Se a nosa lingua ten cada vez menos falantes... véndense libros en galego?

O GC fala con Eva Cameán, propietaria da libraría Clarión de Carballo, que se fixo viral nos últimos días en Tik Tok por respostar ás críticas recibidas por falar en galego nos seus vídeos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Se despois dos resultados do último estudo sobre o uso do galego publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sabemos que o idioma propio da nosa terra xa non é o máis falado en Galicia e que mesmo hai un terzo dos nenos menores de 5 anos que non o saben falar ou non o comprenden, agora facémonos outra pregunta? Que hai da cultura en galego? E, máis concretamente, que hai dos libros en lingua galega? Véndense? Aproveitando a repercusión que tivo un dos vídeos subidos a Tik Tok por Eva Cameán, propietaria da libraría Clarión de Carballo (@librariaclarion), precisamente con motivo das críticas de varios usuarios por expresarse en galego na rede social, dende o Galicia Confidencial preguntámoslle por estes temas. Xa vos adiantamos que, para os que consideredes que a resposta a se se venden libros en galego está clara e é negativa, sigades lendo, porque ides levarvos unha sorpresa tan grande e grata coma nós. Agora ben, Eva cóntanos a realidade que se vive en Carballo, unha vila de 30.000 habitantes, e que pode ser distinta da que acontece nas cidades.

Eva Cameán, propietaria de Clarión Libraría
Eva Cameán, propietaria de Clarión Libraría | Fonte: X

Eva Cameán, unha rapaza a piques de cumprir os 30 anos, tomou as rendas desta librería carballesa no ano 2021, e púxolle o nome de Clarión Libraría, aínda que xa antes diso, dende o ano 2017, era encargada da mesma, cando esta pertencía aos antigos propietarios, que a abriron baixo o nome de Punto e Coma. "Como eles non querían seguir co negocio, eu quedeime coa libraría, xa que era a persoa que sempre estivera alí, pero tívenlle que cambiar o nome porque eles tiñan máis librarías co nome de Punto e Coma", explica, apuntando que, como consecuencia, "a libraría é un proxecto meu como tal dende marzo do 2021". Dende o primeiro momento, Eva foi consciente de que para chegar ao seu público e a novos clientes era preciso estar presente nas redes sociais, porque son as que "lle poden dar visibilidade ao negocio". Deste xeito, Clarión Libraría xa conta con presenza en Facebook e Instagram dende hai anos, pero agora tamén, máis recentemente, se subiu ao carro de Tik Tok. "A finalidade é poder crear contidos nos que ensinar cousas á xente, facendo un pouco de publicidade", indica.

"SI QUE SE VENDEN LIBROS, O PROBLEMA DO SECTOR VÉN MÁIS POLAS BAIXAS MARXES DE BENEFICIO"

Coñecendo xa a historia detrás desta libraría, preguntámoslle a Eva se a día de hoxe, aínda co 'boom' das redes sociais e das plataformas dixitais, se seguen vendendo libros, ao que nos resposta, sen dubidalo, que "si, véndense libros". Con todo, concede que "este é un sector duro, quizáis máis duro que os demais para resistir nel, e non tanto pola cantidade de libros que se venden ou a facturación, como polas marxes de beneficio, que son moi escasas, pois os libros son produtos aos que se lles gaña unha marxe bastante pequena en comparación con calquera outro tipo de produto, xa sexa roupa, papelería, xoguetes...". Deste xeito, confesa que "tes que facturar moitísimo para que che quede un beneficio suficiente", polo que "eu creo que a dificultade do negocio vén verdadeiramente por aí", porque, polo demais, "si que se venden libros".

E conta a anécdota de que, "cando eu me quedei coa libraría e comecei a consultar as contas coa miña xestoría, alucinaban cos números que se podían chegar a facer nunha libraría, precisamente porque sempre nos parece que ninguén merca libros, cando en realidade si se venden, e moito", asegura esta carballesa. Agora ben, insiste en que esta é a súa experiencia nos últimos 7 anos á fronte da libraría dunha pequena vila como Carballo, de tal maneira que non sabe o que opinarán as librarías con maior traxectoria ou aquelas que se atopan nas grandes cidades, aínda que pode entender que "coa chegada das grandes superficies de venda, das grandes plataformas dixitais e dos libros dixitais, si baixaría o volume de vendas".

Eva, de Clarión Libraría
Eva, de Clarión Libraría | Fonte: Instagram Clarión Libraría

"PARA UN PÚBLICO INFANTIL, DE 2 A 6 ANOS, O QUE MÁIS VENDEMOS SON LIBROS EN GALEGO, A PARTIR DE AÍ XA ESTÁ A COUSA MÁIS COMPLICADA"

Sobre se hai un perfil tipo do lector que pasa pola libraría, Eva explica que no seu caso venden moito libro infantil, porque é no que trataron de especializarse, pero "a verdade é que fomos abrindo cada vez máis o abano a unha literatura de adulto e agora chéganos un pouquiño de todo, dende lectores máis xuvenís que che chegan preguntando polo último libro que viron en Tik Tok, ata xente máis adulta que vén buscando ensaios, contos e un pouco de todo". No tocante ao libro infantil, concretamente, apunta a que o que máis venden son "libros ilustrados, como os álbumes ilustrados en galego da editorial Kalandraka e Cumio". Chama poderosamente a atención que, habendo un de cada tres nenos menores de 5 anos que non saben falar en galego nin o entenden, segundo os datos do IGE, estes sexan os libros máis vendidos, pero é algo que ten que ver coa zona, pois confesa que "fóra de Carballo, teño unha amiga que ten unha libraría en Vigo, e recomendeille que puxese á venda os libros de Kalandraka e díxome que tivo que acabar encargándoos en castelán, porque en galego non llos mercaba ninguén". 

Pola contra, en Carballo, Eva asegura que "cando lle preguntas á xente se prefire os libros en galego ou en castelán, agás que sexa xente de fóra, todo o mundo che di que en galego". Agora ben, tamén precisa que esta 'particularidade' de maior venda dos libros en galego dáse "nun público infantil dende os 2 anos e medio ata os 6, máis ou menos, que é cando lle len as familias". Sen embargo, "a partir de aí xa está a cousa máis negra no tocante ao galego". Na opinión desta carballesa, "cando a cousa comeza a complicarse é cando os rapaces comezan a ler por eles mesmos, con 7, 8 ou 9 anos, porque é cando xa moita xente che di que prefire o libro en castelán, porque ao neno lelo en galego cústalle máis". Por sorte, "tamén hai outras idades, como os 10, 11 e 12 anos, nos que acontece o contrario, porque os pais che din que lles deas o libro en galego porque como o neno xa le menos en galego de por si, así acostúmano á lectura no noso idioma, algo que tamén lle piden no colexio". Iso si, o que acontece si ou si é que "no público adulto o que máis se vende son libros maioritariamente en castelán". Os motivos? "Moita xente diche que non está acostumada a ler en galego e tamén hai moito prexuízo, pensan que non o van entender, e teñen certo medo", indica a libreira.

"O LIBRO MÁIS VENDIDO DA HISTORIA DA LIBRARÍA É 'A CULPA', DE MARÍA SOLAR, POR DIANTE DE CALQUERA PREMIO PLANETA"

Ademais, tamén hai que partir da base de que os libros que teñen máis saída en calquera libraría son os chamados 'bestseller', como poden ser os Premios Planeta. De feito, Eva confesa que "cando nós abrimos comezamos a nosa andadura intentando ser unha libraría con menos literatura comercial e máis libros de editoriais pequenas, sen caer tanto nos Premios Planeta". O que acontecía, segundo confesa, era que "botabas o día facendo pedidos" e, "se a ti todos os días che veñen pedir o Premio Planeta e non o tes na tenda e telo que estar encargando seguido, ao final acabas traendo o Premio Planeta". E é que a libreira convida a non esquecer que, ao final, "unha libraría é un negocio coma outro calquera, e para gañar cartos tes que acabar traendo as cousas que máis se demandan e, como en case todos os sectores, esas cousas adoitan ser as comerciais, coas que te bombardean polas redes sociais e en anuncios".

Aínda así, para non perder a esencia, en Clarión teñen tamén un recunchiño con libros titulado 'As libreiras recomendan', onde "poñemos as nosas propias recomendacións de libros" e "vemos que funciona, que os libros que están aí se venden moitísimo", a pesar de que adoitan ser libros menos comerciais. Na opinión de Eva, "á xente gústalle seguir indo á libraría e que lle recomenden, aínda que logo, a maiores, pois merque tamén o Premio Planeta". Deste xeito, asegura que "dende que fixemos esa sección, coa que levaremos case 3 anos, notamos moito o cambio, porque saen moitísimo libros que antes nos custaba máis vender, mentres que agora, como están alí, a xente sabe que se llos recomendas é porque a ti che gustaron e llos podes explicar". Como exemplo, cita o caso de 'A culpa', de María Solar, que "sendo un libro que saiu publicado no 2022, bastante recentemente, convertiuse xa no libro máis vendido na historia da libraría, dende o 2017 ata agora, nestes sete anos, por diante de calquera Premio Planeta e de calquera clásico".

Así mesmo, conta que nese ranking que fixeron dos libros máis vendidos da historia da libraría, os 10 primeiros postos están todos ocupados por libros en galego: "Os 10 libros de adulto máis vendidos na historia da libraría foron en galego, cousa que nos sorprendeu moitísimo e nos deixou asombradas, tendo que mirar varias veces os resultados por se estabamos facendo mal os números", chancea Eva. E por que o éxito deste libro? A carballesa sospeita que moito tamén se debe que "sempre está presente nesa parte de recomendacións, puxémolo no clube de lectura e estamos continuamente recomendándollo aos clientes, e, ao final, esas pequenas cousas fan que teña máis vendas". De igual xeito, considera que "que ese 'top 10' de libros estea en galego débese tamén a esa labor nosa de recomendar libros en galego que, 'a priori', suponse que terían menor saída que o último libro de Julia Navarro, por poñer un exemplo dunha autora xa consagrada a nivel nacional".

"AÍNDA QUE HAI 'BESTSELLER' QUE SI SE TRADUCEN AO GALEGO, A XENTE PREFIRE LIBROS QUE ORIXINALMENTE ESTEAN ESCRITOS EN GALEGO"

Chegados a este punto, e sabendo que Clarión Libraría seguramente ten particularidades a prol do galego pola zona na que se ubica, preguntamos a Eva se os 'bestseller' de cada ano adoitan contar con tradución ao galego, para que persoas que queiran lelos na nosa lingua poidan facelo. E, aínda que confesa que "algúns si", tamén concede que "non é o habitual". Este ano si aconteceu co caso de 'Las hijas de la Criada', de Sonsóles Ónega, pero cre que se debe a que "está ambientado en zonas de Galicia", o que motivou tamén a que "unha editorial pequena, Aira Editorial, fixese a tradución a 'As fillas da criada'". Sen embargo, evidencia que "o último libro de Juan Gómez Jurado non o vas atopar en galego". Aínda que "si tes algúns de autores que son galegos pero escriben en castelán orixinalmente que si se traducen, como é o caso de María Oruña, que escribiu unha novela de misterio en castelán que tamén conta cunha tradución ao galego feita por Aira Editorial". 

Agora ben, unha cousa é que haxa algúns destes libros 'top vendas' que teñan tradución ao galego e, outra moi distinta, é que se vendan. Teñen saída esas traducións ao galego? "Nós, persoalmente, na libraría o que máis vendemos en galego son cousas que xa orixinalmente foron escritas en galego, porque, ao final, a xente de Galicia na súa maioría entende o galego e o castelán, e ten facilidade para ler nas dúas linguas, polo que unha persoa que controla os dous idiomas vai preferir mercar o libro en castelán se orixinalmente esta escrito en castelán, polo simple feito de que é o orixinal, mentres que o outro, ao final, xa pasou a tradución doutra persoa", apunta Eva, que considera que "está ben que se traduzan os libros escritos en castelán ao galego, paréceme moi boa idea, pero ao final, mesmo a xente que chega de fóra e quere comezar a ler en galego, prefire libros que estean orixinalmente escritos en galego". Do mesmo xeito que, "se controlas o inglés e tes a posibilidade de ver as películas na súa versión orixinal ou con subtítulos, tamén hai xente que o prefire". Ademais, considera que, "a xente que merca libros en galego tamén busca apoiar aos autores galegos".

"É MATEMÁTICO, COMO UN VÍDEO CHO VEXA MOITA XENTE, TES PARA ESCOLLER E REESCOLLER COMENTARIOS EN CONTRA DO GALEGO"

O GC chegou á canle da libraría de Eva a raíz, precisamente, dun vídeo no que esta carballesa se tiña que defender dos ataques que continuamente recibía en comentarios por falar en galego e non en castelán. Ese vídeo fíxose viral en só unhas horas, algo que a libreira non agardaba, pero que, como confesa, "Tik Tok ten esa particularidade que ao mellor non teñen tanto as outras redes, e é que, de súpeto, viralízaseche un vídeo, sen ti contar". E explica que "cando tes 8.000 seguidores e máis ou menos sempre che ve a mesma xente, coméntache sempre a mesma xente e tes os mesmos 100 ou 200 'me gusta', non hai problema", pero "o problema vén cando eses vídeos chegan a un público un pouco máis grande, como o vídeo da polémica, que chegou a 200.000 visualizacións, é aí cando empezan a aparecerche comentarios negativos sobre o idioma, como 'no sé que dices', 'no se te entiende', 'habla en castellano', 'vaya falta de respeto'...". "É algo matemático, como un vídeo cho vexa moita xente, tes para escoller e reescoller comentarios en contra da lingua", asegura.

Comentarios que, por outra banda, a Eva non lle inflúen en nada. "Eu creo que, ao final, todo é cuestión de educación: eu cando estou na libraría e me entra alguén falando en castelán, se é unha persoa do pobo que sei que fala castelán pois non cambio o idioma, ela fala en castelán e eu en galego e entendémonos perfectamente; pero tamén son a primeira que cambia de idioma no momento en que vexo que a persoa que teño diante non me está entendendo, sexa a castelán ou a intentar chapurrear o inglés ou usar as señas, porque ao final o que queres é poder comunicarte coa persoa que tes enfronte", explica. Pola contra, "cando gravo un vídeo para Instagram ou Tik Tok, estouno facendo para os meus clientes e para o meu público potencial, que é maioritariamente a xente de aquí do pobo, aínda que logo podan acabar entrando pedidos doutras partes de España, pero non é o máis habitual". Por iso, asegura que "non entendo onde está o conflito que se xerou, porque é tan fácil como que á xente que lle molesta que fale galego pasen ao seguinte vídeo e xa está, seguramente, por estatística, o que lles sala a continuación estea en castelán". 

Libros e material colocado nos andeis dunha libraría
Libros e material colocado nos andeis dunha libraría | Fonte: David Zorrakino - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta