Así quere a Xunta buscar un pacto polo galego: con cada grupo por separado e con Santalices

Todos os grupos confirmaron que acudirán á chamada do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventura, José López Campos, co que se reunirán o vindeiro 24 de outubro. Rueda sostén que o "bilingüismo cordial" é "un tesouro" e para o seu Goberno a "libre elección" mantense como unha máxima.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2024 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reunirase por separado cos grupos parlamentarios o xoves da próxima semana, día 24 de outubro, co obxectivo de abrir un proceso de diálogo e buscar consensos para impulsar o uso do galego. Segundo confirmaron fontes consultadas por Europa Press, os encontros terán lugar por separado e, ademais, o conselleiro reunirase co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, para abordar as liñas estratéxicas a pór en marcha no ámbito da lingua.

López Campos avanzou a pasada semana a súa intención de convocar aos diferentes grupos parlamentarios para abordar a situación do galego e as liñas nas que traballar, todo iso antes de que se coñecesen os datos publicados o pasado venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que certifican que a poboación que sempre fala castelán é xa maioritaria e que un terzo de nenos de máis de 5 anos saben falar "pouco ou nada" na lingua cooficial.

Preguntado polo encontro, o viceportavoz parlamentario do BNG Luís Bará confirmou que a súa formación acudirá a esta chamada "coa vontade de achegar ideas" e "esixir" á Xunta que "corrixa" as decisións políticas que "levaron" ao retroceso no uso e coñecemento da lingua galega que apunta a enquisa publicada recentemente polo Instituto Galego de Estatística. Para o deputado frontista, o "desastre" que vive a lingua propia de Galicia "pode frearse" se o Goberno autonómico, como administración responsable "principal", adopta medidas.

Pola súa banda, fontes do PSdeG sinalaron que acudirán á cita coa "man aberta para recuperar o consenso roto polo PP" e "volver ao momento previo ao Decreto do Plurilingüismo". Todo iso, co ánimo de pór propostas encima de mesa para "frear a despatrimonialización da lingua". "Temos que evitar os efectos negativos para a lingua que provocaron 15 anos de xestión galegofóbica desde o Goberno galego, cunha importantísima perda de patrimonio lingüístico, como quedou evidenciado nos últimos datos do IGE, que sinalan que por primeira vez o uso do castelán supera ao do galego, cuns índices especialmente preocupantes pola caída do uso entre a mocidade".

Parlamento de Galicia
Parlamento de Galicia | Fonte: Parlamento

Neste sentido, os socialistas apelan ao acordo para empregar todas as canles posibles para defender o galego, involucrando tamén á CRTVG para que na próxima Lei de Medios de Galicia non se de un "paso atrás". Ademais, o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, tamén avanzou que acudirá á cita co Goberno galego co obxectivo de escoitar as propostas do conselleiro e que, a partir de aí, valorará.

RUEDA, ABERTO A FALAR

López Campos tamén manterá un encontro con representantes dos populares, grupo que ten (con 40 dos 75 deputados do hemiciclo do Pazo do Hórreo) a maioría absoluta na Cámara autonómica e que dá sustento no Lexislativo á acción do Goberno que dirixe Alfonso Rueda. Tras unhas semanas nas que a situación do galego situouse no foco e, en consecuencia, o decreto do plurilingüismo aprobado en 2010 con Alberto Núñez Feijóo como presidente, o propio Rueda mostrouse aberto a falar e apelou a facelo "sen liñas vermellas". Iso si, reafirmouse en que ve o problema "máis fóra das aulas que dentro". E lanzou un aviso: o "bilingüismo cordial" é "un tesouro" e para o seu Goberno a "libre elección" mantense como unha máxima.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta