora non pasa". Aínda que tamén concede que os tempos cambiaron e que "agora é máis difícil que antes, porque tamén temos máis oferta, xa non só televisiva".

O que si que cambiou con respecto a esa data é que "agora mires onde mires tampouco hai políticas activas dende as institucións ou dende o Goberno realmente dinamizadoras do galego". Neste senso, Iglesias Álvarez asegura que tampouco habería que inventar nada nin ir buscalas moi lonxe, pois "o Plan Xeral de Normalización Lingüística está aí, está feito e escrito, e é moi completo tanto na diagnose como nas medidas contextualizadas por sectores, e contou coa participación de moitos axentes, mesmo de diferentes ideoloxías, na súa redacción". "Tendo o máis difícil feito só habería que aplicalo, pouco a pouco, non de golpe, pero por exemplo no ámbito educativo estes anos o que directamente se fixo foi ir en contra do que di o Plan Xeral, cousa que puxo moi difícil o avanzar en melloras para o noso idioma", expón a investigadora que, en consecuencia, evidencia que "o retroceso está sendo brutal". Para ela, e a pesar de estar agardando xa ese titular porque tamén o INE avanzara uns resultados semellantes no 2021 de que o galego deixaba de ser lingua maioritaria en Galicia, igualmente foron "palabras maiores". 

"XA NON SON SÓ AS CIDADES AS QUE ESTÁN CASTELANIZADAS, TAMÉN SE ESTÁN CASTELANIZANDO CONCELLOS DO RURAL, DE MENOS DE 5.000 HABITANTES"

Pero, que é o que agrava aínda máis a crúa realidade? Como explica a profesora da UVigo, que "xa non son só as cidades as que están castelanizadas, pois chegou un momento, a partir dos datos do 2018, aproximadamente, no que xa non houbo un descenso moi grande de galegofalantes nas cidades, pero foi porque xa non había máis poboación para castelanizar, pero agora tamén vemos que se están castelanizando moito vilas e o rural, concellos de menos de 10.000 e menos de 5.000 habitantes, que é o máximo grao de ruralidade en Galicia". Tamén afirma que isto é algo moi recente, dos últimos anos cara esta parte, e que pode comprobarse nas propias familias, pois "hai casos nos que ves que o irmán maior, con 17 anos, fala galego, e o irmán pequeno, con 10 ou 12 fala castelán". Isto é algo que non resulta baladí, pois tamén impacta a nivel psicolóxico nos pequenos.

Para Iglesias Álvarez "é moi forte" o ter que dicir que "a perda de falantes do galego está tamén danando a autoestima e a percepción cara si mesmos que teñen os nenos que aínda o falan". E argumenta que unha das súas alumnas que impartía clases como profesora en prácticas nun colexio da provincia de Ourense lle contou o caso dun neno que entrou ao colexio con 3 anos falando galego e, cando tiña 4, xa lle pedía que non lle falase en galego porque dicía que non o entendía, é dicir, "negábase a falar o galego e a demostrar que o comprendía". "Estes nenos e nenas galegofalantes atópanse totalmente desprotexidos", denuncia a profesora, que tamén asegura que "cando entran en centros tan castelanizados mesmo chegan a desenvolver actitudes negativas cara o galego".

"A SITUACIÓN É VERDADEIRAMENTE SANGRANTE E ESTÁ EMPEORANDO MOI RÁPIDO, CUN FACTOR AGRAVANTE QUE ANTES NON TIÑAMOS: AS REDES SOCIAIS"

De igual maneira, conta outro caso dunha nai galegofalante que lle dicía que o neno lle chegaba a pedir por favor que non falase en galego en público, por "vergoña". Así, o neno coa nai falaba en galego, pero das portas para fóra da casa cambiaba ao castelán e, cando ían entrar nunha tenda, ou cando chegaba ao seu grupo de amigos, pedíalle á súa nai que falase ela tamén en castelán. "Estes casos demostran unha desafección brutal cara a lingua", lamenta, e explica que logo tamén se dan casos de nenos castelanfalantes para os que o galego é practicamente como unha lingua estranxeira, como pode ser o inglés, ata o punto de que coñeceu nas súas investigacións casos de nenos moi pequeniños, duns 3, 4 e 5 anos, aos que cando se lle pedía que identificasen debuxos de obxectos en galego, lles contestaban co nome dos mesmos en inglés". 

Iglesias Álvarez lamenta, despois do todo o explicado, que "a situación é verdadeiramente sangrante" e "está empeorando moi rápido", porque "agora temos uns factores que antes non tiñamos, e dos que creo que non nos damos conta". Así, explica que "cando eu chegaba ao colexio tiña 'input' dos meus iguais, dos profes e da miña familia, cos que pasaba bastante tempo, pero agora os rapaces teñen outros 'inputs' lingüísticos que chegan dende as redes sociais e as múltiples plataformas audiovisuais, que empezan a usar cada vez máis pequenos". De tal maneira que "se non teñen o reforzo do seu principal referente da infancia, que adoita ser o seu mestre ou mestra, os pais, por moito que o intenten, fracasan totalmente nesa transmisión do galego", porque non hai que esquecer que "para un neno sentirse diferente é un fracaso, algo que ten importantes efectos psicolóxicos sobre el, pero tamén sobre os pais, que sinten frustración e fracaso".

Nenos xogando nunha aula
Nenos xogando nunha aula | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta