Temas: DVICIO

Xantar 2016 terá unha especial dedicación ao entroido

O XVII Salón Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense terá lugar do 3 ao 7 de febreiro, refórzase a compoñente profesional do salón con tres aulas gastronómicas e unha de cata que presentarán un cento de experiencias, México será o país convidado e o entroido será un dos protagonistas dentro do programa.

Por X.M. Fernández | Ourense | 02/02/2016 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

Expourense acollerá esta semana a 166 expositores que ocuparán 12.000 metros cadrados de superficie e entre os que destacan 14 restaurantes que ofrecerán máis de vinte menús con prezos comprendidos entre os 12 e os 30 euros baseados nos produtos autóctonos e de calidade de cada rexión procedentes de México, Portugal e España. Haberá ademais menús infantís e adaptados para celíacos.

Presentación oficial Xantar 2016
Presentación oficial Xantar 2016

A presenza nesta edición de expositores e participantes de 10 países (España, Portugal, Costa Rica, México, A Arxentina, Francia, Perú, Cuba, Ecuador e Paraguai) vén consolidar a súa condición de "Feira Comercial Internacional", un selo outorgado pola Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía e Competitividade, que o converte nunha das cinco citas internacionais de turismo celebradas en España (dúas das cales organiza Expourense) e na única especializada en gastronomía

México, país convidado

O Estado de Morelos representará a México como país convidado en Xantar 2016 e farao realizando un gran despregamento que contribuirá a situalo como gran destino culinario internacional. Morelos participará en todas as actividades do salón para as que previron a presenza en Ourense dunha ampla delegación de empresarios da hostalaría e a gastronomía do estado.

Morelos vai ofrecer aos visitantes a Xantar un menú composto por varios pratos integrados na tradición culinaria mexicana preparados cunha técnica vangardista e estará maridado con viños da Denominación de Orixe Ribeiro. Para elaborar este menú, Morelos despraza ata Expourense a un grupo integrado por oito dos seus mellores chefs que ademais realizarán varios showcookings sobre cociña mexicana acompañados por viños da D.O. Ribeiro.

Aula Gastronómica
Aula Gastronómica

Entroido

Xantar 2016 estará especialmente dedicado ó Entroido convidando aos visitantes a participar no recinto desta festa cunha forte compoñente gastronómica. Para o mércores 3 e xoves 4 de febreiro organizáronse varias actividades para animar a anticiparse aos días grandes de Entroido. Haberá concursos de disfraces, sorteos, animación, desfiles de entroidos ancestrais da provincia de Ourense e menús a prezos especiais para grupos e comparsas.

Restauración

A promoción da calidade da gastronomía ibérica a través de elaborados menús será outro dos obxectivos principais desta edición. Os 14 restaurantes desta edición proceden de Galicia, Castela e León, Asturias e de Portugal, ademais de México. En total, ofreceranse máis de vinte menús baseados nos seus produtos autóctonos e de calidade, xa que a maioría inclúen alimentos amparados por unha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida. Contribuirase así á posta en valor dos alimentos agrogandeiros e pesqueiros de calidade. Relacionado con isto está unha das principais novidades desta edición, o restaurante “Experiencias en Calidade” patrocinado pola Consellería de Medio Rural que ofrece un menú composto por produtos certificados.

Actividades

O programa de actividades de Xantar 2016 incluirá tanto conferencias de expertos como exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións incluídas no chamado “Encontro Internacional sobre Dieta e Saúde” que afronta xa a súa 11ª edición. En total, máis de 100 actividades orientadas a profesionais e afeccionados. As actividades deste ano terán o obxectivo de apostar pola profesionalización do sector.

Para dar cabida a este amplo programa de actividades, Xantar contará por primeira vez con tres aulas gastronómicas ás que se suma unha de Cata. Unha delas estará patrocinada por Repsol, que se suma á lista de patrocinadores do salón, e que será ademais a encargada de organizar o showcooking nos que participará Pepe Solla. Esta actividade está organizada para os seus clientes de gas propano  e o  acceso ao evento será con invitación do patrocinador.

Outra das Aulas será a reservada ao “Mar” e estará equipada por The Singular Kitchen. Nela realizaranse actividades coordinadas pola Consellería do Mar baixo o título “Os sabores do Mar de Galicia”. A última destas aulas estará coordinada pola Consellería do Medio Rural e equipada por Rational-Maderfri e nela poñeranse en valor as materias primas de calidade como os produtos adscritos ás Denominacións de Orixe ou con Indicación Xeográfica Protexida e Ecolóxicos.

Cabe destacar a cantidade e calidade de chefs galegos, mexicanos, portugueses e costarricenses que van impartir exhibicións de cociña nesta edición. Dende o propio Pepe Solla ou Flavio Morganti, con Soles Repsol, pasando por Álvaro Villante, Lucía Freitas ou Emma Pinal, entre moitos outros.

Ademais da compoñente práctica, este Encontro incluirá tamén conferencias sobre a etiquetaxe nos alimentos, impartida pola Consellería de Sanidade ou sobre os riscos no sector da hostalería que correrá a cargo do Centro Superior de Hostalería de Galicia. Destacan ademais a conferencia inaugural sobre  a cocina galega “tradición e innovación”, impartida polo chef galego Manuel Domínguez, do restaurante Lúa de Madrid, con Estrela Michelín.

Xantar 2016 aposta firme por fomentar a cultura vitivinícola de Galicia e repite nesta edición a creación dun Túnel do Viño que amplía con respecto á experiencia do ano anterior. O obxectivo é servir de escaparate internacional ao viño galego e poderán consultarse e probarse referencias das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia. É un espazo que ten o obxectivo de potenciar o consumo do viño de calidade

producido en Galicia entre os visitantes profesionais que cada ano chegan ata Expourense procedentes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como das comunidades limítrofes, ademais de contar coa participación de prensa especializada e bloggers gastronómicos de toda a Península Ibérica.

Outra das actividades que terá continuidade será o XII Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas que espera repetir o éxito da última edición na que reuniu a máis de 40 entidades sendo o segundo encontro deste tipo con máis representantes a nivel mundial.

Promoción do turismo de proximidade

Xantar 2016 puxo en marcha diversos paquetes turísticos que teñen o obxectivo de fomentar o turismo interno e de proximidade estimulando ao público final a visitar Ourense e reforzar un dos obxectivos principais desta cita: promocionar o turismo a través da gastronomía. Convén lembrar ademais que todos os visitantes que acudan ao salón en tren desde calquera parte de España obterán un 35% de desconto que pode obterse en www.xantar.org.

Temas: DVICIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta