Por Moncho Mariño | Santiago | 05/11/2024 | Actualizada ás 22:00
-Cal é o perigo que pode traer a apertura da mina de Doade, unha explotación de litio, sobre o medio e cal será o seu impacto inmediato?
Este tipo de minas constrúen almacenamentos de estériles (refugallos, restos) na superficie da explotación e o perigo está nunha falla destas instalacións. Entendo que nesta mina, que será subterránea, hai un plan para non construír unha instalación de estériles en superficie, senón volver a encher a mina con eses mesmos materiais. Porén, non é posible introducir todos os estériles dentro da mina. O máximo sería o 50%, por iso sería necesaria a construción na superficie dunha área para depositar os refugallos da explotación. Por iso digo que o perigo máis importante sería un colapso destas instalacións. Por último, o máis importante, debemos ter en conta que esta mina e as obras arredor van ser unha obra permanente.
-Por que di que esta permanencia é o máis importante?
A compañía mineira ten que inspeccionar, manter, vixilar e controlar esta instalación permanentemente. Se isto non se fai, unha catástrofe sería unha pegada para todas as xeracións futuras dentro desta área. A explotación mineira é temporal mais a permanencia dos restos é permanente, iso é o máis importante para ter en conta se queremos evitar un colapso.
-Coñece ou tivo contacto coa empresa SAMCA que quere abrir a explotación de Doade e por que elixiu Doade para a extracción de litio?
En realidade, estamos diante dunha operación habitual por parte destas pequenas empresas, e aínda que SAMCA é unha empresa espanola, non ten ningunha mina metálica en operación. En Canadá este tipo de empresas son denominadas “Canadian juniors” ou “Canadian babies”. Chámanse así porque non teñen capacidade para operar a mina senón que compran os permisos e logo revéndenllos a outras empresas moito máis grandes, estas si que teñen a capacidade de abrir e explotar a mina. Hai que ter coidado cos compromisos destas “juniors” en canto ás consecuencias da mina, eles non van traballar na explotación, insisto, só venden os dereitos, os seus compromisos non teñen moito valor. En realidade, estamos diante dunha operación habitual por parte destas pequenas empresas do Canadá.
-Cre que España, e por extensión a Unión Europea, están preparadas para levar adiante actividades extractivas de litio?
Personalmente creo que Europa non está preparada para esta clase de minaría. O motivo é que as lexislacións mineiras europeas son moi débiles, especialmente para almacenar os restos da extracción, os estériles. No caso español a lexislación é moi débil, aínda máis en canto encoros e balsas para augas con restos mineiros. Por exemplo, na maioría dos países é necesario deseñar unha presa para medir cal sería a inundación máxima probable, a maior inundación posible nunha área determinada. Isto faise pensando no retorno que pode dar ese encoro en 10.000 anos. Tamén o deseño das presas de auga deben prever terremotos da maior magnitude para que poidan resistir. No caso español e portugués, os encoros están deseñados para un retorno de 500 anos, están entre as regulamentacións máis permisivas. As construccións “augas arriba” almacenan refugallos estériles da mina dentro de augas, mais estas obras fanse “augas arriba” dos restos mineiros que non foron compactados (terras, pedras e outros materiais). Este tipo de construción está prohibido en moitos países pola súa perigosidade, sobre todo en países latinoamericanos. Este tipo de construcións foi denunciada pola industria mineira o ano pasado. Na mina de Rio Tinto (Huelva) queren aumentar o volume da actual presa usando o modelo de “augas arriba”. Isto sería ilegal en moitos anos. E se isto segue así, España terá o encoro “augas arriba” máis grande de Europa.
-A mina de Doade sería baixo terra. Aínda así, as minas subterráneas son menos perigosas para o medioambiente que as minas abertas?
Sobre ese punto é necesario facer un estudo moi pormenorizado sobre a influencia na hidroloxía subterránea. Non se pode dicir que haxa contaminación simplemente por termos unha mina subterránea, aínda que hai explotacións que contaminan o medio ambiente. Aínda así, na miña opinión, o máis importante é buscar un tratamento para os estériles da mina polo seu impacto nas vidas humanas. Ese é o primeiro punto máis importante, o control dos restos durante a actividade e logo co peche da mina. Despois, é necesario controlar que non se produzan efectos contaminantes na auga e nos ríos.
-Sobre a mina de Touro, cales son os riscos máis importantes que ten esta mina?
Os perigos son case os mesmos mais neste caso existe un plan para crear unha balsa de estériles a 200 metros de Arenteiro. Se houbese unha rotura, un colapso desta balsa, o material almacenado chegaría a Arenteiro en segundos. Debo dicir que China non ten unha boa reputación en canto coidado medioambiental, mais unha explotación como a de Touro sería mesmo ilegal en China. Nese país non se pode construír un almacén de estériles a menos de 1.000 metros dunha comunidade. Por iso digo que é momento de parar e reflexionar sobre se é óptimo construír unha infraestrutura que sería ilegal mesmo en China. Volvo ao que dixen antes, nin Europa nin España teñen regulamentos fortes para afrontar a expansión da minaría.
-Outro dos puntos sinalados como de risco medioambiental é a mina de San Fins. Puido ir vela e que impresión levou?
Aí estamos diante dunha cuestión diferente. Existe un plan para abrir a mina novamente e bombear a auga subterránea, depurala e soltala na ría de Muros-Noia. O problema é que no pasado houbo probas para ver como funcionaba un proxecto piloto para depurar a auga, un proxecto que durou once semanas. Este proxecto piloto funcionou a primeira semana, despois as concentracións de cobre e zinc foron aumentando até que durante as últimas semanas as densidade destes minerais acabaron por ser incontrolables.
-Por outra parte, un dos novos proxectos que se pretende abrir en Galicia é a macrocelulosa de Altri, no Concello de Palas de Rei. Estaría situada moi cerca do nacemento do río Ulla e usaría grandes cantidades de auga que despois de usala sairá quente.
Insisto en que o consumo de auga é algo moi importante cada vez que hai un proxecto industrial. O necesario é tratar esa auga antes de devolvela ao río, e neste caso polo que conta, sería necesaria a súa refrixeración, desde logo. Mais neste caso descoñezo o proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.