Os sindicatos da CRTVG piden unha reunión co director xeral para "resolver o conflito"

Durante a última concentración, os traballadores emularon a emisión dun boletín informativo no que dúas locutoras reproduciron "literalmente" noticias emitidas nos últimos meses en Radio Galega "co seu habitual e delirante rumbo manipulador".

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 23/10/2024 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

Os sindicatos CUT, CIG, UGT e CCOO solicitaron unha reunión co director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, para "tentar resolver o conflito" actual, que desembocou en paros parciais indefinidos, "mediante o diálogo, inexistente ata o momento, co comité de folga".

Así o informou o Comité Intercentros nun comunicado emitido este mércores, cando se cumpre a oitava xornada de folga "contra a externalización e a manipulación". Un paro que, unha vez máis, provocou problemas de emisión en 'O Termómetro', programa que pon de exemplo da "externalización" e "dilapidación de recursos públicos".

A petición de reunión inclúe, concretamente, aos máximos responsables das secretarías xerais do catro sindicatos convocantes dos paros: Ricardo Castro pola CUT, Paulo Carril pola CIG, Xosé Antón Gómez pola UGT e Amelia Pérez por CCOO.

Este mércores, os traballadores mobilizados concentráronse ás portas da Corporación durante a hora e media que durou o paro --entre as 11.30 e as 13.00 horas para facelo coincidir coa emisión de 'O Termómetro'--.

Alí recibiron a visita de Artistas da Dobraxe Asociados (ADA), colectivo que defende os intereses de actores e actrices de dobraxe e que "se solidarizou coas demandas obxecto da folga" e transmitíronlles aos folguistas o seu "apoio incondicional".

Así mesmo, recibiron a "solidariedade" dos traballadores de Canal Sur, que celebraron concentracións en apoio á folga da CRTVG. Durante a concentración, os traballadores emularon a emisión dun boletín informativo no que dúas locutoras reproduciron "literalmente" noticias emitidas nos últimos meses en Radio Galega "co seu habitual e delirante rumbo manipulador".

Coa locución, explican, queren "concienciar sobre a grave manipulación informativa que practica cada día a CRTVG". "Tan esperpéntica que os noticieros poderían confundirse con parodias", alegan. Advirten tamén que, de non haber avances tras a intercesión das secretarías xerais, a mobilización "podería recrudecerse nas próximas xornadas".

19,4% DE SEGUIMENTO SEGUNDO A CRTVG

Pola súa banda, a CRTVG, consultada por Europa Press, informou de que o seguimento da folga este mércores foi do 19,4%, co que "o 80% do persoal da CRTVG segue sen apoiar a folga convocada polo Comité Intercentros contra a produción do programa 'O Termómetro'.

A Corporación insiste en que para o citado programa úsase "un sistema de coprodución xa usado en múltiples ocasións na TVG e que segue o mesmo esquema utilizado na actualidade por TVE e o resto de canles autonómicas".

Apuntan tamén que ao finalizar 2024, a Corporación contará co 100% do cadro de persoal fixo, "polo que é falso que este programa afecte, agora ou a futuro, aos postos de traballo dentro da CRTVG".

Respecto da folga, lembran que non está secundada por todos os sindicatos e que foi aprobada "nunha Asemblea con 60 votos a favor sobre case 1.000 traballadores" e, aínda que "respectan" o dereito a exercer paros parciais, "lamentan a pretensión de alterar o servizo público e de presionar para que, sen ningunha base legal, a CRTVG cese a relación laboral con dúas produtoras galegas e procédase ao despedimento dos traballadores das mesmas".

Concentración fronte á CRTVG na oitava xornada de folga. COMITÉ INTERCENTROS CRTVG
Concentración fronte á CRTVG na oitava xornada de folga. COMITÉ INTERCENTROS CRTVG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta