Néstor Rego (BNG) insta a Renfe a solucionar as "deficiencias" na venda de billetes: "Non é algo temporal, xa é endémico"

Tamén esixiu ao Ministerio de Transportes "atender a falta de prazas", especialmente nas conexións do Eixo Atlántico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2024 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esixiu ao Ministerio de Transportes e, máis concretamente a Renfe, solucionar as "deficiencias" do sistema de venda billetes e "atender a falta de prazas", especialmente nas conexións do Eixo Atlántico. "O actual servizo ferroviario xera problemas, desconfianza e descontento entre os usuarios, especialmente pola insuficiencia das prazas, unha cuestión que o BNG xa denunciou ante o Ministerio", recollen nun comunicado.

Tal e como apunta o deputado nacionalista, Néstor Rego, o problema da falta de prazas preséntase tanto na oferta de longo percorrido como, "especialmente, na media distancia de Galicia". A isto sumar, sinala, a imposibilidade de comprar billetes con antelación, xa que os usuarios só poden facelo ata o 14 de decembro para longo percorrido e ata o 9 de decembro para media distancia. Así, consideran xa "endémica" a falta de prazas nas conexións internas de Galicia, sobre todo do Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo, Santiago e Vigo ou A Coruña e Ourense, especialmente para as fins de semana.

"A insuficiencia de prazas non é algo temporal, é estrutural e vímolo padecendo durante os últimos anos. Necesítase unha progamación e unha planificación adecuada para axustar a oferta á demanda existente", afirmou Rego. Ante isto, anima ao Ministerio, ademais de mellorar o sistema, a permitir que os usuarios poidan adquirir billetes "con suficiente tempo de antelación e sen colapsos no sistema". Engade ademais que, "a estas alturas do calendario", os usuarios poidan comprar os billetes para Nadal.

O deputado do BNG Néstor Rego comparece ante os medios
O deputado do BNG Néstor Rego comparece ante os medios | Fonte: Alberto Ortega - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta