Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2024 | Actualizada ás 12:29
O sindicato CIG-Ensino advertiu de que a "reacción" da Consellería de Educación ás mobilizacións pola falta de persoal e outros problemas é "totalmente insuficiente", e denunciou a "falta de información" con respecto ao programa PROA+, á vez que criticou que máis da metade dos centros que solicitaron este programa, 344, quedáronse sen ningún reforzo.
CIG-Ensino constatou que o curso 2024-25 "alcanza xa a marca absoluta de rectificacións nas prazas asignadas aos centros", despois dos "recortes" do verán e das denuncias do sindicato e das comunidades educativas.
Así, volveu a denunciar que a Xunta empregou fondos europeos do Plan Mega, destinados a atender alumnado con necesidades especiais, a "tapar descosidos" provocados polos recortes de persoal, mentres que van caendo a contagotas unha lista de prazas de persoal interino "sen substituído", cunha última remesa o pasado venres, e como resposta da Consellería "a unha parte das denuncias e mobilizacións". "Todas as prazas ofertadas pertencen á relación feita pública pola CIG-Ensino e a aqueles centros con mobilizacións nas últimas semanas", sinalaron desde o sindicato.
No entanto, a central advertiu de que esta "reacción" é "totalmente insuficiente", e lembrou que hai moitos centros de Infantil e Primaria aos que non afectan os novos postos autorizados pola Consellería. Así mesmo, engade que a "situación é aínda peor" en centros de secundaria e FP, etapas na que "nin se produce ningún cambio nos cocientes nin no horario do profesorado, nin na atención á diversidade.
Por iso, pediron á administración autonómica unha reacción "máis completa, dando resposta a todas e cada unha das demandas dos centros".
CRÍTICAS AO PROGRAMA PROA+
Con respecto ao programa PROA+, o sindicato lembrou que a adxudicación parte dunha convocatoria en concorrencia competitiva entre os centros educativos, cunhas condicións "que nunca se negociaron na Mesa Sectorial" e que inclúen algunhas condicións "claramente inxustas".
Segundo subliñou, estas prazas úsanse "de novo" para "tapar desastres provocados polos recortes" de profesorado, e leva a cabo unha "nefasta xestión", que se evidencia en situacións como: os centros non saben que especialista van ter e se estará a xornada completa ou a media xornada; tamén descoñecen a puntuación obtida (o que dificulta a eventual presentación de reclamacións); a obrigación de realizar avaliacións de diagnóstico dunha determinada porcentaxe do alumnado de 4º de Primaria e 2º de ESO, aínda que o programa sexa para todo o centro; entre outras cuestións.
Finalmente, CIG-Ensino reiterou a súa oposición a estas modalidades de contratos-programa con carácter finalista e temporal, e insistiu en reclamar "políticas de continuidade nas que se incrementen os cadros de persoal dos centros".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.