'Yo, Mussolini': a irreverencia de Leo Bassi contra o rexurdimento do fascismo e o populismo

A peza teatral, protagonizada polo cómico e bufón de sona internacional, chega ao Auditorio de Verín o vindeiro 14 de decembro ás 20:00 horas.

Por Galicia Confidencial | Verín | 26/10/2024 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

Yo, Mussolini é unha obra de Leo Bassi que, fiel ao seu estilo irreverente, ofrece unha poderosa sátira sobre o rexurdimento do fascismo e o populismo na sociedade actual.

Imaxe de Leo Bassi no seu espectáculo 'Yo, Mussollini'. Foto: Culturactiva.
Imaxe de Leo Bassi no seu espectáculo 'Yo, Mussollini'. Foto: Culturactiva.

Cunha interpretación desmesurada e provocadora, Bassi encarna a figura do ditador italiano para expor, a través do humor, as sombras das ideoloxías autoritarias que volven xurdir con forza. A obra non só é unha crítica directa ao fascismo histórico, senón tamén unha advertencia contemporánea sobre os perigos da manipulación política e o fanatismo. Bassi logra incomodar e facer rir ao mesmo tempo, obrigando ao espectador a reflexionar sobre o presente, sen deixar de lado a súa habitual posta en escena exuberante e chea de momentos desconcertantes.

Un espectáculo de relevancia e urxencia. O público, máis aló da risa, sae do espectáculo cunha sensación de reflexión profunda e incomodidade, o que converte Yo, Mussolini nunha obra impactante, especialmente para aqueles sensibles á realidade política actual.

LEO BASSI, CLOWN DE SONA INTERNACIONAL

Leo Bassi, considerado un dos grandes bufóns do panorama internacional, é ben coñecido polas súas provocadoras actuacións que mesturan humor irreverente e crítica social.

Cunha traxectoria marcada pola sátira política, este artista italiano, pertencente a unha histórica familia de artistas circenses, leva décadas desafiando o poder establecido e denunciando as inxustizas sociais. Ademais da súa traxectoria cirquense, Leo é coñecido por ser o fundador da Igrexa Patólica de Lavapiés e por participar en programas de televisión nacionais e internacionais como Crónicas Marcianas, El Hormiguero ou Late Motiv. 

A peza está programada polo colectivo Ktorce en colaboración co Concello de Verín e as entradas están dispoñibles en Ataquila.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta