Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/11/2024 | Actualizada ás 22:00
A AP-9 é esa autoestrada tan odiada polos galegos como necesaria no seu día a día. Con 219,6 quilómetros de lonxitude, une a zona costeira da comunidade de norte a sur e de sur a norte, trazando un percorrido por múltiples poboacións das provincias da Coruña e Pontevedra e cinco das principais cidades (de Ferrol ata Tui). Estímase que por ela transitan, de media, uns 61.485 vehículos ao día (datos correspondentes ao ano 2023 aportados por Audasa, concesionaria da vía), polo que se pode dicir, sen lugar a dúbidas, que é a principal forma de comunicación sobre rodas e de desenvolvemento da economía de Galicia. Conta con 45 anos de antigüidade, pois o seu primeiro tramo, Santiago-A Coruña, foi inaugurado no ano 1979. E por que resulta tan odiada esta autoestrada? Polo elevado custo das súas peaxes, que a convirten nunha das máis caras de España: o traxecto completo de punta a punta custa 25,50 euros.
Hai moitos condutores que teñen que realizar percorridos a diario pola AP-9 porque a alternativa da estrada convencional suponlles unha importante perda de tempo para chegar aos seus traballos. Isto supón que cada día teñen que realizar un desembolso, máis ou menos grande, que vai directo a engrosar as arcas de Audasa. Son pequenos (aínda que xa non tan pequenos) pagos que, sumados ao longo dun ano, poden deixar pampo a calquera. Dende o Galicia Confidencial facemos uns cálculos do que pode chegar a pagar ao ano un traballador que teña que desprazarse a diario por algún dos tramos desta autoestrada. Vexamos así o que custa a cada galego a negativa dun rescate que o Goberno central, a través do ministro Óscar Puente, cifra en 4.000 millóns de euros e tacha de inasumible para o Estado.
Comecemos por desglosar algunhas das peaxes máis pagadas a diario por tramos: o traxecto Vigo-A Coruña custa 19,40 euros; Vigo-Pontevedra, 4,60 euros; Vigo-Santiago, 11,45 euros; Vigo-Ferrol, 22,30 euros; Vigo-Tui, 3,20 euros; A Coruña-Santiago, 7,95 euros; Santiago-Tui, 14,65 euros; Ferrol-A Coruña, 5,60 euros; A Coruña-Ordes, 5,25 euros; Ordes-Santiago, 3 euros; Santiago-Sigüeiro, 2,05 euros; Santiago-Padrón, 2,85 euros; Santiago-Pontevedra, 6,85 euros; Pontevedra-Caldas, 2,60 euros; Vigo-Rande, 1,10 euros; e Tui-O Porriño, 1,90 euros, só por citar algúns dos máis frecuentes para os traballadores, ao tratarse de desprazamentos entre poboacións relativamente próximas. Se ben estes custos habería que duplicalos, pois a maioría dos usuarios da AP-9 retornan ao punto de partida no mesmo día, tamén é certo que son a inmensa maioría os que dispoñen do dispositivo de telepeaxe Vía-T, que bonifica ao 100 % a viaxe de retorno se esta se dá dentro das 24 horas seguintes á saída da autoestrada, é dicir, que sairía 'gratis'. Ademais, tamén existe unha bonificación do 20 % nas viaxes de ida para aqueles usuarios recorrentes, ou sexa, os que realizan alo menos 10 viaxes de ida e volta ao mes.
UN TRABALLADOR QUE VAI TODOS OS DÍAS DE PONTEVEDRA A VIGO GASTA MÁIS DE 800 EUROS AO ANO EN PEAXES
Tendo en conta todas estas variables, comecemos coa nosa análise: de manterse como están na actualidade os prezos (unha utopía, tendo en conta que cada ano suben un chisco máis), canto desembolsa nun ano un traballador que emprega a AP-9 a diario? Poñamos o caso dun oficinista que vive en Pontevedra e ten que desprazarse cada día ao seu lugar de traballo na cidade de Vigo. Facéndoo por estrada (N-550) levaríalle a frioleira de 41 minutos percorrer 29 quilómetros, tempo que se reduce a 28 minutos pola autoestrada (12 minutos menos), un aforro significativo de tempo, pero non así de cartos. A diario este traballador tería que desembolsar 4,60 euros en peaxes (hai trens dende 3,30 euros). Supoñamos que ten Vía-T e que a viaxe de retorno á casa lle sae sempre gratis, aínda así, semanalmente, estaría pagando 23 euros (por 5 días traballando).
Facendo os cálculos, se o mes tes catro semanas, esta cantidade elevaríase ata os 92 euros ao mes (coa bonificación de usuario recorrente serían 73,6 euros). E, como o ano ten 12 meses pero un lle corresponde de vacacións, anualmente o desembolso total sería de nada menos que 1.012 euros (809,6 euros aplicando a bonificación de usuario recorrente). Estariamos a falar de que con eses cartos practicamente podería facer fronte ao pago de dous meses de aluguer (dependendo do custe, cada vez máis caro tamén). E, se ese traballador pasa así os 38 anos que debe cotizar para ter dereito a unha pensión de xubilación, deixaría un total de 38.456 euros (ou 30.764,8 co desconto), o equivalente á entrada dunha casa.
Segundo os datos do propio Ministerio de Transportes, este tramo Pontevedra-Vigo é o percorrido que máis usuarios ten ao día durante as xornadas laborais, con 18.716 coches de media. Entón, canto embolsa Audasa cada día grazas a estes condutores? Un total de 86.093,6 euros (aos que habería que restar as bonificacións de retorno daqueles que o fagan no mesmo día e os descontos por conducción recorrente pola vía), o que, á semana, se convertirían en 430.468 euros. Ao mes, a cifra elevaríase a 1.721.872 euros; e, ao ano, suporía 20.662.464 euros de ingresos para a concesionaria (en bruto, sen aplicar as bonificacións).
OUTRO TRABALLADOR QUE FAI O TRAMO PONTEVEDRA-SANTIAGO A DIARIO DEIXA ANUALMENTE 1.200 EUROS
O segundo percorrido máis usado a diario polos condutores que transitan pola AP-9 é o que une Pontevedra con Santiago. Imaxinemos un médico que vive en Pontevedra e ten que viaxar cada día ao Hospital Clínico de Santiago para desenvolver o seu traballo. Por estrada, sen peaxes (combinando a N-550 coa N-640), tardaría nada menos que unha hora e trece minutos, cando pola AP-9 lle leva 52 minutos percorrer 65 quilómetros (21 minutos menos). Iso si, o custe deste tramo suponlle a diario o pago dunha peaxe de 6,85 euros (hai trens dende 6,30 euros).
Á semana ten que desembolsar 34,25 euros (sacando xa o pago da viaxe de retorno, que se bonifica ao 100 % por ter Vía-T) e, ao mes, 137 euros que, por ser usuario recorrente da vía, se verán reducidos a 109,6 euros. Ao ano (supoñendo 11 meses ao restar un correspondente ás vacacións do traballador), o seu peto quedaría a abanear co pago total de 1.507 euros (1.205,6 aplicando a bonificación de viaxeiro recorrente); e, de seguir desenvolvendo o mesmo traballo durante 38 anos de vida laboral, chegaría a pagar a escandalosa cifra de 57.266 euros (45.812,8 euros cos descontos xa aplicados).
Neste caso, e sempre segundo os datos publicados polo propio Ministerio de Transportes, o tramo Pontevedra-Santiago é percorrido por 8.668 vehículos ao día, de media, o segundo con máis tránsito da AP-9. Deste xeito, Audasa estaría ingresando nada menos que 59.375,8 euros ao día a través do pago de peaxes dos condutores que percorren unicamente este tramo. Á semana, convírtense en 296.879 euros; ao mes, 1.187.516; e, ao ano, 14.250.192 euros (a falta de aplicar as bonificacións correspondentes a cada condutor e os diversos custes que deba asumir a concesionaria).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.