A Mesa pola Normalización Lingüística: "É necesario asegurar que existe o galego"

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, afeou ao titular do Executivo que non teña "ningunha intención" de asegurar a presenza do galego no ensino e, en cambio, "asegure o seu descoñecemento".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2024 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, asegurou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "non mostra ningún propósito de emenda" en relación coa lingua galega. Así, afeou ao titular do Executivo que non teña "ningunha intención" de asegurar a presenza do galego no ensino e, en cambio, "asegure o seu descoñecemento".

Así o esgrimiu este mércores Maceira tras a comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento de Galicia. Ademais, o responsable da Mesa pola Normalización, lamentou que "non se asegure" a dispoñibilidade do galego nos servizos públicos, comerciais, na xustiza, na administración e "en tantos espazos onde permanece excluído".

"Nós o que lle dicimos ao presidente da Xunta é que é necesario e urxente cambiar o rumbo da política lingüística e, para cambiar este rumbo, hai que empregar os acordos que se fixeron neste Parlamento hai 20 anos", subliñou.

Para Maceira, o que é "necesario" é asegurar que "existe o galego", que ten presenza no cinema, no audiovisual, no ensino e nos espazos comerciais e económicos como "ferramenta de coñecemento".

Así mesmo, lembrou que "quen queira usar o galego", debe saber que "conta co amparo das leis e das institucións, a través do Plan Xeral de Normalización Lingüística". Neste sentido, incidiu en que corresponde á Xunta "facer que se cumpra".

Nesta liña, esgrimiu que outro "paso atrás" sería a eliminación do requisito do galego para os interinos, "unha mostra máis da falta de vontade por reverter minimamente" os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Con todo, incidiu en que a sociedade galega "quere ao seu idioma" e "mostrarao de novo" o 17 de novembro cun "gran acto" que terá lugar en Compostela. Deste xeito, fixo fincapé en que a situación "é extrema", polo que a Xunta "non pode seguir impasible".

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, en rolda de prensa.. MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, en rolda de prensa.. MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta