Caballero anuncia tres concertos benéficos e manifestacións para apoiar o AVE a Vigo e a Autovía Vigo-Porriño en túnel

O Pleno vigués do AVE acaba convertido nun cruzamento de reproches, sen acordo unánime e co PP abandonando a sala.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 07/11/2024 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

O pleno extraordinario convocado en Vigo polo alcalde para defender o AVE Vigo-O Porto no horizonte de 2030 e o AVE directo a Madrid por Cerdedo aprobou, co voto do grupo de goberno e a abstención do BNG --o PP abandonou a sala cualificando a sesión de "farsa"--, a moción defendida polo propio Abel Caballero, aínda que se converteu nun cruzamento de acusacións entre PSOE e PP, e tamén de reproches do rexedor cara ao BNG, e incapaz de chegar a un acordo unánime de cidade para a defensa duns proxectos de infraestruturas estratéxicos.

O PSOE fixo valer a súa maioría absoluta para dar luz verde á proposta exposta por Caballero, de demandar aos gobernos de España e Portugal o AVE Vigo-O Porto para 2030, de avanzar na Saída Sur e na que tamén se pide expresamente recoñecer os pasos dados polo goberno de Pedro Sánchez e esixir do PP e o BNG que "pidan perdón" polas súas posicións de paralización ou silencio ante decisións que relegaban á cidade a quedar sen esa conexión.

Ademais, o alcalde aproveitou a súa intervención para anunciar a convocatoria de tres concertos reivindicativos e manifestacións os próximos 26 de novembro, 11 de decembro e 3 de xaneiro para reivindicar e defender o AVE a Madrid, o AVE ao Porto e a nova autovía Vigo-O Porriño en túnel.

O PP presentou unha emenda para que se eliminasen os puntos referentes ao recoñecemento ao Goberno de España "de seguir co proxecto paralizado e abandonado polo goberno de Rajoy", e tamén o relativo á esixencia dunha desculpa. Ao non aceptarse esa emenda, o grupo acabou por abandonar o pleno, acusando o goberno local de convocar unha "farsa", sen interese por chegar a un acordo de cidade.

Mentres, o BNG, tamén emendou a moción do alcalde, para propor un acordo único de esixir ao Goberno central o AVE Vigo-O Porto en 2030 e coas dotacións orzamentarias precisas. A emenda tampouco foi aceptada e, ante a petición do grupo nacionalista de votar a moción "por puntos" separados, o alcalde tampouco aceptou, de maneira que o BNG acabou por absterse.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, no pleno extraordinario celebrado o 7 de novembro de 2024, en defensa do AVE Vigo-O Porto e o AVE Vigo-Madrid
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, no pleno extraordinario celebrado o 7 de novembro de 2024, en defensa do AVE Vigo-O Porto e o AVE Vigo-Madrid | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Nin turno de réplica, nin votación por puntos... A Democracia en Vigo é Pura Tiranía https://concellodevigo.seneca.tv/wa...