Localizados os dous socios de Ourense e A Coruña cos que o Centro Galego de Valencia non podía contactar

"Xa están localizados. Non tiñan cobertura nos móbiles e esta mañá recibín o SMS dun dos socios que nos faltaba por situar e explicoume que estaba ben", detallou Fortes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2024 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O presidente do Centro Galego de Valencia, Manuel Fortes, explicou que puido contactar cos seus dous socios que viven en Paiporta, a zona cero da DANA, e lamentou que as condicións "seguen sendo dantescas". "Xa están localizados. Non tiñan cobertura nos móbiles e esta mañá recibín o SMS dun dos socios que nos faltaba por situar e explicoume que estaba ben", detallou Fortes, consultado por Europa Press. Sobre a orixe destas dúas persoas, Fortes indicou que un é da provincia de Ourense e outro orixinario da Coruña.

Efectos da DANA no municipio de Alfafar, a 30 de outubro de 2024, en Valencia
Efectos da DANA no municipio de Alfafar, a 30 de outubro de 2024, en Valencia | Fonte: Rober Solsona - Arquivo

A asociación ten o seu centro social en Massanassa, un dos municipios nos que a DANA causou máis estragos, e na mañá deste xoves puido falar con varios veciños da zona. "Explicáronme que entrou case un metro de auga na planta baixa, está cheo de barro, do mesmo xeito que todo o pobo. É imposible acceder á zona, parece un campo de guerra, con coches amontoados e é imposible entrar", lamentou. Así mesmo, puntualizou que sobre as 12.00 horas deste xoves a Comunidade Valenciana enviou unha alerta aos cidadáns para que limitasen os desprazamentos e facilitar os labores dos servizos de emerxencias.

MINUTO DE SILENCIO ANTE A DELEGACIÓN E SUBDELEGACIÓNS DO GOBERNO

Galicia trasladou este xoves a súa solidariedade coas vítimas e os afectados pola DANA. Así, gardáronse minutos de silencio ante a Delegación do Goberno, na Coruña, e nas subdelegacións. Tras o acto na cidade herculina, o delegado do Executivo central, Pedro Blanco, transmitiu unha mensaxe de "agarimo, apoio e proximidade ás persoas afectadas, aos seus familiares e achegados" así como toda a "axuda necesaria". "O importante é atender ás persoas e o Goberno de España non vai deixar absolutamente a ninguén á marxe nin atrás", recalcou.

Cuestionado pola posible existencia de galegos entre as 95 persoas falecidas ata o momento, apuntou que "é moi pronto" para "dar ningún tipo de identificación". Así mesmo, puxo a disposición da poboación tanto a Delegación como as Subdelegacións do Goberno para servir de "vehículo de ligazón" para contactar cos galegos que "residían alí por motivos de lecer ou de traballo" que non estean localizables pola súa contorna.

AXUDAS

Respecto de liñas de colaboración cidadá cos damnificados, Blanco explicou que se abrirán contas solidarias que se farán públicas a través das redes sociais para "canalizar dalgunha maneira calquera tipo iniciativa privada ou particular". Non entanto, insistiu en que de momento "estamos na fase inicial, non se acabou a emerxencia".

O minuto de silencio na Coruña, contou coa asistencia, entre outros, do presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez Dapena; o da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; así como persoal do persoal da Delegación do Goberno e integrantes das forzas e corpos de seguridade do Estado. Ademais, este mércores gardáronse minutos de silencio ante as sedes das principais institucións de Galicia, como o Parlamento galego, a Xunta de Galicia, as deputacións e os concellos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta