Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/01/2016 | Actualizada ás 18:12
Non fala moito pero cando fala, o portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, non deixa a ninguén indiferente. Este venres acusaba a El Rei de dar "un mini golpe pacego" na proposta que lle fixo a Mariano Rajoy para presentarse á investidura como xefe do Executivo.
Unhas declaracións que se producían, curiosamente, ao mesmo tempo que a voceira de En Marea –e tamén integrante de Anova--, Alexandra Fernández, mantiña con Felipe VI un encontro na rolda de contactos para conformar goberno.
Beiras dixo que cando o monarca español recibiu a Mariano Rajoy xa coñecía a disposición de Pedro Sánchez para ser candidato no caso de que o candidato do PP declinase a oferta do monarca de presentarse á investidura. "Iso sabíao o rei. Cando Rajoy dille (a Felipe VI) que el non vai ser candidato, e o rei sabe que Mariano Rajoy non vai a candidatarse e sabe en cambio que Pedro Sánchez si se candidata se Rajoy desiste e que ten o apoio de Podemos”, indicou, “e este rei, Borbón, no canto de facer o que di a Constitución fai como que non se decata e propón a Mariano Rajoy".
O veterano político galego indicou que Felipe VI fixo isto "para dar tempo a que toda a conxura e o cristo dentro do PSOE, provocado polo levantamento de cartas tapadas feito por Podemos, paralice todo e se cree a gran maraña para ver se ao final pode seguir todo como estaba".
Beiras destacou o papel do líder de Podemos, Pablo Iglesias, do que dixo que realizou "unha operación maxistral das que se dan poucas veces na política de Estado". “Levantou todas as cartas tapadas dicindo claramente que eles estaban dispostos a un acordo co PSOE para unha investidura de Pedro Sánchez e un goberno de coalición no que eles tivesen a vicepresidencia".
Xuntanza de En Maea con El Rei
Por outra banda, a portavoz de En Marea, Alexandra Fernández, instou ao PSOE e a Pedro Sánchez a que na reunión do Comité Federal do sábado non caia na tentación do inmobilismo e o "felipismo zombie" e escolla conformar un Goberno de cambio e ilusión con Podemos e non "gran decepción".
Fernández, en rolda de prensa no Congreso, tras a reunión que mantivo co Rei, a quen trasladou que é urxente un cambio de Goberno para que o PP non siga adoptando decisións en funcións e actuando "a golpe de cacicada" como ao seu xuízo fixo ao conceder a Ence unha prórroga para continuar coa súa actividade na Ría de Pontevedra 60 anos máis.
Así mesmo, insistiu no seu desexo de que os socialistas respondan os intereses dunha maioría social e lanzou unha chamada ao PSdeG para que se some a esta vontade de cambio porque "a súa decisión tamén pode comprometer un posible cambio de goberno en Galicia".
“Unha gran coalición PP-PSOE-Ciudadanos dará ás tamén ao goberno decadente de Alberto Nuñez Feijóo en Galicia e ás políticas zombis do expresidente do Goberno Felipe González en favor de grandes acordos...Nótase que hai dúas almas no PSOE", lamentou.
Por iso, apremou a Pedro Sánchez a "ser valente" de face ao seu Comité Federal e a abrir xa un diálogo sobre a oferta de Goberno lanzada por Igleisais, aínda que para ela ese diálogo ten que centrarse nas propostas concretas "máis aló da dicotomía" -dixo- de entrar ou non no Goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.