Por E.P. | OURENSE | 04/11/2024 | Actualizada ás 16:53
A Audiencia Provincial de Ourense condenou a 10 anos de cárcere ao noivo de Nerea Añel, a moza cuxo corpo foi localizado oito meses despois da súa desaparición na canle dun río en Barbadás. En concreto, considérao responsable dun delito de homicidio por omisión.
O fallo, do que informou este luns o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), prodúcese despois de que o pasado mes de xuño o propio alto tribunal galego declarase nula a primeira sentenza emitida pola Audiencia Provincial, por alcanzar "unha conclusión diferente á emitida polos xurados, que atenderan a tese acusatoria".
Por iso, ordenou retrotraer as actuacións ao momento anterior a ditarse a resolución, co obxectivo de que se ditase outra setencia que fose conforme ao veredicto de culpabilidade emitido polo xurado. E é que o tribunal popular entendera que o falecemento da vítima produciuse pola omisión de auxilio do investigado.
Na resolución, o maxistrado presidente do Tribunal do Xurado indica que o acusado, tal e como se considerou probado na acta do veredicto, "atopábase presente no momento no que se produciu o traumatismo cranioencefálico vertebral da vítima e non lle prestou a asistencia necesaria para evitar o seu falecemento".
Desta forma, entendeu acreditado que o falecemento da muller, que tiña 26 anos, "foi provocado pola falta de asistencia que debeu prestarlle a súa parella despois de producirse a súa caída nun punto non determinado".
O xurado asume, desta forma, a tese sostida polos médicos forenses de que as lesións que presentaba a vítima foron consecuencia dunha caída por precipitación, que estiman predominantemente accidental. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de apelación ante o TSXG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.