Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2024 | Actualizada ás 16:23
A Xunta abre a porta, a través da lei de acompañamento aos orzamentos coa que prevé a creación dunha taxa turística, a ser ela mesma a que aplique este tributo nun futuro, en función da súa "eficacia" e á vista da evolución das visitas que reciba a comunidade.
"O Consello da Xunta de Galicia (...) poderá presentar ao Parlamento de Galicia un proxecto de lei no que se reduza a contía da bonificación", recolle, en concreto, o artigo oito do proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas, segundo recolle Europa Press. E é que a fórmula pola que a lei de medidas prevé xerar o marco legal para que os concellos que así o desexen poidan implantar a taxa turística é a da creación do imposto, bonificado "inicialmente" ao 100% sobre a cota íntegra correspondente á administración autonómica.
Esta norma, a coñecida como lei de acompañamento, foi entregada este sábado polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento. Coa súa redacción actual, o Goberno galego abre a porta a ser el mesmo o que aplique, nun futuro, a taxa turística que leva tempo reclamando o goberno municipal de Santiago, coa nacionalista Goretti Sanmartín á fronte.
De feito, esta posibilidade de que sexa a Xunta a que aplique a taxa turística aparece no texto legal "co seguimento da aplicación e do impacto da lei". Por agora, tan só Compostela mostrou oficialmente a súa vontade de implantar o imposto. O artigo pon esta opción en relación coa evolución dos indicadores do sector turístico na comunidade galega e con "a eficacia do imposto". Ademais, di que o avaliará "ponderando a non esixencia de cargas administrativas innecesarias para o sector".
EN VIGOR O 1 DE XANEIRO
Nun primeiro punto, o artigo recolle que "o Consello da Xunta presentará un proxecto de lei ao Parlamento de Galicia no que se cre e regule o imposto sobre estancias turísticas, como tributo indirecto, instantáneo e propio da comunidade autónoma de Galicia". A preguntas dos xornalistas sobre este extremo, e sobre se os prazos para a posta en marcha desta taxa ampliaranse respecto do comprometido ante o goberno municipal santiagués, o conselleiro de Facenda ratificou a data do 1 de xaneiro.
O artigo 8 da lei de medidas recolle outros aspectos deste novo tributo que xa foron adiantados nunha reunión entre Corgos e a alcaldesa da capital galega este venres. Así, haberá certas excepcións --estancias exentas--, os ingresos obtidos estarán "afectados canto menos nun 80% a investimentos e gastos vinculados á promoción, impulso, protección, fomento e desenvolvemento do turismo sustentable" e os municipios que desexen a implantación da taxa deberán elaborar unha ordenanza municipal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.