Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/10/2024 | Actualizada ás 11:17
O Partido Socialista de Galicia incluíu á secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e ao seu marido, Francisco Antonio Otero, así como a todos os conselleiros de Sanidade desde 2009 --incluída a que ostentase esta responsabilidade durante o bipartito, a socialista María José Rubio--, na súa proposta de comparecencias para a comisión parlamentaria que investigará os contratos da Xunta durante a pandemia, co Grupo Eulen, así como o sobrecusto na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro.
No plan de traballo do PSdeG, ao que tivo acceso Europa Press, figuran diversos familiares de altos cargos do Partido Popular, como Micaela Núñez e Eloína Núñez --irmá e curmá do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo--, así como Tomás Díaz Ayuso e Alberto González Amador --o irmán e a parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso--.
Os socialistas piden que estas persoas acudan ao Parlamento galego a dar conta dos contratos da Xunta coas empresas coas que ten relación. Neste sentido, propoñen que acuda ao Pazo do Hórreo o marido de Paula Prado na súa condición de socio de Allwork vestiario laboral "polo seu volume de contratación coa Administración".
Así mesmo, solicitan que compareza na Cámara galega Tomás Díaz Ayuso, copropietario de Sismédia S.L. polo seu volume de contratación coa Xunta durante a pandemia, así como Alberto González Amador, propietario de Maxwel Cremona S.L., por considerar que foi empresa intermediaria da contratación de MAPE asesores e a Administración autonómica.
En materia de contratos, os socialistas reclaman que sexa chamado a esta comisión Ignacio Pío Cárdenas Botas, irmán da parella de Feijóo, por ser director comercial de Konecta para que se aborden os contratos asinados entre o Executivo autonómico e esta entidade. Ademais, chaman aos responsables de MAPE Asesores Gumersindo Cachafeiro e Francisco Javier Camiño Maculet, así como aos administradores de Sibucu 360 José Ángel Jungal e Diego Mata, ademais do expresidente de Eptisa en Galicia, Tomás Pérez Vidal.
Os socialistas solicitan a comparecencia de Micaela Núñez na súa calidade de directora de Eulen para o noroeste de España e apoderada de Eulen Seguridad tamén para dar conta sobre os contratos asinados coa Adminsitración autonómica. Ademais, piden que compareza a exgenernte da área sanitaria de Sanitago e O Barbanza, Eloína Núñez, polos asinados entre esta xerencia e a empresa da que é directiva a irmá do líder do PP e expresidente da Xunta.
En materia de contratación, o PSdeG pide chamar á comisión de investigación á secretaria xeral de Presidencia, Beatriz Cuíña, e ao seu irmán, Joaquín Cuíña, para analizar o volume de contratación de Gallaecia Patentes e Marcas --da que é administrador Joaquín Cuíña-- coa Xunta. Un asunto polo que tamén propoñen que acuda ao órgano o acutal director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e a súa predecesora no cargo, Nava Castro.
CONSELLEIROS E OUTROS CARGOS DA XUNTA
Outro asunto sobre o que versará a comisión de investigación é sobre o sobrecusto de 400 millóns de euros na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo. A este respecto, o Partido Socialista de Galicia pide chamar ao Parlamento a diversos cargos do Consello de Contas como Juan Carlos Aladro, conselleiro Maior cando se realiza o informe que alerta da diferenza de custo entre as disntas posibilidades existentes, así como a Tomás Pérez Vidal, conselleiro da área do Sergas no organismo fiscalizador e anteriormente membro do Consello de Administración de Pontes e Calzadas, integrante da concesionaria do HAC.
Ademais, suxiren chaman á exconselleira de Facenda Elena Muñoz pola súa responsabilidade como interventora xeral da Comunidade Autónoma cando se informou favorablemente do contrato, así como do que fose conselleiro de Economía co bipartito en 2009 José Ramón Fernández Antonio, o socialista que ostentou o cargo cando se tomou a primeira decisión sorbe o modelo de financiamento, despois modificada polo seguinte goberno.
O PSdeG que estende a súa petición de comparecencia a outros cargos do bipartito, como a citada exconselleira de Sanidade e o que fose secretario xeral do Sergas en 2009, Cayetano Rodríguez Cargos, tamén propón chamar a representantes das empresas implicadas no proceso que finalizou coa construción do HAC, así como ao responsable de Pricewaterhousecoopers Corporate Finace S.L. que realizou o estudo de viabilidade económico financeira do proxecto e asesoramento na valoración de ofertas.
CARGOS DA XUNTA
O PSdeG propón na súa lista que acudan á comisión de investigación todos os conselleiros de Sandiade desde a chegada de Feijóo á Xunta ata a actualidade --Pilar Farjas, Rocío Mosquera, Jesús Vázquez Almuíña, Xullo García Comesaña e Antonio Gómez Caamaño--, ademais doutros cargos de xestión no departamento autonómico.
Suxire chamar á actual titular de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o seu antecesor no cargo, o actual deputado no Congreso Francisco Conde, así como ao que foi conselleiro de Medio Rural e actual titular de Emprego, José González. Ademais, pide que compareza a directora de Seaga, Luisa Piñeiro, así como a presidenta do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.